Campos denuncia que A Pontenova ten “un médico para 2.300 persoas” por mor dunha baixa

O alcalde pontenovés reclama a cobertura da praza ao Sergas, que afirma que se substitúe aos profesionais "sempre que se pode"

Campos, no centro de saúde. AXM

O alcalde da Pontenova, o socialista Darío Campos, denunciou este martes que “desde hai máis dunha semana só hai un médico para atender aos pacientes do municipio”. O rexedor móstrase crítico coa Xunta de Galicia que preside Alberto Núñez Feijóo, dado que “primeiro suprimiron unha praza das tres que había, e agora un facultativo está de baixa e non a cobren”.

Campos replica que “a famosa lexislatura do rural de Feijóo estámola sufrindo dia a dia os pontenoveses, como se pode comprobar. Hoxe podemos constatar que non estamos na axenda sanitaria do PP, xa que 2.300 persoas están a ser atendidas por un só médico”, insistiu.

“Calquera usuario que queira ser atendido no centro de saúde da Pontenova estes dias, ten que esperar unha media de catro días para ser atendido na consulta médica. Sen esquecer que estamos nunha época do ano con picos de moita afluencia por mor do inverno e da campaña da vacinación da gripe”, argumentou Campos.

“Os nosos maiores, e toda a poboación en xeral, merecemos unha sanidade de calidade, non podemos dar ás costas aos veciños cun dereito que ten ser prioritario, vivamos onde vivamos. Por iso quero facer un chamamento á Conselleira de Sanidade para que tome cartas no asunto, e cubra na maior brevidade esta praza”, concluíu o alcalde pontenovés.

Non é a primeira vez que A Pontenova reclama a substitución dos facultativos. Nunha reunión cos veciños no pasado verán para abordar a supresión da praza dun médico que se xubilou, o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo Cervo e Monforte prometeu, segundo o alcalde, que “o municipio sempre tería dous médicos dispoñibles, cubrindo as baixas nese mesmo día“.

O SERGAS ALEGA QUE “FALTAN ESPECIALISTAS”

Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas), asegura que na Pontenova hai “dous médicos en situación de incapacidade temporal ou baixa”.

Deste xeito, afirma o Sergas, as baixas cóbrense “sempre que se pode, o que ás veces non é posible posto que non hai médicos substitutos nas listas de contratación”.

O Sergas sostén que “unha das prazas está cuberta sempre de forma fixa cun substituto e a outra sempre que se pode”. Así, asegura que “a semana pasada non é certo que non se cubrira ningún día, pois fíxose cando se atopou substituto”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here