IniciosociedadeA Deputación lanza un plan de emprego que formará a mozos da...

A Deputación lanza un plan de emprego que formará a mozos da Mariña en enerxías renovables

A iniciativa está dirixida a persoas desempregadas e menores de 30 anos, que se poderán beneficiar dunha formación teórica e da contratación en empresas durante oito meses

Publicada o

- Advertisement -

A Deputación de Lugo formará a mozos da Mariña Lucense en enerxías renovables a través do programa ‘Prende! Bota raíces no rural‘, un proxecto para crear emprego xuvenil e fixar poboación nas zonas de menor densidade da provincia.

O presidente do goberno provincial, José Tomé, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou este xoves o plan de emprego, que conta cun orzamento de 300.000 euros, achegados nun 92% polo Fondo Social Europeo.

PERFIL DO BENEFICIARIO

O programa está dirixido “a un dos colectivos que o teñen máis difícil para encontrar un emprego”, explican desde o goberno provincial: menores de 30 anos, desempregados, que non estean a estudar. Deben estar inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e empadroados en concellos lucenses de menos de 5.000 habitantes ou de entre 5.000 e 10.000 que presentan un saldo demográfico negativo na última década.

En concreto, os concellos dos que poden ser os beneficiarios son 55 dos 67 municipios da provincia, é dicir, o 82% do total. Son os seguintes: Carballedo, Taboada, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Paradela, Samos, Triacastela, Bóveda, Pantón, A Pobra de Brollón, O Saviñao, Sober, Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, O Incio, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Rábade, Meira, Pol, Riotorto, Láncara, Begonte, Cospeito, Muras, A Pastoriza, Xermade, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, Cervo, Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, A Pontenova, Trabada, Abadín, Baralla, Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Baleira, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e O Courel.

60 PRAZAS

O plan de emprego conta con dúas fases, unha de formación teórica e outra de experiencia laboral. Na primeira parte, 60 mozos e mozas recibirá formación en catro actividades profesionais que, remarcan desde a Deputación, “contan cun importante peso no tecido produtivo da provincia e que contan cun gran potencial de crecemento”.

Unha delas será enerxías renovables, unha formación que se impartirá na Mariña polas oportunidades do sector nesta comarca.

Outra hostalería e turismo, formación que terá lugar na Ribeira Sacra ante o crecemento que está a vivir o sector na zona sur da provincia.

A mocidade da Montaña poderá beneficiarse da formación impartida en xestión forestal, dado o peso específico do sector nesta zona.

Finalmente, agricultura e gandería desenvolveranse na zona centro pola súa importante concentración de explotacións agrícolas e gandeiras.

As persoas interesadas nunha formación que non se desenvolva na súa zona poderán participar igualmenteA maiores, tamén se ofrecerá unha acción formativa específica en autoemprego para aquelas persoas que queiran emprender o seu propio negocio.

A formación terá unha duración de catro semanas, período durante o que os participantes percibirán unha remuneración de case 14 euros por día.

AXUDAS ÁS EMPRESAS PARA AS CONTRATACIÓNS

Na segunda fase do programa, a Deputación concederá axudas a empresas vinculadas cos anteriores sectores produtivos para que contraten durante 8 meses aos mozos e mozas que recibiron a formación, e poidan así adquirir experiencia laboral. O importe da axuda que recibirán as empresas será de 4.410€ por cada persoa contratada.

Pola súa banda, os traballadores e traballadoras contratados percibirán como mínimo 900 euros ao mes. Ademais, a aqueles participantes no programa que decidan emprender, a Deputación concederalles unha axuda de 5.510 euros para poñer en marcha o seu proxecto empresarial.

INICIARASE A PRINCIPIOS DO 2020

A Deputación prevé, segundo explicou Tomé, que as bases para apuntarse neste novo plan de emprego queden aprobadas a finais de mes e que o período de formación comece a principios de ano.

Queremos que a xente nova se quede a traballar e a vivir no noso rural, e con este novo programa que hoxe presentamos dámoslles ferramentas para conseguilo, axudándolles con formación e experiencia laboral a atopar un futuro nos seus concellos ou nas súas comarcas, ben sexa como emprendedores ou por conta allea”, subliñou o presidente da Deputación.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...