Nieves Medina, de Conservas Curricán, e Elena Ferro falarán de emprendemento o venres en Xove

O acto englóbase nunha campaña para visibilizar o comercio local entre a veciñanza

Elena Ferro. YOUTUBE

Nieves Medina, de Conservas Curricán, e Elena Ferro, de EFerro, falarán o vindeiro venres en Xove sobre emprendemento, nunha xornada organizada pola área de Desenvolvemento Local do Concello. Será ás 20.30 horas, no salón de actos do consistorio.

O acto, que presentará o rexedor, o popular Demetrio Salgueiro, está enmarcado na campaña ‘Míranos: emprendemento e comercio local‘, co obxectivo de fomentar o consumo local e de transmitir a importancia da innovación para as pequenas empresas.

Abrirá o evento Rosa Lage, axente de emprego e desenvolvemento local, que dará a coñecer as actividades que compoñen a campaña. Despois será a quenda das emprendedoras, que falarán da súa experencia empresarial.

Medina, de Conservas Curricán, que este ano foi distinguida polo Ministerio de Agricultura e Pesca co premio Mulleres Rurais de innovación, falará xustamente de como compaxinar tradición e novidades no ámbito empresarial. Ferro, pola súa banda, empresaria que segue unha tradición familiar de elaboración de zocos, e candidata ao Premio Nacional de Artesanía, exporá a súa maneira de emprender e dignificar dende o local.

A este evento porá música o grupo vocal SondeNós que interpretará as pezas do seu traballo ‘Identidade‘.

CAMPAÑA DE NADAL

No acto presentarase a campaña de Nadal que o Concello organiza para este ano e que consiste na entrega dun papel de envoltorio deseñado polo debuxante viveirense Primitivo Marcos para que utilicen todos os comercios que o desexen ofrecendo así unha imaxe conxunta nos agasallos.

O evento estará presidido por un escaparate conxunto que se instalará para a ocasión con produtos e servizos de todos os comercios e negocios que quixeron mostrar todas as posibilidades que ofrecen para agasallar neste Nadal comprando en Xove.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here