Iniciosociedade"Preocupación" en Foz ao non reservar a Xunta orzamento en 2020 para...

“Preocupación” en Foz ao non reservar a Xunta orzamento en 2020 para dragar o Porto Chico

A Ribeira lamenta que a falta de abrigo e de calado da zona afectará a pescadores deportivos, barcos profesionais e tarefas de socorrismo

Publicada o

- Advertisement -

A asociación A Ribeira de Foz mostrou este luns a súa “preocupación” logo de que se coñecese que os orzamentos da Xunta de Galicia de 2020 “non destinan nada” para solucionar “os graves problemas” do peirao deportivo focego, coñecido como Porto Chico ou Tupide.

Despois de que Portos de Galicia fixese públicos os orzamentos para o vindeiro ano na Mariña Lucense, onde reserva 1,36 millóns de euros para actuacións en Viveiro, Burela, Ribadeo e Xove, A Ribeira “felicita a estes concellos, que teñen moita necesidade de que se mire polos seus peiraos e de que por fin se lles dea atención, como a que se nos deu o ano pasado dragando e arranxando despois de 40 anos o peirao do muelle“.

Sen embargo, a asociación lamenta que “como mínimo outro ano máis, as 70 embarcacións deportivas que atracan neste peirao van seguir quedando varadas en seco nas mareas baixas, e o peor é que van a seguir sufrindo os temporais deste inverno pola falta de abrigo que o deseño actual do peirao ofrece, o que fará perigar as embarcacións“.

“Un ano máis, este inverno teremos que retirar e subir as embarcacións a terra para evitar a posible perda das mesmas, e os barcos profesionais van seguir sen poder usar este peirao que tanto necesitan pola mesma falta de abrigo e calado”, prosegue o colectivo.

RESCATE FRUSTRADO AO NON PODER SAÍR A ZODIAC

A Ribeira tamén salienta o feito de que “outro ano máis, as embarcacións de salvamento de Protección Civil e socorristas que operan nos concellos de Foz e Barreiros non poderán traballar con normalidade”, polo que “poderían repetirse feitos tan graves coma os de este pasado verán, cando unha das embarcacións de salvamento non puido axudar ao rescate dunha persoa que estaba afogar nunha das praias de Barreiros, por non poder saír do seu atraque o estar varada a zodiac na baixamar”, indica a asociación.

“Preocúpanos moito que outro ano máis non se lle vaia dar cobertura a alargada lista de espera existente para poder ter un atraque deportivo en Foz”, expón o colectivo, que logo dos cambios no organigrama directivo de Portos de Galicia –Roi Fernández Añón é o novo director, Susana Lenguas a presidenta-, reitera a necesidade dunha xuntanza cos socios da Ribeira, Club Náutico e a Confraría de Pescadores para dar unha solución a o peirao de Porto Chico.

DÚAS PROPOSICIÓNS NON DE LEI APROBADAS NO PARLAMENTO

Cabe salientar que o Parlamento galego, a petición do Grupo Mixto (En Marea), aprobou o pasado 12 de setembro unha proposición non de lei para instar á Xunta de Galicia a dragar o Porto Chico. A iniciativa saíu adiante por unanimidade, ao igual que outra semellante á que a Cámara galega deu luz verde 16 meses antes. Polo momento, a dragaxe do peirao deportivo deberá agardar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...