IniciosociedadeA Ribeira propón cambiar de situación a bocana de acceso a Porto...

A Ribeira propón cambiar de situación a bocana de acceso a Porto Chico

A Xunta compromete unha partida nas contas de 2020 para proxectar a dragaxe do peirao deportivo, un recurso "sen aproveitar" pola falta de calado e abrigo

Publicada o

- Advertisement -

A Asociación A Ribeira de Foz propuxo este luns a Portos de Galicia, organismo dependente da Xunta, a posibilidade de cambiar a situación actual da bocana de acceso a Porto Chico, a fin de solucionar a falta de abrigo do peirao deportivo de Tupide.

Así o espuxeron representantes da agrupación nunha reunión mantida coa presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, quen pola súa banda comprometeu unha partida nos orzamentos da Xunta para 2020 a fin de “iniciar os estudos correspondentes para a dragaxe de Porto Chico”.

Tamén participaron na reunión o deputado provincial do PP, o focego Javier Castiñeira, e o xefe da área de Infraestruturas, Medio Ambiente e Seguridade, Juan Antonio Rodríguez.

O colectivo sinala que esta proposta foi “consensuada previamente” coa Confraría de Pescadores e o Club Náutico de Foz. O tecido asociativo focego tenta así solucionar a vulnerabilidade das embarcacións ante os temporais do inverno pola falta de abrigo do peirao.

O Goberno autonómico prometeu á agrupación que os técnicos de Portos de Galicia estudarán esta situación.

A Asociación A Ribeira puido na xuntanza explicar os problemas derivados da actual situación de Porto Chico, xa que á ausencia de abrigo únese a falta de calado que provoca que as embarcacións queden varadas en seco en marea baixa, causando dificultades a embarcacións deportivas, barcos profesionais e tamén ás zodiacs de socorrismo.

Cabe salientar que o Parlamento galego aprobou por unanimidade, nun prazo de 16 de meses, dúas proposicións para instar á Xunta de Galicia a dragar o porto deportivo.

EMBARCACIÓNS DEPORTIVAS, BARCOS E SALVAMENTO, PREXUDICADOS

“Porto Chico actualmente está case sen uso por estes problemas”, lamenta A Ribeira, que fai fincapé en que “temos unha necesidade imperiosa de poder explotar este peirao no seu 100%, pois a día de hoxe hai unha considerable lista de espera para atraques deportivos en Foz; os profesionais precisan tamén poder operar no Porto Chico e agora non poden de forma segura para os seus barcos, e a maiores temos un sector novo en Foz que é o das empresas de turismo náutico que demandan que Tupide esté operativo para poder traballar”.

O colectivo tamén lamenta “o estado actual das instalacións deportivas do peirao, que datan do ano 2003 e que actualmente estan moi deterioradas e con mal arranxo”.

No tocante á dragaxe, Lenguas comprometeu unha partida nas contas da Xunta para 2020 destinada a este propósito. “Dentro dos gastos xenéricos de Portos, aparece contemplada unha partida destinada a contratar a asistencia técnica que servirá para preparar a documentación e iniciar os estudos correspondentes para poder facer a dragaxe de Porto Chico”, explicou A Ribera.

Desde a agrupación sinalan a súa “satisfacción” pola xuntanza e insisten en que o peirao deportivo “é moi necesario para o desenrolo local de Foz, e que agora mesmo é un recurso sen aproveitar por non ter as condicións axeitadas de operatividade”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...