Iniciosociedade"Un confinamento duro aquí sería impensable; moita xente só come pan e...

“Un confinamento duro aquí sería impensable; moita xente só come pan e non ten conxelador”

Silvia García, xovense que traballa na Embaixada de Paquistán, conta como vive a pandemia do coronavirus un país acostumado ás traxedias

Publicada o

- Advertisement -

Estaba a piques de marchar a Nova Zelanda, onde lle espera unha nova aventura laboral, pero Silvia García Rapa, natural de Morás (Xove), terá que agardar alomenos dous meses máis en Paquistán, onde reside desde hai catro anos. Traballa en Islamabad, na Embaixada española, para a que organiza eventos culturais. Estes días dedícase principalmente a atender as necesidades provocadas pola crise sanitaria do coronavirus, que por agora non golpeu forte nun país acostumado a soportar traxedias.

Como está a afectar en Paquistán o coronavirus?

Aquí hai cerca de 2.000 casos confirmados e sesenta e pico mortos recoñecidos oficialmente. Iso nun país de máis de 200 millóns de habitantes, o que non resulta moi crible, visto que en ningunha parte do mundo as cifras son moi exactas e tendo en conta que este país limita en parte con China.

CORENTENA

Cando comezou o confinamento?

Comezamos a corentena o pasado día 24. Aquí están pechados os restaurantes, non os bares, porque este é un país musulmán e non os hai. Só abren as tendas de comida, as oficinas do Goberno e os bancos, cun horario moi reducido, de 10.00 a 13.00 horas. E o 90% dos negocios están pechados. Para os traballadores da Embaixada tamén son un problema as casas de cambio, pois tamén pecharon. Hai moito menos tráfico pola rúa… Sobre o papel, é similar a España. Pero o confinamento non pode ser moi agresivo porque a economía non aguanta.

“hai arredor de 2.000 casos confirmados e unhas 60 mortes, nun país de 200 millóns de persoas. agardamos que non se espalle”

De que forma afectaría?

A xente non pode almacenar alimentos na casa, primeiro porque non ten para compralos. Viven moi moi ao día. Moitos non teñen frigoríficos. Sería impensable un confinamento moi duro. O peche dos negocios é un problema porque hai moita xente que se alimenta fundamentalmente de pan, de chapati que se fai fóra nuns fornos especiais. E esas persoas nútrense del porque é barato e asequible, e agora iso non está funcionando.

Como está afrontando a situación a xente de Paquistán?

Hai xente asustada, claro, pero en xeral son persoas moi acostumadas a padecer traxedias. O terrorismo aquí foi devastador, agora a cousa mellorou bastante nos últimos anos. Aparte, hai terremotos, catástrofes naturais, o monzón ataca moito algunhas veces… E outros virus como o dengue ou mesmo enfermidades comúns, como unha diarrea, unha gastroenterite, levan a moita xente nova, cunhas cifras polas que en España botariamos as mans á cabeza.

“aquí padeceuse o terrorismo, xente nova que morre por gastroenterite… o golpe psicolóxico non é tan forte”

Entón, nese sentido, o golpe psicolóxico non foi tan forte coma en Europa. Ver o que está pasando nos países europeos paréceme surrealista, pero eles están acostumados. Veno como algo que hai que levar, unha actitude que non me parece insana. Si levan, e chama a atención porque é típico dos países asiáticos, moitas máscaras pola rúa, pero desde antes do coronavirus. E está mellorando moito a limpeza e a desinfección das rúas, e tamén nos supermercados.

SEN UN SISTEMA SANITARIO PÚBLICO

Hai preocupación por un posible colapso da sanidade se repunta o virus?

Primeiro, hai que explicar que aquí non hai sanidade pública, aínda que poida parecer mentira. A privada é moi barata, pero é barata para os estándares occidentais; para unha persoa que cobra cen dólares ao mes, non. É imposible. Entón, se ataca de verdade aquí, vai ser deixar á xente á súa sorte. Hai un montón de hospitais, pero son de pago. Non son experta na organización sanitaria, pero si que o podes ver, que non hai un sistema sanitario como tal que se poida colapsar.

“non hai sanidade pública e a maioría non pode permitirse a privada; se o virus ataca, moitos quedarían á súa sorte”

Hai dúas cousas que son prometedoras; non se sabe exactamente como responde o virus a altas temperaturas, pero quedan dous meses para que chegue o monzón e comecemos a ter arredor de 40 graos, agardemos que iso free o contaxio.

Ademais, aquí a esperanza de vida anda arredor dos 58 anos, así que se a media de defunción é como en Europa, falando de anciáns, aquí non sería tan grave. A hixiene non é coma en Europa, e aquí a xente vive amoreada, catro ou cinco familias nunha vivenda. E logo outro problema é o sistema funerario, porque aquí non hai incineracións e o rito funerario é moi específico; envólvese o cadáver nun sudario, sen caixa, e tampouco hai lugares de enterramento, é laxa a normativa nese ámbito. Por sorte non chegamos a ese punto, pero si que preocupan un montón de cousas de cara ao futuro.

TURISTAS CONFINADOS

Traballa na Embaixada. Hai moitos españois pendentes de volver?

Agora mesmo estamos traballando xusto niso, sobre os españois que quedan aquí e que quixesen volver. Son poucos; o turismo céntrase na montaña e principalmente en verán, polo que non hai moita incidencia, non había expedicións programadas. O que si ocorre é que é tempada de vodas, polo que moitos nacionalizados españois ou españois de orixe casados con paquistaníes si que están aquí, pero pódense dar tres ou catro casos.

Tamén hai xente que veu por negocios, porque hai moita empresa téxtil que cose para firmas españolas. Aos que chamaron pedindo consello dixémoslles que adiantaran os voos porque se podían quedar confinados, e efectivamente así o fixeron. Moitos xa marcharon nos primeiros días da crise. No noso último reconto contabilizamos 15 pero tampouco están moi seguros de poder irse, porque a situación é complicada en zonas como Madrid ou Barcelona, con moita poboación deste perfil, e aquí están coas súas familias. Agora mesmo non hai voos comerciais pero temos contacto con compañías aéreas, aínda que non é o caso, non hai demanda.

Que situacións se atopa?

Pois unha cousa que me chama a atención é como hai xente que parece que espera ata o último minuto para tomar decisións que poden ser vitais para eles. Hai xente que parece moi contenta de que o coronavirus o collese nun sitio onde non hai pandemia; cando isto é global. Nunha situación así, traballando onde traballo, digo que se houbese unha emerxencia sanitaria eu correría para voar a España. Porque te podes quedar sen maneira de saír. E eu quero estar na miña casa, non sen saber cando vou volver, cun visado que pode caducar.

“hai turistas españois que esperan a última hora para volver a españa. nun contexto de crise sanitaria, iso só trae problemas”

Eu sempre recomendo que se á xente lle ocorre unha cousa así, non espere; que colla un avión e volva á casa. É moi duro estar no medio dunha crise sanitaria, nun país que non coñeces, quizais sen seguro… Todo se volven problemas. É duro pensar nunha viaxe durante un ano e ter que cancelar todo, pero peor é estar sen cartos e sen visado nun país que non é o teu.

Por iso ás veces doen algunhas críticas. Vai co traballo, pero estou seguro de que en moitas embaixadas españolas estase agora mesmo a traballar a reo para solucionar os problemas, especialmente nos sitios turísticos. Os compañeiros téñeno que estar a pasar moi mal.

A FAMILIA

E imaxino que moi pendente da familia.

Claro. Falo cos meus todos os días, cousa que antes non facía (sorrí). Moralmente é un pouco unha montaña rusa, uns días ves a luz ao final do túnel, outro día estás fundida na miseria porque parece que ningunha medida, por restritiva que sexa, contén o virus.

“estes días penso moito na gripe do 1918 e como farían para comunicarse. internet é unha bendición”

Dou grazas por Internet, porque podo ver a miña xente, non simplemente escoitala senón vela, e porque tamén me mantén informada. Estes días penso moito na gripe do 1918 e en como faría aquela xente para comunicarse cos seres queridos.

De todos xeitos, sinto que estou mellor aquí, porque estou traballando e sendo de algunha utilidade, mentres que na casa só podería quedar na casa, que é o que se debe facer.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...