Urxen ao Concello de Burela a aclarar se contratou docentes da escola de música sen concurso público

O BNG asegura que o alcalde e o concelleiro de cultura "deben dar explicacións" por actuacións "á marxe da legalidade"

Escola de Música de Burela. PÁXINAS GALEGAS

O BNG de Burela anunciou o rexistro dunha batería de preguntas en relación á “contratación irregular de profesorado na Escola de Música Municipal“. Os nacionalistas reclaman ao Concello que aclare se catro docentes do servizo traballaban como “persoal laboral con carácter indefinido, se se mantivo a consignación orzamentaria correspondente a estes postos de traballo e se as prazas vacantes foron cubertas mediante a correspondente convocatoria pública de selección” ou ben se as especialidades “se están a contratar a través dunha empresa externa”.

Os nacionalistas explican que un informe da Intervención Municipal do 17 de febreiro no que “se sinala que se está a prestar unha parte do servizo mediante xestión indirecta, incumpríndose o Regulamento de funcionamento da Escola de Música Municipal e a Lei de Contratos do Sector Público“.

O voceiro da formación frontista, Mario Pillado, demanda ao alcalde, o socialista Alfredo Llano, e ao concelleiro de cultura, José Díaz, que “recoñezan se efectivamente se contratou profesorado sen ter convocado o proceso público de selección preceptivo, vulnerando os principios de equidade e transparencia. Son os responsables directos destas actuacións á marxe da legalidade e teñen que dar a cara e non ollar para outro lado como se non fora con eles”, indicou.

Para o portavoz do BNG, “a contratación discrecional de profesorado mediante unha empresa externa non é máis que a punta do iceberg dunha problemática que se arrastra desde hai anos e que se acentuou durante o pasado mandato co señor Díaz como concelleiro de Cultura, con constantes retrasos no inicio do curso na Escola de Música Municipal, debido ao incumprimento dos prazos na contratación de profesorado, chegando incluso a paróns de case catro meses sen actividade durante o curso 2016-2017″.

“INESTABILIDADE PERMANENTE”

Desde a formación frontista sinalan que “resulta chamativo que unha vez acadada certa estabilidade na plantilla de profesorado da ESMU ao serlle recoñecida a condición de persoal laboral indefinido durante o mandato 2007-2011, se chegase a unha situación de inestabilidade e improvisación permanente na contratación de profesorado e no cumprimento do calendario escolar”.

“Se finalmente se confirma que houbo unha xestión irregular do servizo, como se desprende dos informes consultados ata o momento á espera da restante documentación solicitada, exixiremos as responsabilidades oportunas”, concluíu Pillado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here