O pregón de Romay puxo a nota de humor na degustación multitudinaria de bonito en Burela

A organización repartiu 3.500 kilos de túnido á grella, cocido, en empanada e en salpicón no día grande da Feira do Bonito que remata este domingo

Racións de bonito preparadas para degustar. AXM

O pasarrúas da “Charanga Mekánica” abriu a día grande da Feira do Bonito de Burela que volveu reunir milleiros de veciños e visitantes nunha multitudinaria degustación do túnido no porto.

O  izado da bandeira azul no barco-museo “Reina del Carmen” e o nomeamento de Ángel Vigo como Asador  Maior e de María Dolores Vivero como Colaboradora de Honra inauguraron a xornada. Os actos institucionais deron paso á lectura do pregón a cargo do carismático ex xogador de baloncesto Fernando Romay, quen  subiu ao escenario acompañado do actor Serxio Pazos –pregoeiro na pasada edición e amigo persoal do deportista-

Fernando Romay  inaugurou a Feira acompañado polo actor Sergio Pazos, pregoeiro da pasada edición

Romay tirou de humor para fiar un discurso con notas reivindicativas no que  lembrou a defensa da pesca sostible por parte dos pescadores de Burela durante a “guerra do bonito”, e que concluíu cunha divertida interpelación ao público congregado para escoitalo.

DEGUSTACIÓN GASTRONÓMICA

Ao remate do pregón, comezou a degustación  para a que se prepararon 3.500 kilos de bonito.  Unhas cento vinte persoas traballaron a reo para cociñar e repartir con dilixencia entre veciños e visitantes as racións de túnido á grella, cocido ou en empanada, que se venderon a oito euros, e mais as tapas de salpicón, a dous euros.

O apartado gastronómico da Feira tivo un sustancioso acompañamento na feira de productos ecolóxicos e artesáns Produart. Medio centenar de expositores participaron na mostra comercial, que por sétimo ano consecutivo engrosa a axenda de actividades en Burela.

A xornada completarase co Festival Osa do Mar cos concertos da banda galega Os Amigos dos Músicos e da éuscara Korrontzi.

DOMINGO

Os cinco días de Feira conclúen este domingo cunha degustación de marmitako e coa entrega de premios do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que comezou o xoves e que embelece o porto con dez murais.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here