O Concello de Viveiro pide audiencia á Xunta ante a “carencia de persoal” do PAC

O goberno local denuncia que "con frecuencia" non se cubren baixas e vacacións e que hai unha praza de médico para a quenda de tarde "que non está cuberta"

Protesta ante o centro de saúde de Viveiro. AXM

O Concello de Viveiro anunciou que remitirá a vindeira semana unha carta á Consellería de Sanidade e á Delegación Provincial de Lugo da Xunta de Galicia, solicitando na mesma unha “reunión urxente” para aclarar a situación real na que se atopa o Punto de Atención Continuada (PAC) viveirense.

O goberno local asegura que pretende abordar co Executivo autonómico o “funcionamento diario” do centro sanitario e a “carencia de persoal detectada desde hai tempo”, o que provocou protestas.

Nesta carta porase de manifesto, segundo explica o Concello, “a protesta porque a praza de médico que ocupaba Isabel Rodríguez, actual subdelegada do Goberno en Lugo, está sen cubrir de forma continuada cando debería estar cuberta por unha interinidade ata que se reincorpore a titular ou ata que saia en concurso. Pasaron por esa praza, de forma temporal, catro ou cinco persoas”, lamenta o executivo municipal.

“Ademais, sucede con certa frecuencia que cando os médicos do centro se atopan de baixa ou disfrutando de vacacións reglamentarias, estas ausencias non son cubertas, producíndose unha sobrecarga para os demais facultativos cos conseguintes retrasos na atención”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

O Concello de Viveiro afirma ter coñecemento ademais de que “hai creada unha praza de médico para a quenda de tarde que non está cuberta; terían que ser once médicos e son dez”, denuncian.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here