A Mariña presentarase en Fitur como antítese “ao asfalto e ás présas” con cinco experiencias de turismo ‘slow’

Artesanía, Faba ou xeorutas serán algunhas das bazas coas que a Mancomunidade promocionará a bisbarra no encontro, que se celebrará en Madrid do 22 ao 26 de xaneiro

Xeoruta en Burela. AXM

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense promocionará a oferta do territorio e o xeodestino coma destino turístico slow na próxima edición de Fitur, que se celebrará do 22 ao 26 de xaneiro en Madrid. Na tarde deste martes celebrouse unha xuntanza en Burela para pechar todos os flocos da presenza na feira do colectivo de municipios da bisbarra.

Segundo explicou a axente de desenvolvemento turístico da Mancomunidade, Tania Ermida, “esta promoción terá lugar por un lado na presentación programada para o xoves 23, ás 17.00 horas no stand de Turismo de Galicia, baixo o título ‘A Mariña Lucense en cinco experiencias slow‘. Encargarase de trasladar as bondades do xeodestino aos distintos operadores turísticos asistentes ao acto o presidente da Mancomunidade, Alfredo Llano, acompañado de representantes do Concello de Ribadeo e do Concello de Viveiro”.

“MÁIS VIVENCIAS E MENOS ACUMULACIÓN DE RECURSOS”

Llano dixo que “neste acto a Mancomunidade ten por obxectivo presentar o xeodestino coma un destino turístico slow, propoñendo tanto ao viaxeiro individual coma aos distintos operadores turísticos empaparse da calidade de vida da Mariña Lucense, do propio e auténtico do territorio, de forma tranquila, da man dos seus anfitrións, a xente local. Con isto o ente persigue dúas cousas: que se escolla A Mariña fronte ás présas, aglomeracións, colas, asfalto e ruídos doutros destinos e se viaxe ao xeodestino co propósito de acumular vivencias e non por intentar visitar o maior número de recursos no menor tempo posible. A Mariña Lucense coma un destino de calidade, auténtico, multiexperiencial e por (re)descubrir”.

O presidente das Mancomunidade indicou que “deste xeito, durante o acto presentaranse cinco experiencias que falan de distintas formas de coñecer a Mariña Lucense e cuxo fío condutor é o turismo slow. Trátase do proxecto Turismo Slow Norte de Galicia, das Rutas de Artesanía, das Audioguías Ficcionadas, das Xeorutas, da Ruta da Faba e da rica e variada gastronomía do territorio. Todas elas experiencias coas que coñecer e desfrutar en profundidade do xeodestino, dunha forma sostible e respectuosa, apostando polos valores diferenciais e imbuíndose na cultura local”, concluíu Llano.

VÍDEO

Ermida engadiu que “durante a presentación terá especial protagonismo a figura do anfitrión no xeodestino, clave tamén na filosofía do turismo slow, xa que ademais dos tres representantes que intervirán por parte da Mancomunidade, persoas vinculadas ás cinco experiencias poranlles voz con pezas de vídeo dun minuto de duración. Encargaranse de introducir as experiencias que logo ampliarán os poñentes nas súas intervencións. Trátase dunha forma de resaltar tamén a parte hospitalaria e única na que a xente local contribúe a facer destino”, explicou a xerente.

REUNIÓNS CON TOUROPERADORES

O traballo da Mancomunidade en Fitur irá máis aló xa que “concertaranse reunións con touroperadores co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos coma de produtos e servizos turísticos do xeodestino, coñecer os servizos que ofrecen na Mariña Lucense, ampliar a presenza do xeodestino nos seus programas e a inclusión do xeodestino entre a súa oferta, de ser o caso”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here