Viveiro entra na recta final do Antroido, co desfile este martes e o Enterro da Sardiña o mércores

A comitiva do Carnaval repartirase 5.500 euros en premios e o funeral pagán de sabas brancas volverá o día 26, nunha tradición que se remonta alomenos a finais do século XIX

Enterro da Sardiña en Viveiro, nos anos 40. VIVEIRO NA MEMORIA

Viveiro entra na recta final do Antroido coas dúas citas máis importantes dos festexos, o desfile –o vindeiro martes, desde as 17.30 horas– e o Enterro da Sardiña, na tarde do mércores 26.

Pasados o Xoves de Comadres, “que nos últimos dos anos despuntou e volve vivirse con intensidade”, segundo a alcaldesa, a socialista María Loureiro, e as Alpuxarradas, as coplas satíricas coas que a veciñanza asina unha mordaz crónica social e política da vida municipal, que non deixaron títere con cabeza, o concurso de disfraces é o terceiro gran capítulo da programación.

O Concello repartirá máis de 5.500 euros en premios nun certame no que se espera, expón Loureiro, a participación “dunhas 600 ou 700 persoas”. A rexedora remarca que o goberno local tentou fomentar a participación nos últimos anos cun incentivo económico de 200 euros para as comparsas que se anoten por adiantado, a fin de premiar aos viveirenses e tamén a todos aqueles grupos das provincias de Lugo ou A Coruña que prioricen Viveiro no Martes de Carnaval.

Alpuxarradas. AXM

DATA SINALADA

Por primeira vez, o xurado do certame estará formado por profesionais de diferentes eidos relacionados co deseño, a costura, decoración ou a arte. Presentará o evento a actriz de Barreiros Estíbaliz Veiga. Ademais, unha sesión vermú na Praza Maior animará a vivir as horas previas na rúa e co disfrace posto.

“O Antroido (que así se chama no municipio) é unha festa das máis importantes do ano para a veciñanza de Viveiro. É unha data sinalada e moi esperada, que repercute moito no sector servizos. A xente sae e consume, a hostalería tamén se envorca para ofrecer cousas, e por iso desde o Concello apostamos por incentivalo”, sinala Loureiro, obxecto de bromas durante as Alpuxarradas, coma os voceiros dos grupos políticos da oposición ou o presidente da Xunta, Núñez Feijóo.

“Coma sempre, os políticos fomos o obxectivo das bromas, pero hai que recoñecer e agradecer o humor, que é unha cousa importante na vida”, indica.

O ANTROIDO SAÍU EN PLENA DITADURA

O cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, ten destacado nos seus artigos o impacto social do Entroido no municipio viveirense. A mediados dos anos 40, en plena ditadura franquista e cando estaba prohibido practicamente en todos os recunchos de Galicia, a comitiva do Carnaval logrou saír na Cidade do Landro, semella que por un pacto coa Igrexa e a Garda Civil a condición de que se apagase co contido anticlerical ou antimilitar das bromas. Non durou, e a sátira quedou prohibida durante décadas, confinándose posteriormente a lugares privados como o Casino.

O Enterro da Sardiña é o principal rasgo característico do Entroido viveirense, unha sátira dun funeral cun prisma pagán e que ten xuntado “máis de mil persoas con batas brancas“. Documéntase desde finais do século XIX.

INICIAR OS PEQUENOS

Agora, a xornada da retranca por excelencia comeza cun Enterro infantil, “para que os pequenos coñezan a semente, o que se celebra”, precisa a concelleira de cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega. Pola mañá será a recepción de autoridades, e pola tarde descubrirase unha praca conmemorativa sorpresa. Ás 18.30 horas será a quenda das crianzas e aos 21.00 horas, dos maiores.

O SÁBADO, EN GALDO

A localidade de Galdo pechará o Entroido no municipio, o sábado 29 ás 22.30 horas, no local social. Haberá concurso de disfraces e animación musical.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here