O Concello de Viveiro publicou o pasado venres no BOP de Lugo as bases e a convocatoria de subvencións “para a rexeneración e renovación urbana na Área de Rehabilitación Integral (ARI) do casco histórico” da cidade, en cumprimento e ó amparo do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. O executivo municipal disporá dun orzamento de 297.500 euros, cunha achega de 247.000 euros do Ministerio de Fomento e de 50.500 euros por parte da Xunta de Galicia.
En concreto, segundo reflicte o texto do BOP, “as persoas interesadas en executar traballos de conservación e intervención en vivendas unifamiliares ou en edificios de vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns co fin de adecualas á normativa vixente e que estén ubicadas dentro do casco antiguo, poderán solicitar as subvencións durante un mes a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria”.
Nas súas solicitudes, os interesados deben adxuntar as certificacións de cada persoa propietaria de estar ao día coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia e a administración Local.
Ademais, deben engadir un proxecto ou memoria técnica na cal especifiquen as obras que se van executar e, aos efectos de poder puntuar a fixación de poboación na Área de Rehabilitación, o solicitante deberá presentar xustificante de que a edificación na que se pretende actuar “é a súa vivenda habitual, está destinada ó alugueiro ou ben, no suposto de vivenda baleira neste momento, declaración responsable de que a que fin vai ser destinada”.
Para mais información sobre as bases das axudas, os interesados poden acudir á Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro, na segunda planta do consistorio. O teléfono é 982.56.29.68, e o correo electrónico rehabilitacioncasco@viveiro.es.
CONTÍAS MÁXIMAS POR ACTUACIÓN
A contía máxima das axudas non poderá exceder, de forma individualizada, o 40% do custo subvencionable da actuación, agás para o realoxo das familias e para o financiamento do custo de xestión e dos equipos e oficinas de planeamento, información e acompañamento social, en que non operará este límite porcentual. Esta porcentaxe máxima poderá ser do 75%, se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda ou edificio son inferiores a tres veces o Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples (IPREM).
Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite na unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente na vivenda ou edificio, que existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. Podes consultar todas as bases e os criterios de puntuación das solicitudes nesta ligazón.
LOUREIRO: “IMPRESCINDIBLE PARA FIXAR POBOACIÓN”
“Temos un compromiso coa rehabilitación e co casco histórico no Concello de Viveiro, é un patrimonio que temos que coidar e dinamizar entre todos e este tipo de axudas permiten aos propietarios poñer en marcha traballos de mellora nas súas vivendas ou edificios, un paso imprescindible para atraer e fixar poboación”, explica a alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro.