Cervo protagoniza a primeira demostración pública de integración de drons no espazo aéreo español

O polígono de Cuíña foi un dos dous escenarios en todo o Estado das probas para testar a convivencia de aeronaves non tripuladas con actores como a aviación comercial

Pista de drons do Polígono de Cuíña. AXM

O Concello de Cervo protagonizou a primeira demostración pública de integración de drons no espazo aéreo español.

Deste xeito, o Polígono de Cuíña, onde o Concello habilitou un espazo adaptado ao manexo de drons, foi testemuña, da man do Instituto Tecnolóxico de Galicia, deste exercicio con vó real, que se desenvolveu de xeito paralelo tamén na localidade xienense de Villacarrillo -os dous únicos escenarios destas probas dentro do territorio español-.

A demostración foi concibida co obxectivo de testar a convivencia segura, ordenada e eficiente de aeronaves non tripuladas co resto de actores que comparten o uso do espazo aéreo, como a aviación comercial e xeral.

As probas contemplaron escenarios diversos, como o uso de aeronaves non tripuladas para o envío de paquetería ou a súa utilización nunha emerxencia por incendio.

O rexedor, o popular Alfonso Villares, subliñou “a aposta que está a facer este equipo de goberno que nos permite agora situar a Cervo no mapa da vangarda tecnolóxica” e destacou “a importancia que poden ter para o noso municipio este tipo de ensaios, que establecen ao noso municipio como punto estratéxico de referencia para un sector en potencial crecemento, como é o mundo do drons”.

NO 2020, 100.000 DRONS NO AIRE EN EUROPA

Nesta liña, precisou que a Comisión Europea estima que en 2020 sucarán os ceos 100.000 drons e en 2050 operarán xa medio millón de unidades. Calculan, ademais, que as actividades vencelladas ás aeronaves non tripuladas xerarán 100.000 novos empregos e acadarán unha cifra de negocio de 10.000 millóns de euros ao ano.

O rexedor avanzou que en vindeiras datas o Concello de Cervo asinará un convenio específico co Instituto Tecnolóxico de Galicia que permitirá reforzar aínda máis esa firme aposta polo I+D+I, en concreto, neste caso, polo sector dos drons.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here