Cajoto propón que a Xunta custee o auditorio de Foz, con dependencias para a escola de música e cines

Os partidos deberán abordar de novo a ubicación da infraestrutura, "moi demandada" polo tecido asociativo, xa que o testamento do Patronato Martínez Otero impide o uso da horta do asilo

Zona na que se ubica o omplexo deportivo municipal de Foz. GOOGLE MAPS

A alcaldía de Foz levará ao vindeiro pleno unha proposta para instar á Xunta de Galicia a financiar integramente un novo auditorio para o municipio, unha instalación á que se deberá buscar unha nova ubicación ao impedir o testamento legado pola Fundación Martínez Otero utilizar parte da horta do asilo para outro uso que non sexa o de xeriátrico. O Concello quere que o inmoble conte con dependencias para a escola de música e unhas salas de cine que permitan recuperar a oferta perdida.

O alcalde, o socialista Fran Cajoto, sinala que o obxectivo da iniciativa é “que todos os grupos políticos da corporación vaiamos na mesma dirección” antes de solicitar a colaboración á Administración autonómica. O rexedor salienta que se trata dunha infraestrutura “moi demandada” polas “máis de 80 asociacións culturais” de Foz e tamén pola escola de música, que “hoxe en día supera os 200 alumnos”.

O rexedor dubida de que poida haber “unha programación cultural axeitada, especialmente en inverno”, sen este servizo, que reclama para un municipio “de máis de 10.000 habitantes”, lembra.

O alcalde quere incluír no proxecto “unhas salas de cine, que suporían un salto de calidade“. Así, explica que no auditorio “poderíase incluír unha área de explotación, cun mantemento que non daría practicamente custo para o Concello. A xente lembra moito a oferta de ocio que ofrecían os Cines Pequenete“, remarca.

Así, a intención é que o auditorio “non sirva simplemente para acoller actividades de cando en vez, senón para darlle vida a Foz e saída ao tecido asociativo“.

A ALCALDÍA QUERE “EMPEZAR DESDE CERO” O PROXECTO

Malia que o anterior goberno do Partido Popular (PP) redactou un anteproxecto do auditorio, que pretendía levantar na horta do antigo asilo, Cajoto sostén que a intención do Concello “é empezar desde cero” pois, entre outras cuestións, “a ubicación non é posible ao impedilo o testamento legado pola Fundación Martínez Otero. Hai unha parte da hora do asilo que non pode ter un uso distinto do actual”, indica.

Deste xeito, será necesario un consenso que non se acadou no anterior mandato, ao propoñer as distintas formacións políticas ubicacións diferentes para a infraestrutura. BNG e Foz Plataforma de Futuro apostaban polo solar de Vialmar, fronte á casa da cultura, unha proposta rexeitada por socialistas e populares.

No tocante á ubicación, Cajoto rexeita decantarse e sinala que hai “varias posibilidades”: “podería ser a continuación da piscina municipal, para o que habería que contar co apoio de Portos de Galicia. Pero hai tamén solares dotacionais así considerados dentro do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) na zona das Torres ou no peirao“, remarca. Neste sentido, subliña que “é importante que a área conte con espazo para un aparcadoiro“.

Cajoto propón “iniciar o proxecto desde cero, contando cos servizos técnicos da Xunta, que teñen experiencia na construción destas instalacións e que nos orienten sobre as ideas que poidan xurdir. Queremos que sexan deseñadores tamén dese anteproxecto”, sinala.

OBRAS CUSTEADAS “INTEGRAMENTE” EN MARÍN OU RIBEIRA

No relativo ao financiamento, o anterior rexedor, Javier Castiñeira, acordara co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un financiamento a tres bandas para a infraestrutura, cunha achega de 700.000 euros por cada administración: autonómica, provincial e local.

Cajoto expón que o Concello “non se pode facer cargo dese orzamento nin dunha parte” e precisa que a Xunta de Galicia custeou integramente os auditorios das localidades de Lugo, Ribeira ou Marín. “Nós non queremos ser máis nin menos ca ninguén”, asegura.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here