IniciosociedadeAdiado o xuízo contra os xestores dunha explotación láctea de Riotorto por...

Adiado o xuízo contra os xestores dunha explotación láctea de Riotorto por delito societario

A Fiscalía pide dous anos e medio de prisión para os acusados, e a acusación particular outros tres por "administración desleal"

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O presidente e o secretario dunha Sociedade Agraria de Transformación (SAT), dedicada á produción de leite no municipio lucense de Riotorto, sentáronse este martes no banquiño dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo para responder polas supostas “irregularidades” que case levaron a quebra a esa entidade, aínda que finalmente a vista quedou suspendida pola presentación dunha nova proba.

O ministerio fiscal solicita para cada un dos acusados dous anos e medio de prisión polas “irregularidades contables”, as “falsidades documentais” e os “incumprimentos legais das súas obrigas como xestores da sociedade”, que derivaron na quebra da mesma, cos consecuentes prexuízos para os demais socios.

Pola súa banda, a acusación particular solicita dous anos de reclusión por todos os delitos que lles imputa o ministerio fiscal, pero ademais solicita outros tres anos de cárcere para cada un deles por un delito de “administración desleal“.

INFORME PERICIAL NOVO

O avogado da defensa, Pedro González Boquete, precisou que o xuízo quedou suspendido porque “presentou un informe pericial que estaba previamente admitido e a acusación particular pediu a suspensión” da vista oral para “poder estudalo”, dado que se trata dun documento “voluminoso e denso”.

A DEFENSA PEDIRÁ A LIBRE ABSOLUCIÓN

González Boquete confirmou a súa intención de pedir a libre absolución de ambos acusados, ademais de precisar que a SAT segue funcionando a día de hoxe, malia que o ministerio fiscal no seu escrito de acusación sostén que no ano 2014 era “inviable” desde o punto de vista empresarial polas débedas que contraera a sociedade.

SOCIOS “PREXUDICADOS” POLA XESTIÓN

No seu escrito de acusación, o ministerio público aclara que desde a fundación desa SAT, no ano 2003, ambos acusados “postos de común acordo e prevaléndose dos cargos que tiñan atribuídos na mencionada sociedade”, cometeron todas as “irregularidades” mencionadas, o que derivou nun “grado tal de endebedamento” que acabou por facela “inviable” desde o punto de vista empresarial no ano 2014 .

Entre outras irregularidades, o fiscal subliña que ambos acusados “facían constar un capital social que non coincidía co que figuraba nos libros de contabilidade“, realizaban “préstamos da SAT aos seus socios” e facían “pagos en efectivo” que incumprían a lei que regula en funcionamento deste tipo de sociedades e elaboraban con “completa escuridade o plan xeral contable” da sociedade.

Outro matrimonio, socio da SAT desde a súa creación, que aportou case 77.000 euros para poñer en marcha a sociedade, ademais de varias leiras, maquinaria agrícola e cabezas de gando, reclama “polo prexuízo” que lles provocou “a xestión dos acusados no seu propio beneficio“.

O fiscal considera que eses feitos son constitutivos dun delito societario e pide para cada un dos acusados dous anos e medio de prisión, unha multa de 4.320 euros e o pago da responsabilidade civil que quede acreditada na sentenza.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...