Por Viveiro propón crear un centro de actividades náuticas e deportivas no Casino

A formación independente considera que o inmoble, propiedade de Portos de Galicia e en estado de abandono, sería idóneo para esta fin pola súa ubicación

Casino de Viveiro. MAPIO.NET

Por Viveiro presentará no vindeiro pleno municipal unha moción para a reforma do Casino a fin de destinar o inmoble a centro de actividades náuticas e deportivas.

O partido independente explica que a extinta sociedade do Casino, unha vez disolta, deixou en mans de Portos de Galicia o característico edificio situado nos recheos da fachada marítima de Viveiro.

O mencionado edificio está sendo obxecto de numerosos actos vandálicos, e obsérvase un abandono considerable por parte do organismo titular do mesmo.

Segundo expón Por Viveiro, a vila, “nos últimos anos, viviu de costas ao mar en canto á náutica se refire, e todas as actividades realizadas na nosa ría son froito do traballo desinteresado das directivas dos distintos clubs e asociacións, que a pesar de instalacións pequenas e accesos perigosos ao mar, continúan con ilusión e entusiasmo coa súa actividade”.

“Temos club de piragüismo, club de remo en banco fixo, kaiaks e clubs de mergullo, pero un impulso da administración podería facer que Viveiro contara con máis actividades náuticas, como vela ou remo en banco fixo, por poñer algún exemplo”, indica a formación que lidera Bernardo Fraga, que salienta que Viveiro “carece ademais de locais e instalacións apropiadas para os clubs e entidades deportivas, que na maioría dos casos, contan con locais alugados ou carecen de salas e espazos de reunión”.

CAMBIO DA GARDA CIVIL DO MAR

Por Viveiro subliña que “a posición do edificio do Casino, en primeira liña, e anexo ao porto deportivo, coloca esta edificación como idónea para acoller un Centro de actividades náuticas e deportivas, así mesmo, tamén podería acoller en parte da edificación as instalacións administrativas propias do porto deportivo, regresando a Garda Civil do Mar, á edificación que foi realizada para tal fin”.

Polo exposto, a formación presenta unha moción para o debate na sesión plenaria que conta cos seguintes puntos:

  1. Instar a Portos de Galicia a reformar o edificio do Casino co obxectivo de destinalo a Centro de Actividades Náuticas e deportivas.
  2. Instar a Portos de Galicia, a ceder, unha vez reformadas, as instalacións para os distintos clubs e entidades que así o soliciten e trasladar as oficinas administrativas do Porto Deportivo ao citado edificio.
  3. Instar ao Concello de Viveiro a realizar as xestións oportunas para o cumprimento dos puntos 1 e 2, e no caso de resposta contraria de Portos de Galicia, solicitar a cesión do edificio e buscar en outras administracións o financiamento para a súa reforma e creación do Centro de Actividades Náuticas e Deportivas.
  4. Dar traslado aos distintos grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia, a fin do seu coñecemento.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here