García: “sen empatía da Xunta non se corrixe a sangría demográfica, e sen servizos a xente marcha”

A alcaldesa de Trabada asegura que "non renuncia" a pedir ao Goberno galego que restitúa este mesmo curso a unidade de infantil suprimida de haber novas matrículas

Mayra García, alcaldesa de Trabada. AXM

A alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García, non renuncia a volver contar coa unidade de infantil despois de que a Xunta de Galicia eliminase dita aula ao non chegar a matrícula a seis pícaros, xa que finalmente foron catro os inscritos, no CEIP Plurilingüe Celso Currás.

A decisión da Consellería de Educación obedece a que non se alcanzou o mínimo de seis alumnos, pese aos “esforzos” do Concello, que chegou a ofrecer vivendas gratuítas para familias con menores en idade de matriculalos na escola.

Segundo manifestou a alcaldesa, gustaríalle que “non eliminasen a unidade e que nos desen de marxe este ano, pero non foi así, aínda que non pechamos ningunha porta“, abundou.

“O que fixemos en parte tivo a súa recompensa, no sentido de que hai tres pícaros máis no colexio e, evidentemente, non nos vai desmotivar non alcanzar os obxectivos en apenas tres meses”, manifestou.

Neste sentido, comentou que non renuncia a que neste curso se volva implantar dita aula, xa non para o ano que vén. “Si este curso viñesen novas familias e conseguísemos seis pícaros reclamariamos que se habilitara de novo esa unidade“, ha argumentado.

O municipio de Trabada, de pouco máis de 1.100 habitantes, ofrecera vivendas gratis para poder cubrir as prazas de infantil. Respecto diso, cedeuse unha na que vive unha familia con eses tres pequenos que estudan no colexio.

LAMENTA A “FALTA DE FLEXIBILIDADE” DE EDUCACIÓN

García criticou á Xunta dado que “non houbo ningunha flexibilidade á hora de deshabilitar a aula. Nós seguiremos abertos a que se interesen máis familias poñendo á súa disposición os poucos recursos con que conta o Concello”, destacou.

Dúas familias aceptaron a oferta do Concello de vivenda de balde a cambio de matricular pequenos no colexio, pero unha delas optou por marchar e o número de alumnos en infantil pasou de seis a catro.

Así mesmo, insistiu a alcaldesa en que o que fixeron foi “coa mellor vontade do mundo”. “Conseguimos tres pícaros máis, pero non conseguimos que a Xunta non nos eliminase servizos“, lamentou.

“Eu pido a colaboración das Administracións porque combater a sangría demográfica que atravesa Trabada e moitos dos concellos de Galicia non se vai a corrixir en solitario por parte de ningún concello. Necesitamos a empatía das administracións. Se no rural se eliminan servizos vai ter un gran custo porque ao final a xente vaise acabar marchando“, concluíu García.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here