IniciosociedadeDespedir aos defuntos no tempo do coronavirus

Despedir aos defuntos no tempo do coronavirus

Os psicólogos prevén "patoloxías" do dó ao non poder acompañar os familiares ao ser querido falecido; as medidas de prevención do virus reducen os velatorios ao círculo máis íntimo

Publicada o

- Advertisement -

coronavirus está a supoñer un desafío a nivel social en moitos campos, un reto ao que non escapan nin o nin os servizos funerarios. A despedida dos seres queridos, para moitos tan necesaria para aceptar a súa marcha, adquire se cabe maior complexidade polas medidas adoptadas para tentar conter a pandemia. As funerarias da Mariña Lucense tamén se preparan para situacións novas, a fin de evitar o risco de contaxio e garantir a seguridade de traballadores e familiares, ademais de posibilitar que estes últimos poidan despedir aos seus defuntos coa maior dignidade posible.

Para os seres queridos dos falecidos por coronavirus espera un proceso complexo de dó, pois na inmensa maioría dos casos non poderán despedirse dos familiares, illados nos hospitais para evitar contaxiar a enfermidade.

“É certo que non hai un xeito de levar un dó e cada un escolle un xeito”, expón Carmen Rubiños, psicóloga que dirixe o centro de maiores de Ribadeo. “Algunhas persoas necesitan tocar e bicar e outras prefiren non facelo, pero nós tentamos dentro dese respecto á individualidade favorecer as despedidas”, indica.

“Hai moitas persoas, aquelas que necesitan ver e tocar, que van pasar por unha experiencia terrible. Os psicólogos temos maneiras de traballar sobre esta forma non escollida de levar un dó. Cando fas algo voluntariamente, as consecuencias psicolóxicas son menores; cando te tes que despedir dalguén por obriga, e ademais non o podes ver, porque esa persoa estivo confinada no hospital, iso é duro. O familiar non veu ao seu defunto nin no momento da morte nin antes porque estaba no hospital; é algo moi antinatural“, prosegue.

Rubiños remarca que “hai recursos” para axudar esas persoas, pero prevé “unha cantidade importante de complicacións arredor do dó, de patoloxías debido a esta situación”.

DESPROTECCIÓN

“Eu podería comparalo quizais coas viúvas dos mariñeiros, cando se van ao mar e non volven, e o cadáver non aparece; non hai un lugar onde facer unha ofrenda. É un sentimento de indefensión, de frustración, de impotencia, esa situación de desprotección. Como o tería pasado, sentiríase só neses momentos, tería dor? Son as preguntas que se soen facer esas persoas. Non estás acompañando ao teu familiar; non só sufres porque non está senón tamén porque non sabes como estaba”, remarca.

Para tentar aliviar dalgunha maneira a dor, a psicóloga apunta “un lado positivo do que partir. Ese sacrificio enorme de non poder despedirme evita contaxios, hai que velo así polo ben común”, conclúe.

NOVA NORMATIVA PARA AS FUNERARIAS

As empresas afrontan un desafío. Co decreto do estado de alarma, as funerarias seguen agora a normativa da Policía Mortuoria a nivel estatal, que permite agora “enterrar ou incinerar os mortos antes das 24 horas, cando anteriormente non era posible”, explica Víctor Pernas, de Funerarias A Mariña. Nos casos de coronavirus, “temos que tomar unha serie de medidas e precaucións en canto ao transporte desde o hospital, co correspondente selado, e ás distancias, por exemplo”, indica.

A nova normativa de aplicación impide manipular ningún cadáver para evitar contaxios, polo que queda prohibida calquera práctica de tanatocracia ou tanatoestética. Isto, expón Pernas, supón algúns dilemas. “Hai defuntos que teñen marcapasos e antes podiamos quitárllelo para incineralos, pero agora haberá que enterralos”, argumenta. Pernas está molesto porque ao longo dos últimos días “desde o Goberno central cambiaron as directrices varias veces”, o que supón “incerteza” para as empresas.

AS EMPRESAS RECLAMAN EQUIPOS DE PROTECCIÓN

Outra das queixas dos servizos funerarios é a falta de equipos de protección individual (EPIs) para os traballadores. “Temos un descontento grande”, sinala Pernas, “porque confiscouse material da fábrica que abastece ao 80 ou 90% das funerarias de España e non estamos a recibir nada. Quen ten existencias na reserva vai ir tirando, pero quen non teña está vendido”, lamenta.

“Levamos uns dez días pedindo material e o desabastecemento é absoluto”, critica, para remarcar “o risco” que esta situación conleva para os empregados. “Se os defuntos non teñen feita a proba, como podemos saber se é un Covid-19?”, pregunta Pernas, que responde el mesmo á pregunta: “por iso, saibámolo ou non, son necesarios os EPIs”.

“Entendemos a dor das familias que perden a un ser querido, pero é necesaria unha regulación dos actos de despedida ante a grave crise sanitaria que estamos padecendo”, sinalou o colectivo Gallaecia, que reúne firmas de toda Galicia e insta ao Executivo central a proporcionar “ás empresas de xeito continuo material a fin de que poidan seguir realizando o seu traballo en condicións de seguridade”.

FIRMAS MADRILEÑAS CONSULTAN DISPOÑIBILIDADE

A Pernas, que ten décadas de experiencia no sector, a situación lémbralle á epidemia do Sida. “O primeiro falecido de toda Galicia foi en Burela e non sabías como reaccionar, porque non tiñas información; era algo tan descoñecido… Pasábalo mal e tiñas medo, non sabías exactamente cales eran as formas de contaxio”, recorda. O pasado martes, a súa empresa asumiu a incineración do primeiro falecido na Mariña polo coronavirus, un usuario da vivenda comunitaria Mirador del Eo, de 83 anos.

A falta de EPIs choca coa demanda de fornos. “Malia que houbo un incremento dun 60% en España nos últimos anos, en Madrid están colapsados pola pandemia e estanse incinerando cadáveres procedentes da capital do Estado en Ávila, Segovia ou mesmo Córdoba“, concreta Pernas, que admite que unha funeraria madrileña púxose en contacto con el para poder usar o crematorio en caso de necesidade.

CONDOLENCIAS POR TELÉFONO OU WHATSAPP

Nos casos de mortes por coronavirus están permitidos os enterramentos, pero sen exposición do cadáver. Tamén se restrinxe o aforo en todos os velatorios. “Non se poden superar un máximo de 20 persoas nun tanatorio, temos que controlar que non haxa máis de dez persoas na sala familiar e outras dez no hall, aproximadamente. Por suposto, non se fan funerais en igrexas nin cerimonias abertas ao público”, concreta Pernas.

As medidas de contención da epidemia afectan tamén así a aquelas familias cuxo defunto non contraeu o coronavirus, obrigadas a uns velatorios privados. “Os familiares lévano ben”, indica Pernas, “porque loxicamente teñen medo. Non fai falta explicarlles a situación porque son perfectamente conscientes da gravidade. Desde que arrancou isto levamos cinco enterros e non veñen nin amigos nin veciños ao tanatorio, a xente está dando o pésame por teléfono ou polo Whatsapp e respondendo moi ben dadas as circunstancias”, relata.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...