Burela prevé rematar as obras nas rúas do Hórreo e Rosalía de Castro nunha semana

O GES de Cervo ofrecerá charlas ao persoal dos servizos municipais para aconsellar medidas de prevención fronte ao coronavirus

Desinfección en Burela. AXM

O Concello de Burela realiza tarefas de desinfección co camión municipal de bombeiros nas zonas onde se rexistra unha maior presenza de xente como as inmediacións de supermercados, panaderías, farmacias ou outros negocios que están abertos. O alcalde, o socialista Alfredo Llano, agradece a colaboración do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo, que está a actuar nos arredores do hospital e fai fincapé no reforzamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

Llano expón que “tamén a nosa empresa de limpeza desinfectou algunhas rúas, pero agora mesmo estamos con persoal municipal e co vehículo do Concello que se emprega normalmente para os incendios, que leva unha grande capacidade de auga, uns 2.000 litros, estamos limpando todas as zonas en xeral de Burela, preferentemente nas prazas e sobre todo onde se pode concentrar máis xente como poden ser os supermercados ou as panaderías”.

O rexedor contou que “tamén estamos achegando material de protección. Temos pouco, algún distribuímolo. Mañá iremos a Lugo a por máis material dado que temos pedido, a través da Fegamp, elementos importantes para evitar contaxios”.

Llano expuxo que “estamos dando un impulso á atención a domicilio; a verdade que hai xente do concello que está colaborando, voluntarios, para atender a aquelas persoas que teñan necesidade ben porque vivan soas, teñan pouca mobilidade ou necesitan dalgunha maneira moi xustificada axuda. Polo tanto estámoslle levando a comida, os produtos de farmacia ou aquilo que nos pidan. É algo que está dando moi bo resultado e penso que é un motivo extraordinario de orgullo solidario”.

MEDIDAS SOCIAIS

O alcalde burelao engadiu que “estamos estudando xa aprazamentos de cobros, meter un fondo de continxencia, levar parte do orzamento para atender emerxencias sociais ou cuestións de política social en xeral e todo aquilo que sexa necesario, pero ten que ser dunha maneira coordinada, que fagamos todos o mesmo, que non existan desfases e que poidamos atender aquelas necesidades que se deriven desta crise”, conclúe.

OBRAS

No tocante a obras como as das rúas Rosalía de Castro e do Hórreo, Llano indicou que “están a piques de rematar, xa estamos practicamente na última semana. En canto se normalice esta alarma, cando desapareza porque xa temos vencido a propagación do virus, animaremos á xente de Burela e aos visitantes que poidan vir gozar delas. Iso sería moi agradable poder ver xente por aí porque significaría que xa temos dado un paso moi grande”, concluíu.

RECOMENDACIÓNS AO PERSOAL DA RESIDENCIA CERVENSE

O Concello de Cervo, a través das delegacións de Servizos Sociais e de Protección Civil, dirixidas por Pilar Armada e Alfredo Fernández, e do servizo de emerxencias municipal cuxo responsable é Mario Antuña; imparte estes días charlas de prevención de contaxio do Covid-19 dirixidas aos traballadores daqueles centros do municipio que contan con usuarios residentes.

O Servizo de Emerxencias Municipal, desprazouse no día de hoxe ata o centro de día-residencia de San Cibrao, no que non hai diagnosticado ningún caso de coronavirus na actualidade, para afondar nos protocolos de seguridade e prevención que debe seguir o persoal, para evitar que o virus poida entrar do exterior.

Charla do GES de Cervo. AXM

De tal xeito, recordóuselles que é fundamental extremar as precaucións tanto no centro de traballo como cando van aos seus fogares, para previr contaxios. Deben ser especialmente estritos, por exemplo, coa indumentaria, evitando en todo momento que o vestiario que traen do exterior entre en contacto coas instalacións que comparten coas persoas usuarias; e que a roupa de traballo quede sempre no centro; onde teñen que extremar as medidas de hixiene e prevención seguindo as recomendacións de Sanidade.

Con todo, desde o Servizo de Emerxencias puideron constatar “que a desinfección interna das instalacións se está a facer correctamente, e que o persoal está a ser extremadamente coidadoso, seguindo en todo momento as consignas fixadas para minimizar o risco de contaxio do virus”, sinala o executivo municipal.

DESINFECCIÓN EN XOVE

A Xunta de Galicia, a través dos profesionais do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPDCIF), continúa no día de onte coas tarefas de desinfección dos exteriores das residencias de maiores e dos centros de saúde en oito municipios lucenses do rural, cometido de limpeza extraordinario vinculado á situación de emerxencia por mor do coronavirus. Na Mariña, actuaron no exterior da residencia de maiores de Xove.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here