Intervención urxe a Barreiros a reducir “ao mínimo” os investimentos alomenos ata 2021

Sinala nun informe que os orzamentos de 2019 e o que se calculase para 2020 "están esgotados" e insta a axustes para garantir o pago da débeda e dos gastos de persoal

Consistorio de Barreiros. AXM

O Concello de Barreiros advertirá á Dirección Xeral de Política Financieira, Tesouro e Fondos Europeos da “imposibilidade” de adoptar “ningún acordo de non dispoñibilidade” ante a delicada situación económica do municipio, tan fráxil que “ningún plan económico-financieiro será suficiente para reconducir a situación nin neste ano nin para o 2020“.

Así o advirte un informe de intervención-tesourería realizado despois de que a Consellería de Facenda reiterase, o pasado 16 de outubro, o requerimento realizado ao Concello o 29 de maio para a adopción de acordos de non dispoñibilidade por importe de 126.356,34 euros, como consecuencia da liquidación orzamentaria do ano 2018, que supuxo o incumprimento do Plan Económico Financieiro (PEF) aprobado para os exercicios 2018-2019.

O ORZAMENTO DE 2019, “ESGOTADO SETE MESES ANTES”

No documento, a secretaria municipal recomenda alertar á Xunta da imposibilidade de adoptar estas medidas de retención do crédito dado que o orzamento para 2019 “estaba xa practicamente esgotado o 29 de maio de 2019, cando aínda restaban sete meses de execución do mesmo”.

ANOS ATA VOLVER A MAGNITUDES ORZAMENTARIAS “NORMAIS”

O informe analiza a situación das arcas municipais, que segundo a secretaria municipal atan as mans do executivo municipal para o que queda de exercicio e o seguinte. “Na miña consideración deberán adoptarse de forma urxente medidas importantes en ingresos e gastos que por un lado garantan o pago da débeda existente e dos gastos de persoal“, expón, ademais de incidir na necesidade de “reducir ao mínimo os investimentos ata que as magnitudes orzamentarias e de tesourería do Concello volvan a límites normais, considerando insuficiente o límite temporal 2019-20 para que esto aconteza”.

UN MILLÓN DE EUROS EN FACTURAS SEN APROBAR POR FALTA DE CRÉDITO

“Hai que ter en conta que, nas circunstancias actuais, aínda que non se fixese ningún gasto máis que os xa realizados e os que obrigatoriamente se terán que realizar ata final de ano para manter ao mínimo os servizos públicos, vai haber un montante de facturas sen aprobar por falta de crédito e que terán que saír adiante mediante recoñecemento extraxudicial en pleno, de preto dun millón de euros. Isto supón que, sen facer nada máis, estaría esgotado o orzamento de 2019 e o do ano 2020, co cal a práctica totalidade dos gastos deste último exercicio, por moito que se conseguisen reducir, quedarían igualmente sen aprobar”, prosegue a secretaria municipal.

PENDENTE A APROBACIÓN DUN PLAN ECONÓMICO FINANCIEIRO PARA 2019-2020

O informe avalía a situación económica de Barreiros a data do 29 maio de 2019, cando a Xunta fixo o primeiro requerimento da adopción do acordo de non dispoñibilidade e o goberno actual estaba en funcións –a nacionalista Ana Ermida foi investida como alcaldesa o 15 de xuño-, e do 16 de outubro, data do segundo aviso. O executivo nacionalista alertara de que o anterior alcalde, Alfonso Fuente Parga (PP), aprobara 470.000 euros en facturas días antes das eleccións municipais malia que a secretaria reclamara unha redución “drástica” do gasto.

Aínda que o goberno entrante adoptou “desde o primeiro momento medidas de control do gasto” e ten pendente a aprobación dun plan económico financieiro, sinala a interventora, “existen moitos gastos correntes de gran contía que non se poden eliminar xa que nese caso o Concello non podería seguir coa súa actividade normal nin prestar os servizos básicos e obrigatorios”.

Así, sinala que, no capítulo de investimentos, á altura da primeira solicitude, “xa se gastaran 859.051 euros previstos, e 47.855 máis que non terían partida para a súa aprobación”.

No tocante aos gastos correntes reais, ata maio o importe foi de 1.365.318 euros, mentres que de maio a outubro foi de 648.781 euros (deles, 80.090 euros en conceptos novos aprobados polo executivo municipal). A 16 de outubro o remanente é de 131.008,78 euros, segundo se expón no informe, pero existen “unha serie de facturas presentadas e pendentes de aprobar por importe de 586.484,57 euros“.

No tocante ás transferencias correntes, tendo en conta as subvencións nominativas previstas no orzamento e os convenios con distintas entidades, ademais das liquidacións e cotas da Mancomunidade de Municipios da Mariña, a FEMP e a FEGAMP, “unicamente quedarían a día de hoxe 3.802 euros“.

1 COMMENT

  1. Ben sabemos que así é como se xestiona dende o españolismo político do pepé e o pesoe. Sempre fan igual. Afunden as institucións e despois ten que acudir o galeguismo para reflotar os servizos públicos. Pero non vos van agradecer nada, que a xente é moi miserable.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here