Denuncian a temporalidade do persoal de nova incorporación trala ampliación do hospital

A CIG afirma que se tenta "evitar baixas" con contratos de acúmulo, "de como moito seis meses e renovables cada mes"; o Sergas defende que ofertará interinidades "cando sexa posible"

Planta de hospitalización no Hospital Público da Mariña. AXM

A CIG-Saúde denuncia que o persoal de nova incorporación -enfermeiras, auxiliares, celadores ou pinches- no Hospital Público da Mariña trala ampliación será empregado “mediante acordos de acúmulos, e terá que asinar seis contratos para traballar un máximo de seis meses“.

O sindicato nacionalista demanda da Xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Lugo-Cervo-Monforte “que mude a súa política de contratación, deixe de fomentar a precariedade laboral e aposte por dar a maior estabilidade posible aos profesionais da sanidade pública coa creación urxente das prazas necesarias para cubrir as necesidades asistenciais”.

A central sinala que “a ampliación dun hospital ten que vir acompañada dun aumento de persoal de diversas categorías. Ante isto, dende CIG-Saúde pediuse que se contemplara, cara aos orzamentos de 2020, a dotación necesaria de prazas”, indica. 

A resposta do Servizo Galego de Saúde (Sergas), segundo o sindicato, foi que “non se ían crear as prazas e que seguramente pasasen varios anos sen que se materialice a creación destas, poñendo a modo de exemplo que aínda este ano se consolidaron postos a causa da apertura do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA)“.

Deste xeito, expón a central, o proceder do Sergas “é aumentar os cadros de persoal de xeito ficticio facendo contratos de acúmulo de tarefas, un modelo de contrato que, segundo a normativa vixente, non pode superar a duración máxima de seis meses“. 

“MALTRATO” ÁS TRABALLADORAS

A CIG afirma que se requeriu á Xerencia Xerencia Executiva do Hospital Público da Mariña “a maior estabilidade posible” nestes contratos, ben cunha duración de seis ou tres meses renovables, o que a dirección do centro hospitalario desbotou. “A comezos de novembro fíxose petición da cobertura destes acúmulos ofertando contratos con data fin 30 de novembro e renovables mes a mes polas persoas titulares”, sostén o sindicato nacionalista.

Para a central, a intención do Sergas é evitar baixas por enfermidade, accidente ou maternidade, “xa que de estar as traballadoras nalgunha destas situacións imposibilita que poidan asinar o novo contrato de renovación, polo que quedarían desempregadas“. Así, asegura que o obxectivo é “poder  desfacerse das profesionais no suposto de que enfermen”, o que cualifica de “maltrato” por parte da Administración cara o persoal.

“20 CAMAS E 30 PROFESIONAIS MÁIS” TRALA REFORMA

A EOXI Lugo-Cervo-Monforte, pola súa banda, tira de cifras para resaltar o “esforzo” realizado. Así, sinala que o hospital “vén de abrir 20 camas máis” tralo remate das obras de reforma, unha apertura “sustentada cun importante incremento do persoal, necesario para o seu bo funcionamento. Para iso, o Sergas contratou unha trintena de profesionais12 enfermeiros e 12 auxiliares, ademais de celadores”, sostén.

A Xunta afirma que estas novas incorporacións “están estabilizadas”, pois trátase “de prazas que van a estar a traballar con continuidade. Ademais, tan pronto como sexa posible, ofertaranse como interinidades, seguindo os procesos normativos obrigatorios que establece a lexislación ao respecto”, indica a Consellería de Sanidade, que por outra banda non desminte a situación destes traballadores.

Conclúe o Sergas que nos tres últimos anos, “tan só na Área Sanitaria de Lugo, Cervo e Monforte, lévanse estabilizadas máis de 400 prazas como interinidades”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here