IniciosociedadeO centro de saúde de Burela abrirá en quenda de tarde desde...

O centro de saúde de Burela abrirá en quenda de tarde desde febreiro

O horario de atención será de 14.00 a 21.00 horas, cunha dotación de médico, enfermeiro e PSX, e os usuarios deberán anotarse para ser atendidos na xornada vespertina

Publicada o

- Advertisement -

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou este mércores nunha rolda de prensa que o centro de saúde de Burela abrirá tamén en quenda de tarde a partir do vindeiro mes de febreiro, en horario de 14.00 a 21.00 horas.

Segundo expuxeron Ramón Ares, xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Lugo-Cervo-Monforte, Victoria Rodríguez, a xefa de servizo do ambulatorio, María José Cortés Canay, xerente do Hospital da Mariña, e Rafael Sánchez, director de Atención Primaria, para poñer en marcha este servizo, co que se duplica o horario de atención aos cidadáns adscritos a este centro, dado que durante a mañá aténdese de 8.00 a 15.00 horas, contrataranse tres traballadores: un médico de familia, un enfermeiro e persoal de servizos xerais (PSX).

Ares explica que o ambulatorio burelao terá na quenda de tarde “un equipo de atención primaria completo” que ofrecerá “a mesma carteira de servizos que en horario de mañá, entre elas a atención domiciliaria“.

Para Ares, a medida “falicitará ser atendidas a aquelas persoas con maiores dificultades para compatibilizar cuestións laborais ou a conciliación familiar”. As consultas realizaranse na entrada, na planta baixa, que se utiliza habitualmente para enfermería e urxencias, sen prexuízo para a actividade habitual do Punto de Atención Continuada (PAC), situado no Hospital da Mariña, que cubrirá as urxencias de tarde exceptuando as do cupo vespertino.

CUPO ABERTO

Inicialmente, o cupo do novo facultativo será cero. Isto quere dicir que en principio non terá unha asignación determinada de pacientes; serán os usuarios os que elixan se queren adscribirse a este horario. As solicitudes poderán realizarse, segundo as previsións de Sánchez, “a partir da vindeira semana“.

“Tiñamos dúas opcións para abrir a quenda de tarde”, explicou Ares, “unha delas facendo unha redistribución das tarxetas sanitarias, pero decantámonos por un cupo aberto, é dicir, que voluntariamente os usuarios do centro de saúde que queiran estar de tarde se vaian anotando e vaian pasando á quenda de tarde. Consideramos que hai demanda suficiente, tamén en enfermería, para poder cubrir os cupos sen necesidade de reasignacións e traslados”, argumentou.

MÁIS DE 10.000 USUARIOS, CON 1.344 NENOS

Segundo os datos ofrecidos polo Sergas, o centro de saúde de Burela, inaugurado no ano 2000, atende unha poboación de 10.223 persoas, das que 1.344 son poboación pediátrica (menores de quince anos). Tamén se ubica nel a Unidade de Inspección Médica da Mariña Lucense, os inspectores de saúde pública de Farmacia e Veterinaria.

VIVEIRO, SEN ABRIR “POR FALTA DE MÉDICO”

O Sergas, pola contra, non ofrecerá polo de agora servizo en quenda de tarde en Viveiro, reclamación da comunidade sanitaria viveirense. Ares sostén que o motivo é que non se conseguiu médico. “Ofertamos as dúas prazas, Burela e o centro de saúde viveirense, na primavera de 2019, pero non poidemos abrir este último porque non conseguimos que ningún facultativo escollese esa praza“, admitiu Ares, que engadiu que “seguimos tentándoo”.

UNHA FASE DA AMPLIACIÓN DO HOSPITAL, PENDENTE

Con respecto á ampliación do Hospital, Cortés Canay sinala que se completou “a reforma das plantas de hospitalización, completadas no mes de novembro, cando comezaron a funcionar as habitacións reformadas”. Queda pendente “a fase 1B, coa obra de diálise e a parte administrativa. Probablemente a finais da primavera ou principios de verán se poida falar de algo máis concreto sobre as datas de conclusión“.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...