Denuncian máis de cinco meses de espera por unha cita para controlar a diabetes

Segundo expón a plataforma sanitaria, a paciente, que a maiores padece dunha discapacidade intelectual, recibiu atención médica por unha caída a causa dunha baixada de azucre

A paciente e o seu pai e titor legal, coa reclamación. AXM

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña denunciou este martes o caso dunha paciente, cunha discapacidade intelectual e representada polo seu pai como titor legal, que agarda “desde hai máis de cinco meses” por unha cita no servizo de endocrinoloxía para controlar a súa diabetes.

Segundo expón o colectivo, o pasado 15 de abril de 2019 o servizo de endocrinoloxía solicitou unha cita aos tres meses para controlar a diabetes, dándolle vez “para o 16 de xullo de 2019”. Esta cita “foi anulada telefonicamente sen dar unha data alternativa”, e desde entón esta familia non recibiu máis información sobre a consulta.

A plataforma remarca que a paciente “precisa deste seguimento periódico da súa enfermidade, e xa meses atrás tivo que acudir ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Viveiro para recibir puntos de sutura nunha ferida producida por unha caída, a consecuencia dunha baixada de azucre“.

A paciente, a través do seu titor legal, “reclamou anteriormente en dúas ocasións, demandando ser vista polo servizo de endocrinoloxía”, expón o colectivo, que canalizou unha nova demanda rexistrada o 11 de novembro de 2019 con número de entrada 4765.

O ENDOCRINO, “MESES SEN SUBSTITUÍR”

A plataforma asegura que non se trata dun caso illado, dado que “existen numerosas situacións coma este na comarca, con persoas con consultas suspendidas e sen saber cando van ser vistas”. Atribúe a situación á xerencia do Hospital Público da Mariña, posto “que se negou a substituír a baixa durante meses do único especialista da área de endocrinoloxía que existe neste centro hospitalario, deixando a centos de pacientes da comarca abandonados á sua sorte”. Así, critica “o desleixo” da dirección e esixe “a reparación desta agresión”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here