Unhas rutas guiadas mostrarán o traballo na lonxa de Burela

Concello e Absa colaboran na iniciativa, que quere potenciar o porto como reclamo turístico

Presentación do proxecto, con Fernández e Basanta. AXM

O Concello de Burela, en colaboración con Armadores de Burela, S. A. (Absa), impulsará roteiros á lonxa burelesa desde este luns ata o 31 de agosto. A iniciativa pretende promocionar o porto pesqueiro como un recurso turístico e patrimonial do municipio.

Poderán participar na ‘Ruta da Lonxa‘ grupos de ata 30 persoas. Os luns, o horario será de 18.30 a 19.30 horas. De martes a xoves, a actividade está prevista de 19.30 a 20.30 horas e os xoves de 19.00 a 20.00. Anotan no consistorio, os luns, e na oficina de turismo, de martes a venres.

HABERÁ 30 PRAZAS POR ROTEIRO E OS PARTICIPANTES COÑECERÁN O ETIQUETADO, AS SUBASTAS OU AS ESPECIES QUE SE RULAN

Os participantes nos roteiros serán recibidos por persoal de Armadores de Burela, que os acompañará pola lonxa e nas subastas. Así, os visitantes poderán coñecer como se rula o peixe, como se etiqueta e información sobre as especies que se venden no peirao burelés.

FALTA DE CONTROL

O concelleiro de turismo, Ramiro Fernández, explica que “presentamos esta iniciativa porque desde Absa nos dicían que non había moito control no tema das visitas. Temos que recordar que é un centro de traballo e polo tanto non se pode andar ao libre albedrío. Os asistentes van ter que asinar un documento no que aceptan unhas condicións para poder facer esta visita á lonxa de Burela, que é un dos atractivos turísticos do noso municipio”, precisa o edil.

OÍR AO SUBASTADOR, ALGO ÚNICO

Miguel Neira, xerente de Absa, lembra que “nos últimos anos detectamos que á xente encántalle vir á lonxa, principalmente nos meses de verán”, e expón que aos visitantes chámalles moito a atención, entre outros aspectos, “a cantidade de información que hai nunha etiqueta nun centro de primera venta. A subasta séguese a facer de viva voz, pero toda a información xa está cargada ao sistema. Pero oír ao subastador, coa velocidade que o fai e a capacidade de ir baixando os prezos, encántalle ao turista”, indica.

Fernández e Abelardo Basanta, presidente de Armadores de Burela, presentaron o proxecto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here