CxG Burela propón retirar os vehículos de combustible fósil do parque móbil municipal

A formación insta ao Concello a substituír os automóbiles por outros eléctricos "para dar exemplo" nun prazo de 24 meses, o que ve "factible" pola extensión do municipio

Coche da Policía Local de Lugo (foto de arquivo). FORO POLICÍA

Compromiso por Galicia (CxG) Burela fixo este luns unha serie de propostas para que o municipio ofreza a súa achega na loita contra o cambio climático, cuestión que se debateu recentemente na Cumbre por el Clima de Madrid, unha cita que a formación cualifica de “fracaso rotundo” que “pon de manifesto a necesidade dunha nova acción política que implemente medidas dende o eido local. En moitos países estas son as verdadeiras puntas de lanza”, indica.

Deste xeito, CxG propón, nun prazo de 24 meses, que o parque móbil do Concello sexa “eléctrico e eficiente”, retirando os vehículos de combustible fósil “agás os que non teñan recambio como o de Bombeiros. É unha medida moi factible, somos un concello de oito quilómetros cadrados, polo que os servizos municipais non demandan tanta autonomía e sería un bo exemplo”, expón a formación.

Outra das propostas é “solicitar ao Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) as subvencións para adecuar o alumeado público de Burela. O PSdeG-PSOE non foi quen de traer fondos, que son por orde de solicitude, cando por exemplo A Estrada xestiona oito millóns de euros”, remarca CxG, que tamén reclama “a introdución efectiva do contedor marrón para os residuos adiantándonos á obrigatoriedade de 2024″.

Finalmente, Compromiso por Galicia solicita “que as concesionarias de servizos de Burela teñan a obriga de vehículos eléctricos e sostibles, e que dentro da Responsabilidade Social Empresarial consignen fondos a campañas de concienciación en Burela”.

“Un pobo innovador e punteiro como foi sempre Burela pode converterse nun referente de políticas activas no eido do medio ambiente, que vaian máis alo dun concurso para sacar unha fotos dando premios, que é o que lle gusta a (o alcalde, o socialista Alfredo) Llano“.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here