IniciosociedadeDiario de corentena: pedra, papel ou tesoira

Diario de corentena: pedra, papel ou tesoira

Coma o coronavirus, a estupidez non entende de fronteiras; aquí acabamos co papel hixiénico e en EE UU deulles por baleirar as armerías desde que se lles anunciou a corentena

Publicada o

- Advertisement -

Coma os virus, a estupidez humana tampouco entende de fronteiras. Estámolo a ver todos os días na vella Europa, mais tamén alá polo Novo Mundo. Aquí deunos por fornecernos de papel hixiénico para os vindeiros anos e nos Estados Unidos de América decidíronse por baleirar os estantes das armerías en canto lles foi anunciado o comezo do confinamento. Igual que no famoso xogo de «pedra, papel ou tesoira», cadaquén colleu o que quixo: uns decantáronse polo papel e outros elixiron as pedras (municións). Aínda que, polo que se observa, ese fogar agarimoso publicitado desde o aforismo estadounidense do Home Sweet Home acabou por transformarse nun lugar máis perigoso que a California da febre do ouro.

‘BOWLING FOR COLUMBINE’

Este episodio tróuxome á mente o documentalBowling for Columbine, que, como non pode ser doutro xeito, tamén é de feitura norteamericana. Case vinte anos despois da estrea do filme dirixido por Michael Moore, a súa temática continúa estando de máxima actualidade.

A película narra o terrible suceso acontecido o 20 de abril de 1999 nunha cidade do Estado de Colorado, onde dous rapaces mataron a doce alumnos e un profesor no Instituto Columbine con armas adquiridas de maneira legal. A teoría condutista estableceuse a nivel oficial como a única explicación do acontecido. De ningún xeito se cuestionaron outros factores pese a que, por exemplo, a empresa Lockheed Martin (a maior fabricante de armamento do mundo) tiña tres factorías alí ao pé, na zona de Littleton, con máis de 5.000 persoas empregadas. A obsesión polas armas, o enfoque dos mass media e a manipulación política foron os vimbios cos que se teceu ‘Bowling for Columbine’. Aínda así, sempre botei en falta unha exploración algo máis profunda desta película desde a perspectiva da socioloxía xurídica. E a iso vou.

UNHA EXPLICACIÓN DESDE A SOCIOLOXÍA XURÍDICA

O día 29 de febreiro de 2000, na Escola de Educación Primaria “Buell” de Flint (Michigan), un pícaro de seis anos matou dun tiro a unha compañeira da súa clase. Tamarla Owens era a nai do neno que disparou. Ela non estaba na casa ese día debido ás súas obrigas laborais dentro dun programa denominado “Asistencia social por traballo”, a través do que conseguía cupóns de alimentos e atención médica para as súas crianzas. Este programa tivo tanto éxito apartando da axuda social á xente en risco de exclusión, que o seu fundador, Gerald Miller, foi contratado pola principal empresa á que acudían os Estados norteamericanos para privatizar os seus sistemas de benestar. Curiosamente, esa entidade tamén pertencía á sociedade armamentística Lockheed Martin.

Tamarla era unha muller negra sen recursos. Ela saía moi cedo para chegar a Auburn Hills, no condado de Oakland, unha das zonas máis ricas do Estado de Michigan. Era camareira e tiña dous empregos. Aínda así Tamarla non gañaba o suficiente como para pagar o alugueiro a pesar de traballar 70 horas semanais en dous establecementos do centro comercial. O seu arrendador botouna da casa unha semana antes da traxedia. Tamarla pediulle a seu irmán que a acollera e foi nese novo domicilio onde o cativo atopou o revólver co que matou a nena.

SOLIDARIEDADE OU MÉRITOS

A antiga política do benestar levaba aparellada unha maior esixencia no esforzo orzamentario que foi minguando nas administracións públicas norteamericanas como consecuencia de relacionar falsamente os reincidentes cun incremento da delincuencia.

Esta crenza populista expandiuse polos EUA e provocou a creación de programas de asistencia social de workfare (tamén denominados welfare-to-work), mediante os que se obriga a traballar a cambio de beneficios sociais en condicións económicas inferiores a un emprego idéntico no mercado laboral libre. A negativa de cumprir coas ríxidas condicións impostas pode redundar na perda das prestacións básicas concedidas. É dicir, trátase dunha oferta que non se pode rexeitar, unha especie de coacción legal que provoca que a xente sen recursos desatenda as súas propias familias para poderen sobrevivir. Este modelo anglosaxón supuxo o paso dun sistema de dereitos (welfare) a un sistema de obrigas vencelladas a eses dereitos (workfare). O primeiro concepto responde con solidariedade, o segundo esixe méritos.

TRABALLO E POBREZA

Tal e como advirte o investigador do Observatorio Vasco de Inmigración, Gorka Moreno Márquez, o descenso do número de persoas beneficiarias dos programas de asistencia social supuxo un aumento das taxas de pobreza, ao contrario do que se pretendía. Estes empregos de baixa cualificación e remuneración foron creando un novo fenómeno nos EUA: o dos working poor, persoas traballadoras que non dan saído da miseria a pesar de teren unha ocupación a xornada completa.

Sóavos isto? Porque ten moito que ver con esa teoría neoliberal do “pleno emprego”. Unha cousa é traballar e outra ben diferente é ter un nivel de vida digno. O Goberno estadounidense pretendía nin máis nin menos que exterminar a pobreza. Porén, o resultado foi outro moi distinto. Mesmo con varios traballos a un tempo, estas persoas nunca logran saír da miseria e as únicas beneficiarias do sistema parecen ser as grandes corporacións empresariais que colaboran cos programas de emprego obrigatorio. Unha filosofía, a do workfare, que asemade marxina as empresas locais. Como no caso da cadea de restaurantes Dick Clarck’s Grill na que traballaba Tamarla Owens. Esta gran franquicia solicitaba beneficios fiscais por contratar a persoas usuarias da asistencia social mentres que a Tamarla lle pagaba o salario mínimo. Un negocio redondo.

UNHA TERCEIRA VÍA

Aquí e agora, neste tempo de incerteza pandémica, a moita xente deulle por mercar papel hixiénico. Unha decisión coma outra calquera, pero cunhas consecuencias moito máis inofensivas que as que adoitan provocar as armas de fogo. Non obstante, entre a pedra, o papel ou a tesoira eu decántome por esta última co ánimo de rachar coas políticas privatizadoras do actual Goberno da Xunta dunha vez por todas. Pero se este pensamento meu vos parece vehemente de máis, gustaríame reivindicar unha opción alternativa á do papel hixiénico: o bidé. Porque en todo conflito sempre houbo una terceira vía, e non hai nada mellor para unha boa saúde colorrectal que a utilización deste elemento sanitario. Así a todo, elixades o que elixades, lembrade que esta pequena análise sociolóxica ten a extensión perfecta para ler no cuarto de baño. E despois xa sabedes: auga morna e toalla de bidé.

MARCO LÓPEZ, funcionario xudicial e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca.

Continúa con este artigo o Diario de Corentena, bitácora conxunta de Xornal de Lemos, Lugo Xornal e Xornal da Mariña.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...