IniciosociedadeA Mariña Lucense resiste como baluarte do galego, con case o 76%...

A Mariña Lucense resiste como baluarte do galego, con case o 76% dos falantes

A bisbarra é a oitava área xeográfica con maior porcentaxe de galegofalantes, segundo unha enquisa do IGE pertencente a 2018 e publicada este venres

Publicada o

- Advertisement -

A Mariña Lucense resiste como un dos baluartes do galego cun 75,85% de falantes, segundo a ‘Enquisa estrutural a fogares‘ sobre o coñecemento e o uso do idioma realizada no ano 2018 e publicada este venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

A sondaxe, que podes consultar íntegra nesta ligazón, conclúe que o número de galegofalantes en Galicia é lixeiramente maioritario, co 52,29%, por un 47,71% de falantes en castelán.

FENDA XERACIONAL

No tocante ás competencias no idioma, compróbase unha fenda xeracional, pois só o 8,84% dos galegos de 65 anos ou máis manifesta que non sabe falar galego, mentres que entre os menores de 15 anos a porcentaxe sitúase no 23,90%.

No tocante á lingua habitual de escritura, o castelán segue a ser a lingua máis utilizada polas persoas que viven en Galicia. A porcentaxe de poboación que habitualmente escribe en galego é do 16,64%, polo 82,11% que redacta preferentemente en castelán.

Por áreas xeográficas de Galicia, A Mariña sitúase como a oitaba bisbarra con maior proporción de galegofalantes, por detrás de A Coruña suroriental (93,14%), A Costa da Morte (92,43%), A Barbanza-Noia (88,85%), A Montaña lucense ou Lugo Oriental (88,50%), Ourense sur (88%), Pontevedra nororiental (81,85%) e O Carballiño-Ribeiro (76,42%). Un estudo da Real Academia Galega (RAG) do período 1992-2013 consideraba a comarca como unha das reservas do galego, unha das zonas de “prevención” do idioma.

CANTA MÁIS DENSIDADE DE POBOACIÓN, MENOS GALEGO

Compróbase desta secuencia que nas zonas menos poboadas, como o sur de Ourense, a Montaña de Lugo ou mesmo A Mariña, é onde o galego resiste como lingua maioritaria.

Nas zonas de maior densidade de poboación, a porcentaxe descende considerablemente: na área da Coruña cae ao 33,55%; na de Vigo ao 25,50; na de Ourense ao 39,85; en Ferrol, ao 33,75%; en Pontevedra, ao 38,82%. Lugo capital (65,04%) e Santiago de Compostela (55,39%) aguantan como as únicas dúas das sete cidades galegas con predominio do galego.

A provincia de Lugo segue a ser, con diferenza, aquela na que máis se fala galego, cun 70,40% de galegofalantes, fronte aos 52,93% da Coruña, os 61,62% de Ourense e os 42,16% de Pontevedra.

GALICIA 52,29 47,71 100,00
15 A Coruña 52,93 47,07 100,00
   151 A Coruña suroriental 93,14 6,86 100,00
   152 Ferrol-Eume-Ortegal 33,75 66,25 100,00
   153 Área da Costa da morte 92,43 7,57 100,00
   154 A Barbanza-Noia 88,85 11,15 100,00
   155 Área da Coruña 33,55 66,45 100,00
   156 Área de Santiago 55,39 44,61 100,00
27 Lugo 70,40 29,60 100,00
   271 Lugo sur 67,19 32,81 100,00
   272 Lugo oriental 88,50 11,50 100,00
   273 Lugo central 65,04 34,96 100,00
   274 A Mariña 75,85 24,15 100,00
32 Ourense 61,62 38,38 100,00
   321 O Carballiño-O Ribeiro 76,42 23,58 100,00
   322 Ourense central 69,45 30,55 100,00
   323 Ourense sur 88,00 12,00 100,00
   324 Área de Ourense 39,85 60,15 100,00
36 Pontevedra 42,16 57,84 100,00
   361 Pontevedra nororiental 81,85 18,15 100,00
   362 Pontevedra sur 58,56 41,44 100,00
   363 Caldas-O Salnés 63,40 36,60 100,00
   364 O Morrazo 40,56 59,44 100,00
   365 Área de Pontevedra 38,82 61,18 100,00
   366 Área de Vigo 25,50 74,50 100,00

 

No tocante aos medios de comunicación, chama a atención o dato da prensa; o 59,10% dos residentes en Galicia de 16 ou máis anos sempre le a prensa en castelán, o 54,03% só le libros en castelán, o 69,47% navega pola rede sempre neste idioma e o 52,07% emprégao sempre nas redes sociais.

“ESTRANXEIRIZACIÓN” DO IDIOMA

A Xunta de Galicia e maila Mesa pola Normalización Lingüística diferiron na súa lectura sobre a enquisa. O Goberno autonómico fai fincapé en que o galego se consolida “como lingua maioritaria” e como o idioma “con mellores índices de coñecemento de todas as comunidades autónomas con linguas cooficiais​”, segundo subliñou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que ve “positivos” os datos. 

Marcos Maceira, da Mesa Pola Normalización Lingüística, salienta que a enquisa proporciona “un dato aterrador” sobre o “mal chamado decreto do plurilingüismo”. Así, subliña que no tramo de idade no que se aplica, entre os cinco e os 15 anos, o 30,04% recoñece non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008, ano da última enquisa anterior á entrada en vigor da normativa. Deste xeito, conclúe a Mesa, estase a producir unha “estranxeirización” do idioma.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...