A Policía descarta a desaparición voluntaria de Álex Meitín e rexistra ADN por se aparece o corpo

Este día 15 cúmprese un mes desde que falta o viveirense, de 34 anos; os axentes non ven indicios para retomar as pescudas no peirao deportivo, de onde se reflotou o seu coche

Alejandro, coa roupa que levaba na cea á que asistiu. DARÍO SAN ISIDRO/FACEBOOK

Estes días cúmprese un mes da desaparición de Alejandro Meitín San Isidro, home de 34 anos que falta desde a madrugada do 15 de decembro en Viveiro, tras acudir a unha cea con compañeiros de traballo. A Policía Nacional indica que a posibilidade dunha marcha voluntaria está “practicamente descartada“, mantendo o accidente como a hipótese máis probable. Os axentes rexistraron mostras de ADN de familiares a unha base de datos de ámbito europeo, por se o corpo de Álex aparecese noutros países por mor das correntes.

Despois dos rastrexos realizados tras reflotar do peirao deportivo de Viveiro o coche que conducía Alejandro, un Ford Fiesta de cor azul ceo, a Policía Nacional “non ten previsións de volver facer pescudas na zona do porto, porque non temos indicios de que poida atoparse alí”, sinala o comisario do posto viveirense, Jesús Seco. Tampouco apareceu ningunha testemuña nova nin as xa consultadas ofreceron máis datos.

A ELECTRÓNICA DO COCHE, EN PRINCIPIO IRRECUPERABLE

Respecto ao vehículo, Seco precisa que “a electrónica é difícil de recuperar. Os técnicos opinan que vai ser moi complicado; fixemos a consulta tanto á central de fóra como á daquí, e cren que non se vai poder polos danos que sufriu o coche. Se existe a posibilidade, tiraremos por esa liña”, expón o comisario, que explica que ao non ofrecer información o turismo sobre o momento no que fallaron os dispositivos electrónicos, pérdese unha posibilidade de concretar cando caeu á auga.

Neste sentido, Seco expón que “o que temos confirmado é que a unha hora determinada, tendo en conta que é un día de chuvia e vento, vese un coche de características similares ao do desaparecido, sobre as cinco e media da madrugada, na zona do local de hostalería onde unha persoa di que o viu sobre as 8.30 horas da mañá, no centro da vila. Son indicios coincidentes“, remarca.

“Hai dúas vías; pode que fose directamente do Louzao ao porto ou ben que parase antes nesa zona do centro. Son dúas posibilidades distintas que non podemos descartar por agora, a fin de fixar a hora na que se produciu o accidente e caeu o coche ao mar”, argumenta.

TODO APUNTA A UN ACCIDENTE

A forma na que se atopou mergullado o coche, coas rodas cara arriba, o impacto no parabrisas, a posición das fiestras do vehículo, baixadas ata un punto que permitiría a saída do vehículo dunha persoa, fan pensar á Policía Nacional que Alejandro atopábase dentro do turismo cando este caeu á auga. Tamén que estaba o móbil dentro e que tiña todos os útiles de pesca con el.

Seco expón que “os técnicos din que as correntes marítimas van cara Asturias e Francia“, de xeito que se prevé que o corpo de Alejandro poida ser localizado nesas zonas, de aí o rexistro das mostras de ADN para que, de darse o caso, as probas permitan certificar que se trata del.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here