Goberno, Xunta e Concellos asinan a reforma de 25 vivendas en Viveiro e o alugueiro de 40 en Ribadeo

O convenio enmárcase dentro do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 e o investimento na Mariña será de preto de 1,4 millóns

Representantes das administracións estatal, autonómica e municipal. AXM

O Goberno central, a Xunta de Galicia e dez municipios galegos, entre eles ViveiroRibadeo, asinaron este martes convenios do Ministerio de Fomento para a rehabilitación, renovación e aluguer de 369 vivendas na comunidade galega.

Desde que entrou en vigor o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, que prevé 82,25 millóns de euros de investimento en Galicia entre o pasado ano e o actual, destináronse case 17 millóns de euros a rehabilitar, renovar e alugar en 68 áreas e 37 municipios para un total de 2.373 vivendas.

Delas, 2.245 son rehabilitadas, 32 renovadas e 96 para alugar, detalla a Delegación do Goberno en Galicia.

PLAN DE REHABILITACIÓN

Esta mañá rubricáronse os convenios para a rehabilitación e renovación de dez áreas nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra, en sete municipios, que beneficiarán a 273 vivendas, das que 266 son rehabilitadas e sete renovadas.

A maioría, 125 vivendas, están en Vigo (917.100 euros), 16 en Ribadavia (350.500) e o resto na provincia lucense en Chantada (17, 280.973 euros), Quiroga (26, 217.500), Sober (24, 196.000 euros), Vilalba (40, 510.145 euros) e Viveiro (25, 410.000).

O importe total ascende a 6,5 millóns de euros, dos que Fomento achega 2,4 millóns que serán transferidos este ano; a Xunta 0,45 millóns, os concellos 0,8 millóns e o sector privado investirá case tres millóns.

Así, ao amparo deste programa de axudas poderán levarse a cabo as seguintes actuacións:

• Execución conxunta de obras de rehabilitación en edificios e vivendas, incluídas as vivendas unifamiliares. Inclúense ademais as actuacións previstas para os programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sostibilidade en vivendas e de fomento da conservación, mellora da seguridade de utilización e de accesibilidade en vivendas.

• Realización de obras de urbanización e reurbanización de espazos públicos.

• A execución de obras de demolición e edificación de vivendas de nova construción.

• O custo do realoxo temporal de ocupantes da súa vivenda habitual, froito das actuacións que se realizan.

• Os gastos de mantemento de equipos técnicos e oficinas de información e xestión municipais.

CONVOCATORIA

Unha vez asinados os convenios cos correspondentes Concellos, serán estes os encargados de realizar a convocatoria para que os propietarios de vivendas e edificios de vivendas interesados nas mesmas poidan solicitalas.

AXUDAS A PROMOTORES

En canto ao plan de aluguer, cuxos convenios tamén se subscribiron esta mañá e que recibirá as achegas entre o próximo e ano e o seguinte, contará con 6,6 millóns de euros, dos que 1,4 corresponden a Fomento, case un á Xunta e 4,2 ao sector privado.

Das 96 vivendas, cinco estarán na Coruña, 40 en Ribadeo e 51 en Sarria, ambos na provincia de Lugo.

No caso dos concellos de Ribadeo e Sarria, en ambos casos son promotores privados os que se beneficiarán das axudas, que recibirán 982.100 euros. O investimento permitirá reanudar e rematar unha actuación de 40 vivendas xa iniciada na Rúa Rafael Fernández Cardoso neste concello da Mariña lucense.

“LEALDADE INSTITUCIONAL”

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou trala sinatura que esta é “un exemplo de lealdade institucional e colaboración entre administracións” que apostan por dar resposta a un “problema real” que é o da vivenda e o seu acceso á mesma.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, agradeceu e felicitado a implicación de todas as partes “para seguir traballando a favor da vivenda en Galicia”.

“Seguiremos afondar neste tipo de convenios fundamentais tanto nas áreas de rehabilitación integral como nos convenios dirixidos aos concellos para que teñan vivenda de promoción pública”, engadiu tralo acto de firma a conselleira.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here