Acordo do pleno para que Foz sexa un municipio libre de casas de apostas

Malia que aínda non consta ningunha solicitude para instalar un destes centros de xogo, a proposta do BNG anticipou o debate

Manifestación contra as casas de apostas. GALICIA CONFIDENCIAL

O BNG de Foz acadou o acordo do pleno para posicionar o municipio como concello libre de casas de apostas, de xeito que nos aspectos nos que o goberno local teña competencias, traballará pola limitación destes centros de xogo. Os nacionalistas remarcan que “a ludopatía, especialmente pola cantidade de xente nova que cae nesta adicción“, supón “un problema de saúde pública”.

Por agora non hai ningunha solicitude ao executivo municipal para instalar un destes negocios no concello, pero o grupo nacionalista quixo anticipar o debate.

A petición dos nacionalistas, a corporación acordou tamén instar á Xunta de Galicia a consensuar unha nova Lei do Xogo -actualmente en anteproxecto- que “debe contar na súa elaboración co consenso dos grupos políticos e tamén coas asociacións que traballan no ámbito da rehabilitación”. Outra das propostas aceptadas é reclamar ao Goberno autonómico a que, “igual que acontece co gremio de tabacaleiras ou farmacias, limite a apertura das casas de apostas físicas mediante o establecemento dun mínimo de metros de separación ou por núcleos de poboación, para frear así a súa expansión, limitando tamén a publicidade tanto en cartelería como no patrocinio de entidades deportivas que inflúen decisivamente na adicción na mocidade”.

CONLEVA “PROBLEMAS LEGAIS, ECONÓMICOS OU LABORAIS”

O tenente de alcalde de Foz e voceiro do BNG focego, Javier Fanego, expón que “a idade media de inicio entre a xente que acode a pedir axuda por ludopatía que xa é de 18 anos, o que significa que hai moitísimos mozos e mozas que comezaron a xogar sendo menores de idade. O xogo patolóxico é un trastorno que figura entre as adicións de tipo comportamental nas clasificacións médicas e psicolóxicas. Consiste na perda do control do comportamento en relación ao xogo que se caracteriza por ter graves consecuencias para as persoas como problemas académicos, laborais, económicos, sociais ou legais asociados ao xogo”, conclúe.

EN RIBADEO, O CONCELLO POSICIONOUSE EN CONTRA

A polémica das casas de apostas xa chegara a Ribadeo, onde a Xunta negou unha licenza. O alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, posicionárase en contra da apertura e negara un permiso ao empresario.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here