A Xunta suprime a aula de infantil de Trabada ao quedar con catro alumnos

Balseiro asegura que manter a unidade sería "un agravio comparativo" para colexios coma os de Navia de Suarna, Samos ou O Courel, que non contan con ela

Nenos do colexio nun obradoiro de cociña. CEIP CELSO CURRÁS

EFE. O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, confirmou este luns que a Consellería de Educación decidiu suprimir a aula de infantil do colexio público de Trabada, dado que o centro non chegou ao número de alumnos mínimos para manter esa unidade.

O Concello de Trabada puxo en marcha unha novidosa iniciativa para acadar que familias con fillos en idade infantil se empadroase no municipio, que consistía en ofrecerlles vivenda de forma gratuíta e a posibilidade de atopar un traballo na localidade, todo coa intención de evitar a supresión desa unidade no colexio público.

O CONCELLO OFRECERA VIVENDA GRATIS POR MATRÍCULAS

O goberno local conseguiu que dúas familias escolarizasen deste xeito aos seus fillos no Ceip Celso Currás, pero finalmente unha delas decidiu marchar do municipio, polo que a matrícula en infantil reduciuse de seis a catro alumnos.

Balseiro precisou que agora mesmo no colexio de Trabada hai 30 alumnos matriculados, dos que 26 son de primaria e catro de infantil.

Aclarou que a Consellería de Educación tomou a decisión de suprimir esa unidade para evitar un “agravio comparativo” con outros municipios, dado que “en Navia de Suarna hai cinco alumnos” e en concellos como “Samos e O Courel, catro en cada un”, pero “non teñen unidade específica de infantil”.

MANTERASE A MODALIDADE DE “ESCOLAS AGRUPADAS”

En Trabada manterase a modalidade de “colexios agrupados“, que é “típica no rural” de Galicia e que, a priori, “non debera influír no rendemento dos alumnos”, argumenta Balseiro. Así, nenos de infantil e primaria estarán na mesma aula.

Balseiro recoñeceu que “a campaña” que puxo en marcha a alcaldesa tivo “moita proxección mediaticamente“, pero criticou que o Concello “non adoptase outro tipo de medidas” para “facer atractiva” a matriculación no colexio da localidade de nenos que son de Trabada e que agora mesmo están escolarizados “ata en Asturias“.

1 COMMENT

  1. Ao tal Balseiro ben lle podían suprimir o cargo ! Non vaia ser que outros Delegados Territoriais consideren un “agravio comparativo” o feito de SUPRIMIR AULAS DE INFANTIL (en lugar de mantelas!)

    Eu estou polo modelo de Delegacións Territoriais Agrupadas ! (un soldo e que se apañen!)

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here