IniciosociedadeSemana Santa de Viveiro, o Barreiros natural e o Ribadeo indiano queren...

Semana Santa de Viveiro, o Barreiros natural e o Ribadeo indiano queren brillar desde este mércores en Fitur

Os concellos da Mariña desembarcan este mércores na feira internacional de turismo, que se celebrará en Madrid ata o día 26

Publicada o

- Advertisement -

Viveiro, Barreiros e Ribadeo espuxeron as súas previsións respecto da participación na Feira Internacional de Turismo (Fitur), que se celebrará en Madrid desde este mércores ao día 26 de xaneiro.

O Concello de Viveiro aspira a promocionar o seu patrimonio histórico e natural nunha das principais feiras de turismo europeas, “co obxectivo final de consolidalo como un destino de calidade durante os doce meses do ano”, expón o goberno local.

“Viveiro terá este ano un papel relevante na feira, xa temos pechadas de antemán diferentes xestións e reunións con touroperadores internacionais e outros axentes do sector, hai moito interese no noso potencial paisaxístico, cultural e de natureza”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

PRESENTACIÓNS

Nesta edición Viveiro intervirá o xoves, ás 11.30 horas no stand de Galicia, na presentación que realizará a Deputación de Lugo baixo o título ‘Lugo, vén!’; e ás 14.45 horas, no stand de Turespaña, na presentación oficial da Rede Europea de Celebracions da Semana Santa e Pascua, que empezou a andar en 2018 e que se constituiu en Braga (Portugal) en febreiro de 2019.

O mesmo xoves, ás 17.00 horas, no stand de Galicia, Viveiro terá tamén un papel protagonista na presentación da Mancomunidade da Mariña Lucense, no que se darán a coñecer distintas experiencias de turismo slow, coa intervención de varios alcaldes da mancomunidade, ademais de representantes da deputación e da Xunta; e ás 18.30 horas, na oficina da Xunta de Andalucía en Madrid, terá lugar a asamblea da Rede Europea de Semana Santa e Pascua, onde se tratarán temas propios da asociación.

Por último, o venres 24, ás 10.00 horas, no stand de Galicia, haberá a presentación das Semana Santa en Galicia, “na que unha vez máis Viveiro dará a coñecer as características que fan á Semana Santa do concello única e merecedora da distinción de Festa de Interese Turístico Internacional“, expón Loureiro.

CASE 3.700 VISITANTES A SAN FRANCISCO

Por outra parte, o Concello de Viveiro anunciou que un total de 3.676 persoas visitaron no ano 2019 os claustros de San Francisco, onde está ubicada a exposición permanente da Semana Santa. Delas, 3.506 eran españolas e 170 estranxeiras.

“Este balance é froito da colaboración existente entre a Xunta de Cofradías da Semana Santa de Viveiro e o noso concello, mediante a cal se teñen cedidos diversos locais dos Claustros de San Francisco para mostrar o patrimonio das distintas cofradías e irmandades”, explicou a alcaldesa. Na rolda de prensa de balance do 2019 participaron Pepe Veiga, presidente da Xunta de Cofradías da Semana Santa, e José Luis Couceiro, Irmán Maior da Cofradía da Piedade.

BARREIROS

O Concello de Barreiros estará representado pola alcaldesa, a nacionalista Ana Ermida, xunto co concelleiro de dinamización e participación veciñal, Daniel García. Tamén asistirá unha delegación da asociación de hostalaría barreirense que acompañará ao Concello nas citas e reunións fixadas.

A rexedora dixo que “na mañá deste mércores viaxaremos a Madrid e xa na tarde teremos a primeira reunión de traballo coa revista Grandes Espacios, unha publicación mensual que descobre os recunchos máis interesantes e descoñecidos do noso país. Logo para o xoves e venres temos programadas varias xuntanzas con empresas turísticas, así como a asistencia aos actos organizados pola Mancomunidade da Mariña Lucense”, concretou.

Para Ermida “é importante promover o Barreiros menos convencional, o Barreiros de natureza, de deporte, de escapadas rurais, con andainas que descubran os recunchos máis fermosos do municipio. Aproveitar o tirón que está a ter o Camiño de Santiago e que atravesa o noso Concello. Temos suficientes atractivos como para poñer Barreiros no mapa por sí mesmo”. A alcaldesa engadiu que “para Fitur levamos material editado que pon en valor os recursos existentes no noso concello, a este material decidimos poñerlle un código QR a través do cal cun dispositivo móbil poderase enlazar a páxina web municipal e ver toda a información dunha maneira moito máis dinámica”.

Ermida quixo lembrar que “Dende o Concello de Barreiros estamos a traballar nun apartado da web municipal adicado a hostalaría e o turismo, no cal, queremos que aparezan reflexados todos establecementos do municipio clasificados por categorías. Para iso deben poñerse en contacto con nós e facilitarémoslles un formulario que deberán cubrir con datos básicos do establecemento”, concluíu.

RIBADEO

Unha delegación formada por representantes do Concello de Ribadeo e da Asociación de Comerciantes, Industrias, Servizos e Autónomos (ACISA) presentará o legado indiano ribadense a axencias de viaxes e turoperadores durante a feira internacional de turismo Fitur, que se celebrará en Madrid a vindeira semana.

“Sabedores de que o concello de Ribadeo segue a medrar como destino dentro de Galicia, unha delegación formada por membros do Concello e ACISA desprazaranse a Madrid para seguir posicionando esta contorna como un dos destinos turísticos máis importantes do litoral galego e mesmo español, onde milleiros de persoas conflúen actualmente para gozar dunha paisaxe excepcional conformada por un conxunto de elementos patrimoniais de carácter natural e cultural”, explican desde o Concello ribadense.

Ao longo da súa estancia en Fitur, Concello e ACISA establecerán contactos con diferentes axencias de viaxes e touroperadores pois acaban de pechar unha axenda ben nutrida de contactos.

Entre as iniciativas que presentarán está a de seguir a traballar co legado indiano, “tendo en conta que este xoga un papel moi importante como elemento diferenciador á hora de dar valor ao noso territorio no mundo da globalidade. E tamén entre os obxectivos marcados, está a posta en valor do tramo do Camiño de Santiago que atravesa o municipio de Ribadeo, porta de entrada a Galicia do Camiño Norte”, precisan.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...