IniciosociedadeRibadeo leva á casa produtos dos agricultores do municipio e Foz reforza...

Ribadeo leva á casa produtos dos agricultores do municipio e Foz reforza o banco de alimentos

Vinte arrendadores eximirán a socios de Acisa de pagar o alugueiro no vindeiro mes de abril; Cervo distribúe no hospital pantallas protectoras

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Ribadeo pon en marcha unha campaña para promover a venda directa dos produtos da horta e a súa entrega gratuíta nos domicilios das persoas interesadas no consumo local. Será mentres dure o confinamento, segundo explicou este mediodía o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

O edil contou que “o Concello, en colaboración coas persoas produtoras e labregas de Ribadeo inscritas no Reaga, ven de poñer en marcha unha campaña para promover a venda directa dos produtos da nosa horta e a súa entrega nos domicilios das persoas interesadas en consumir o noso produto local”.

Vizoso indicou que “as persoas consumidoras poderán ter as súas cestas de produtos de tempada e frescos na súa casa poñéndose en contacto coa produtora que elixa, que lle informará sobre a dispoñibilidade de cada produto e levaralle o pedido co desprazamento gratuíto no día que eles concreten. Trátase de produtos de tempada que habitualmente víñamos atopando no mercado e tamén de planta hortícola”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local explicou que “con esta iniciativa preténdese facilitar a venda de produtos de horta que anteriormente se distribuían no mercado e avanzar noutras formas de comercialización, ademais de promover que as persoas se queden na casa, que nestes momentos é o máis importante. Dende o Concello queremos animar deste xeito a consumir produtos da nosa zona, que son frescos, saudables e de temporada, axudando tamén a crear comunidade entre a veciñanza”, concluíu.

GUÍA INFORMATIVA

O Concello ribadense tamén ofrecerá unha guía informativa sobre o Covid-19, que se poderá consultar na web municipal. Vizoso dixo que “debido á profusión lexislativa de diferentes administracións públicas nas últimas semanas a consecuencia do decreto do estado de alarma e da emerxencia sanitaria, realizamos unha recompilación desta lexislación e poñer a disposición da cidadanía, das empresas, dos traballadores e traballadoras e dos autónomos e autónomas unha guía informativa acerca destas medidas adoptadas para minimizar o impacto do coronavirus e que afectan a estes colectivos”.

SOLIDARIDADE COS COMERCIOS

Arredor de 20 establecementos comerciais e hostaleiros asociados a Acisa Ribadeo beneficiaranse da solidariedade dos seus arrendadores, que decidiron eximilos do pago das rendas do mes de abril.

Entre os negocios que non terán que pagar algunhas mensualidades dos seus alugueres atópanse: Texturas Galegas, Mika, Anaís, Xeito, Sargadelos, A Horta de San Roque, Inmoriba e Bar Galicia. Tampouco Acisa terá que pagar o aluguer do seu local, situado na rúa Viejo Pancho, “grazas á solidariedade de Rocío Paz, que entende que si comercios, restaurantes, bares e outros servizos están pechados e o están a pasar mal, esa situación tamén a está a sufrir a propia Asociación de Comerciantes de Ribadeo. Estamos moi agradecidos por este xesto”, expuxo a directiva.

VIVEIRO AGRADECE A COLABORACIÓN Á VECIÑANZA

O Concello de Viveiro agradece a colaboración veciñal na posta en marcha das medidas excepcionais impulsadas desde a corporación pola crise do Covid-19 e o esforzo dos que traballan na sanidade e os servizos básicos.

O goberno local viveirense lembrou a través dun comunicado as iniciativas realizadas trala declaración do estado de alarma. O executivo municipal advertiu de que realiza, así mesmo, unha reunión semanal cos voceiros dos grupos políticos con representación municipal; a semana pasada realizouse de xeito presencial e a desta semana, por unha proposta da concelleira do BNG, fíxose por videoconferencia.

Nestas xuntanzas realízase un balance das medidas adoptadas e das incidencias acontecidas ao longo da semana. “Intentamos, así mesmo, que a administración non se paralice, mantendo a actividade propia na tramitación daqueles expedientes que non se vexan afectados pola paralización dos prazos administrativos”, explica Loureiro.

Ao longo destas semanas, “o Concello mantivo un contacto practicamente diario coas dúas residencias de maiores existentes no concello e tamén realiza un seguimento do número de veciños de Viveiro contaxiados co Covid-19; neste momento hai varios casos no municipio e a previsión é que a cifra de afectados vaia en aumento, tendo en conta que hai probas realizadas á espera de coñecer os resultados”, admite a rexedora.

CANCELACIÓN DA FEIRA DAS MAULAS

Tras a conversa mantida entre a organización da Feira das Maulas e o Concello de Viveiro, decidiuse conxuntamente cancelar a súa celebración, prevista para o 10 maio, tendo en conta a grave crise sanitaria que estamos a vivir.

O BNG DE VIVEIRO PROPÓN CREAR UNHA COMISIÓN TÉCNICA PÚBLICO-PRIVADA

O BNG de Viveiro insiste na necesidade de crear unha a Comisión Técnica Público-Privada para “plantexar, estudar e propoñer as medidas de orde económico, fiscal e social que se estimen precisas para afrontar as consecuencias da crise sanitaria e minimizar os efectos negativos que sobre a economía local, as empresas, o comercio, autónomos, profesionais e o emprego se están a producir e se prevén”.
Unha comisión, sinalan os nacionalistas, que debera estar composta polos técnicos responsábeis das áreas de Facenda, Intervención, Tesourería e Secretaría do Concello, voceiros da corporación e representantes dos sectores produtivos afectados. “Este tipo de comisións xa se estan a levar a cabo noutras administracións públicas e concellos como Lugo, onde constituíron unha mesa de traballo virtual con diferentes sectores económicos da cidade para coordinar a extratexia de dinamización económica”, explica a concelleira nacionalista, Míriam Bermúdez.

ALCOA E CONCELLO TRABALLAN PARA AXUSTAR 140 MÁSCARAS

O Concello de Cervo adaptou e distribuíu no Hospital Público da Mariña pantallas protectoras certificadas cedidas por Alcoa.

A delegación de Servizos Sociais, a través do Servizo de Emerxencias Municipal, entregou esta mañá os primeiros 19 dispositivos de seguridade á dirección do centro e ao servizo de prevención de riscos laborais.

O persoal municipal traballa para axustar o material -140 pantallas- ás necesidades dos sanitarios. Desde o Concello poñen en valor unha vez máis, a colaboración entre organismos, empresas e particulares, que nos está a permitir tecer unha rede de solidariedade fundamental ante a complicada situación que estamos a vivir.

FOZ CONTABILIZA DEZASETE FAMILIAS EN DIFICULTADES

O Concello de Foz reforza o Banco de Alimentos pola crise orixinada pola pandemia do coronavirus.

O rexedor, Fran Cajoto, explica que o Banco “estaba a ter problemas nalgunhas liñas de produtos por mor do transporte”, polo que optouse por “garantir un subministro suficiente financiado polo Concello”. A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, especifica: “vimos convinte facer fincapé naqueles produtos que deben formar parte dunha dieta saudable para os nenos, como os lácteos ou a froita”.

Os responsables do goberno municipal engaden que “co reforzo de alimentos preténdese atender as necesidades daqueles veciños empadroados no noso concello máis vulnerables e agora mesmo temos contabilizadas nunhas 17 familias. O noso desexo é que este servizo sexa o menos necesario posible, pero é a nosa obriga poñernos na peor das situacións”.

O executivo agradece doazóns a Supermercado Familia; peixería Don Mexilón; panadería Bahía; e os produtores hortícolas José Níñez e Pilar Lorigados.

O VENCELLO PIDE SUSPENDER TAXAS MUNICIPAIS

A asociación de veciños O Vencello solicita ao Concello de Burela “que adopte unha serie de medidas urxentes de cara a mitigar na medida do posible os efectos económicos desta crise sanitaria entre as familias, os autónomos e tecido empresarial do noso concello”. O colectivo veciñal pide “o aprazamento do Imposto Municipal de Vehículos e redución proporcional desta taxa para profesionais/empresas nos casos debidamente xustificados e no período correspondente á vixencia do estado de alarma.
Tamén o aprazamento no cobro da taxa de vao permanente; na do cemiterio municipal; e na do lixo durante o período de corentena, “ao tratarse dun imposto extremadamente
gravoso para os nosos comerciantes e industriais”.

BURELA SÚMASE Á “HORA DEL PLANETA”

O Concello de Burela únese á campaña “La Hora del Planeta” e apagará o vindeiro sábado, 28 de marzo, a iluminación de edificios públicos, fontes e tamén a das pinturas do porto. O obxectivo é concienciar á poboación sobre o cambio climático.

BATERÍA DE PROPOSTAS DO PP BURELAO

O PP de Burela presentou varias propostas a nivel municipal para afrontar a situación de crise derivada pola emerxencia sanitaria por mor do coronavirus. Os conservadores solicitan estudar a cancelación do mercado dos venres; a elaboración dun censo de autónomos ou empresas afectadas, a fin de que non aboen a parte correspondente do IBI en tanto sufran o impacto da crise, ou ben valorar que poidan aboalo no 2021; a creación dun fondo de continxencia para desempregados; exonerar do pago da taxa de recollida do lixo e da auga, durante o período de duración deste estado, a todos aqueles
autónomos e empresarios que se vexan afectados por esta crise; e reducir ou suprimir o imposto de terrazas.

O BNG DE LOURENZÁ PIDE O APRAZAMENTO, FRACCIONAMENTO OU CONDONACIÓN DOS IMPOSTOS

O BNG de Lourenzá presentou unha batería de propostas para tentar axudar a pasar a veciñanza co menor trastorno posible a crise creada polo coronavirus.

Axudas de emerxencia ás familias máis desfavorecidas, coordinar un protocolo de atención e seguimento ás vítimas de violencia machista; o aprazamento, fraccionamento ou condonación -ata onde a lexislación permita- dos impostos, recibos e taxas en función das situación concretas de cada persoa ou empresa; ou un plan para reactivar o comercio local trala crise son algunhas das medidas máis notables.

DESINFECCIÓNS EN SETE MUNICIPIOS

O Servizo de Prevención contra Incendios da Xunta actuou en sete concellos da Mariña. En concreto, os efectivos desprazáronse aos centros de saúde de Ourol, O Vicedo, Xove, Barreiros, Lourenzá, A Pontenova e Trabada. Neste último concello tamén traballaron na área da residencia para persoas maiores do municipio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...