Foz inicia melloras nas estradas de sete das nove parroquias

O investimento superará os 220.000 euros, con fondos municipais, autonómicos e do Plan Único da Deputación

Estrada de Pedrido. AXM

O Concello de Foz anunciou que comezaron as obras para mellorar varias estradas municipais do concello. Sete das nove parroquias beneficiaranse das actuacións, que afectarán a dez quilómetros de extensión e contarán cun investimento que supera os 220.000 euros, procedentes do Plan Único da Deputación, de axudas da Xunta e de fondos propios.

ACTUACIÓNS

Segundo explicou o goberno local, en Fazouro mellorarase o treito que parte da ponte do tren camiño das Chaves por A Torre a Rúa e ata o polígono industrial.

En Vilaronte, as actuacións executaranse na estrada que sube á Casa de Chona, desde a fonte de Nogarido á vía da Deputación e desde a estrada da Rúa pola Casa do Montañés ata a vía Reiriz-A Espiñeira.

Na parroquia de San Acisclo, as obras comprenderán desde a rotonda da estrada Ferreira-Foz ata pasar o cemiterio.

En Nois, as actuacións irán desde a ponte da vía ata Cabanas e O Outeiro, ademais do camiño de Pedrido e da estrada que une a dos Xuncos coa N-642.

Ademais, vaise mellorar a estrada que une o alto de O Santo co cruce do barrio de Trasmonte, nas parroquias de San Martiño e Santa Cilla.

Na parroquia de Cordido, finalmente, as obras serán no viario desde o barrio de Pumariño ata o Chao da Vila, polo Sixto”.

COMPROMISOS

O primeiro tenente de alcalde e concelleiro de medio Rural e obras, Pedro Fernández Manín, resalta que estas actuacións “son o resultado das xestións levadas a cabo polo equipo de goberno do Concello de Foz”. Algunhas destas obras son compromisos adquiridos polo goberno local no seu acordo con Foz Plataforma de Futuro para a aprobación dos orzamentos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here