Quince mariñaos asasinados polo franquismo serán homenaxeados en Mondoñedo

O acto será o 11 de xaneiro e contará cunha mesa redonda na que participarán os especialistas Miguel Freire e Xabier Buxeiro

Na imaxe, Henrique Navarret. MEMORIA DA MARIÑA

O sábado 11 de xaneiro, coincidindo co 82 aniversario do asasinato do asasinato polo franquismo dos veciños de Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez, o colectivo Memoria da Mariña organiza unha homenaxe a todos os demócratas asasinados na localidade pola ditadura franquista. Segundo os promotores do acto, o obxectivo do mesmo “é restaurar a memoria dun tempo histórico que sistematicamente nos foi negado, recuperar unha parte tan significativa como oculta da historia da Mariña e facer xustiza con estes veciños de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo inxustamente asasinados”.

NATURAIS DE MONDOÑEDO, VIVEIRO E RIBADEO

Os veciños de Mondoñedo homenaxeados o día 11 son pola súa orde de execución son Xesús Verdeal Maseda, dirixente da CNT no Barqueiro e fusilado en Ferrol o 16 de Abril de 1937; Siervo González Rivas, funcionario municipal, candidato a cortes pola Unión Socialista Galega e secretario Local da CNT; Graciano Paz Amieiro, follalateiro e dirixente da Unión Socialista Galega e Manuel Rodríguez Núñez, comerciante e militante da CNT, estes tres últimos paseados na madrugada do 11 de Xaneiro de 1938 na Travesía dos Remedios.

O labrego do bairro de San Lázaro Pedro Marful Fernández, condenado a cadea perpetua, finara no seu cativerio no Campo de Concentración da Illa de San Simón o 10 de Xuño de 1941. A consecuencia da represión franquista perdeu a vida en León Xosé Otero García o 12 de Maio de 1942. Outras dúas persoas ligadas a Mondoñedo, como Luís Trigo Chao “O Gardarríos” e Xosé Porto Lestegás “O Herbellás”, remataron sumándose á guerrilla, perdendo a vida o primeiro o 25 de Xuño de 1948 en Lourenzá e o segundo, o 2 de Outubro de 1947 nos Montes de Silán en Muras.

Serán tamén homenaxeados os veciños de Ribadeo e Viveiro asasinados na localidade en setembro e outubro de 1936. O 12 de setembro de 1936 o grupo de paramilitares fascistas do “coche do centolo” quitoulle a vida aos veciños de Viveiro Ribadeo Bruno Martínez “O Barquillero”, Antonio María Martínez López, Henrique Navarret e o presidente da CNT, André Vale “O Moreno de Cobas”.

O 15 de Setembro apareceu no mesmo lugar o cadáver do socialista Ribadeo Florencio Carballo e cinco días máis tarde en Argomoso o corpo do veciño de Ove Xosé Antonio Díaz. O 7 de Outubro foi asasinado nesa cidade o tamén ribadense Xesús Longarela.

“DÉBEDA IMPAGABLE”

Memoria da Mariña considera que hai razóns dabondo para homenaxear a estes veciños, cos que a democracia “ten unha débeda impagable“. Así, o colectivo fai un chamamento á veciñanza da Mariña, así como ás agrupacións da bisbarra, a sumarse ao acto de homenaxe.

INSCRICIÓNS

O programa de actos a desenvolver o día 11 de xaneiro dará comezo ao mediodía no parque da Travesía, detrás do cemiterio vello, onde está levantado un monólito en lembranza dos asasinados, onde tomarán a palabra, entre outros, familiares de veciños de Mondoñedo, Viveiro e Ribadeo asasinados na localidade. De seguido, ás 13.00 horas, celebrarase unha mesa redonda na Casa da Xuventude sobre a represión franquista en Mondoñedo e concretamente sobre as circunstancias do asasinato dos veciños de Ribadeo e Viveiro executados en Mondoñedo en setembro e outubro de 1936.

A conferencia corre a cargo dos investigadores Miguel Freire e Xabier Buxeiro, autores de diferentes estudos sobre a represión e os represores na localidade. O primeiro ten traballado sobre a represión franquista en Ribadeo e Mondoñedo e o segundo e autor de diferentes publicación sobre os represores nesas localidades e na Mariña. A continuación contarse cunha actuación musical de Mero Iglesias e de diversos membros do grupo A Quenlla. A xornada rematará cun xantar de confraternidade, aberto a todos aqueles que queiran asistir, cun número de prazas limitado de 50 persoas, sendo necesario inscribirse previamente no número de telefono 638.14.87.57.

1 COMMENT

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here