Luz Pozo Garza, filla predilecta de Ribadeo, lembra o fútbol e o día de Reis dos anos 20 na vila

A escritora ribadense, natural da Rúa de San Roque, foi homenaxeada este sábado

Entrega a Luz Pozo Garza do diploma que a acredita como filla predilecta de Ribadeo. AXM

A escritora ribadense Luz Pozo Garza foi nomeada este sábado filla predilecta de Ribadeo nun acto que se desenvolveu no salón de plenos do Concello.

A homenaxeada agradeceu “de corazón a honra que vostedes me fan, con toda a corporación municipal, no momento de nomearme filla predilecta de Ribadeo, a miña terra natal, que medra comigo, vive comigo e morre comigo. Cada vez estou máis convencida de que a morte non existe, pasamos desta vida a outra. Quizás sexa mellor, eu penso que si, pero isto tampouco é nada malo”.

Pozo lembrou que “vivo en Ribadeo durante sete anos, nacín na rúa de San Roque, nunha casa que era de dona Amadora de Importancia. O espectáculo daquel tempo era o fútbol. O domingo a dona da casa chamaba a miña nai e dicía: Luz baixa, vamos ver pasar a xente que vai para o fútbol. Iso era o espectáculo máximo no 1923 aproximadamente”, relatou.

“A NOSA MUCHACHA ÍA LAVAR A ROUPA O REGATO DE CANTALARRANA E LAVABAME A MIN”

“Tamén recordo dese tempo na rúa de San Roque o día de Reis, os xoguetes, compartidos coa familia de Cancio, Adela e Reginita; entre eles había unha bicicleta que ao meu irmán, que tiña case catro anos máis, volvíao tolo, pero Adelita non lla prestaba. Había tamén un cabaliño de madeira, ao que lle faltaba unha orella. Despois trasladámonos a Cantalarrana, á casa de campo de don Bonifacio Díaz“, expuxo.

“Había unhas lilas preciosas, que eu quería coller pero dicíanme que non podía porque eran de don Bonifacio, que entón para min era o rei das lilas. Había unha riachiaño que daba a volta por arredor da casa de Cantalarrana, era moi pequeniño e alí ía a nosa muchacha a lavar a roupa e levábame a min… En Ribadeo bautizáronme e confirmáronme, antes de marchar a Viveiro en 1930. Despois no 36 xa veu a guerra e tivemos que marchar, primeiro a Lugo e logo a Marrocos. E aquí estou hoxe con vós, estou sempre con vós. Quérovos”.

ACTO

Interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, e a concelleira de Cultura, Pilar Otero, foi a encargada de ler a laudatio á autora ribadense para posteriormente facerlle entrega do diploma que a acredita como filla predilecta de Ribadeo, dun ramo de flores e do pin de Ribadeo. No acto celebrado tamén participaron o cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, o profesor Toni Deaño, así como un representante da Real Academia Galega.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here