As peticións de Ertes aumentan na provincia un 90% en cinco días, con 3.726 obreiros afectados

Un total de 1.058 empresas lucenses presentaron solicitudes; en Galicia, a cantidade duplicouse desde o venres, con 8.276 expedientes e 45.440 empregados implicados

Oficina de emprego de Ribadeo. PÁXINAS GALEGAS

Un total de 1.058 empresas da provincia de Lugo presentaron solicitudes para realizar expedientes de regulación temporal de emprego (Ertes) desde o decreto do estado de alarma por mor do coronavirus, segundo precisou a Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Deste xeito, o incremento das peticións na provincia é do 90,17% nun prazo de cinco días, segundo os datos facilitados a este medio o pasado 18 de marzo. Daquela, a Xunta de Galicia contabilizaba 104 solicitudes, que afectarían a 505 traballadores. Os 1.058 Ertes presentados afectarían a un total de 3.726 traballadores.

A nivel da comunidade autónoma, presentáronse un total de 8.726 Ertes, que afectarían a 45.440 empregados. É case o dobre dos computados o pasado venres, o que ofrece unha idea da incidencia económica da pandemia e tamén do incremento deste tipo de medidas despois da normativa aprobada polo Goberno central para axilizar os Ertes.

                ERTES PERSOAS TRABALLADORAS
A Coruña 3.172 15.651
Lugo 1.058 3.726
Ourense 1.055 4.281
Pontevedra 2.732 15.536
Autonómico 251 5.509
Estatal 8 737
TOTAL 8.276 45.440

O Executivo central axilizou os trámites nun prazo de sete días para responder á elevada demanda destes procedementos; os traballadores afectados terán dereito a percibir a prestación contributiva por desemprego e a que ese tempo consumido de paro non conte como gastado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here