O relevo xeracional ou os prezos do alugueiro, temas centrais da xornada sobre emprendemento da FCAM

O Cenima de Foz acolleu un encontro no que representantes de Administracións, economistas ou avalistas abordaron as preocupacións máis comúns dos emprendedores

Xornada sobre emprendemento da FCAM. AXM

O salón de actos do Cenima, en Foz, acolleu o pasado xoves a xornada sobre emprendemento organizada pola Federación de Comercio A Mariña (FCAM). Ademais das oito exposicións efectuadas por outros tantos poñentes houbo tamén tempo para as preguntas do público asistente. O alugueiro de locais, o relevo xeracional, o traspaso de negocios, as axudas, as subvencións e as liñas de crédito centraron a cita á que asistiron representantes de Acias e de Concellos da comarca, de empresas, de entidades financieiras e persoas interesadas no emprendemento.

Na súa intervención o presidente da FCAM, José Carlos Paleo, lembrou que a Federación de Comercio A Mariña foi creada hai nove anos e que conta con 1.000 asociados e asociadas. Subliñou que “preocupan os relevos xeracionais e os traspasos de negocios que funcionan. É unha pena que asistamos a peches de empresas por falla de relevo, sexa do tipo que sexa”.

Para o presidente da FCAM “hai que moverse, hai que emprender, hai que conseguir ter ese relevo, xa sexa a través da familia ou do traspaso”. E sobre o alugueiro apostou por “lograr ese punto de encontro entre as partes para os locais non queden baleiros”.

“MOITA ROTACIÓN DE NEGOCIOS” POLOS PREZOS DE ALUGUEIRO

Antonio Dorrego, economista de 3A Consultores, indicou que “emprender require un proceso. É preciso facer un pequeno estudo para saber a onde queremos chegar, canto temos que vender para cubrir custes e ata qué punto temos que chegar para o que proxecto non nos custe cartos”.

Dorrego dixo que tamén hai que ter presente “se estamos dispostos a perder cartos e ata canto estamos dispostos a perder”. Sobre as subvencións que conceden as administracións sinalou que “sempre son benvidas, pero estes cartos son limitados. Veñen moi ben para montar un proxecto, pero poden non chegar. O negocio non pode depender delas”, concluíu.

O economista de 3A Consultores referiuse ao mercado do alugueiro e indicou que “hai unha moi alta rotación de negocios na Mariña porque os prezos non compensan a rentabilidade”.

“ACTIVIDADE CHAMA A ACTIVIDADE”

E manifestou que “unha zona dinámica dunha vila pode devir en decadencia polo exceso de optimismo dos propietarios dos locais e viceversa… actividade chama actividade”. Dorrego considera que un local que foi mercado por 100.000 euros proporciona unha rentabilidade axeitada cunha renda de 6.000 euros ao ano, é dicir 500 euros ao mes: “un local ao que o seu aluguer lle custa 1.000 euros ao mes estalle a complicar a vida ao emprendendor, dependendo da zona na que estea ubicado”.

AXUDAS DA XUNTA E A DEPUTACIÓN

Pilar Fernández, xefa territorial de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, explicou na xornada celebrada en Foz as liñas de axuda da Administración galega para autónomos, para as pequenas empresas, para co comercio, para a contratación e para fomentar a igualdade e a responsabilidade social.

Segundo expuxo, hai varias destinadas aos autónomos para a conciliación ou para a contratación que poden solicitarse ata o 30 de setembro deste ano. Tamén hai axudas para unha segunda oportunidade, é dicir para aquelas persoas que un día foron autónomas, que o tiveron que deixar, e que deciden volver a tentalo. Fernández tamén aludiu ás axudas para o comercio destinadas á modernización, á expansión comercial ou á dixitalización. Neste caso a convocatoria abriuse o 21 de febreiro e remata o 21 de marzo. A xefa territorial de Economía fixo alusión tamén ás axudas do IGAPE.

A ALFABETIZACIÓN DIXITAL, “CHAVE”

Para Pablo Rivera, responsable da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, “temos un problema común cando vemos que negocios de tradición centenaria pechan as súas portas sen un relevo. Iso quere dicir que algo non está a funcionar ben. Hai un problema de relevo xeracional e de alfabetización dixital. Na Deputación estamos interesados en escoitar a todos os sectores económicos da provincia”.

Rivera aludiu ao carácter de “cidade lineal” da comarca da Mariña e ao seu potencial así como tamén aos programas para o emprendemento que esta a levar adiante a institución provincial. O responsable de Promoción Económica e Social referiuse a ‘Prende, bota raíces no rural‘ e ‘Ben Empregado‘ e dixo que “se están a repensar diferentes modelos novos e liñas de financiamento para emprendedores e para a consolidación de empresas. Isto require dun análise profundo das principais problemáticas que hai”, rematou.

Público asistente. AXM

A ACHEGA DOS CONCELLOS

Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Fran Cajoto, subliñou que “se pretendemos que as empresas se asenten na nosa comarca, nos nosos Concellos, hai que crear as condicións favorables. Hai que facer unha forte promoción, temos que conseguir que se nos coñeza en todo o Estado e crear oportunidades de negocio”.

Cajoto, tamén alcalde de Foz, apostou “pola creación de solo industrial nos nosos Concellos e por axilizar os trámites administrativos o máximo posible. As ralentizacións poden provocar que unha empresa elixa montarse nun Concello ou noutro. Tamén son importantes as bonificacións dos impostos municipais para as empresas que poidamos facer”, argumentou.

As xerentes do Galp A Mariña-Ortegal e do GDR Terras de Miranda, Mar López e Elena Martínez, falaron do traballo que estiveron a desenvolver ao longo dos últimos anos e dos proxectos produtivos que puideron obter financiamento a través das devanditas asociacións. Nun caso trátase de proxectos vinculados coa pesca, co mar e co turismo mariñeiro e no outro de proxectos para produción agraria primaria, para transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais ou para actividades de diversificación das explotacións agrarias cara a actividades non agrarias, entre outras.

LIÑAS DE CRÉDITO

E desde Afigal, o delegado en Lugo, José Luis Feijóo, falou das liñas de crédito e dos avais técnicos, especiais e financieiros que pode conceder, así como dos convenios asinados con outras entidades ou con administracións. Dixo que Afigal foi creada por empresas para prestar servizo ás empresas. Ao remate das exposicións realizadas houbo preguntas dos asistentes.

A xornada rematou cun aperitivo. Entre o público asistente estiveron a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; a concelleira de Turismo viveirense, Marisol Rey; o alcalde de Burela e vicepresidente do Galp A Mariña-Ortegal, Alfredo Llano; o presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez; e a concelleira de Emprego de Foz, Inés López, entre outros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here