Dúas aldeas de Mondoñedo levan “semanas” sen teléfono e internet en pleno confinamento

Vintedúas familias de Estelo e Tronceda padecen dificultades para seguir o curso, facer trámites ou falar cos seres queridos; temen problemas de ter que comunicar unha emerxencia

Torre que reemite á zona. AXM

Familias das aldeas de Estelo e Tronceda, no municipio de Mondoñedo, denuncian que levan “semanas incomunicadas” ao padecer constantes eivas nos servizos de telefonía fixa e móbil e conexión a Internet, unha situación que se vén repetindo “desde hai alomenos catro anos”. Coas restriccións á mobilidade incluídas no estado de alarma decretado polo coronavirus, esta carencia dificulta aos estudantes seguir o curso telematicamente, aos gandeiros facer trámites a través da rede, e á veciñanza en xeral poder manterse en contacto cos seus seres queridos. “O máis grave é que non podes chamar ao médico se hai unha emerxencia”, lamentan.

Unha das veciñas explica que esta área de Mondoñedo, con dúas aldeas practicamente pegadas nas que viven un total de 22 familias, sofre constantes eivas no servizo sen que a empresa, Movistar, actúe durante semanas. En novembro do 2018, despois do temporal, o BNG de Mondoñedo denunciaba que a veciñanza levaba “15 días” sen telefonía fixa nin móbil e tampouco Internet. Daquela, salienta esta veciña, a subministradora devolveu un importe de 35 euros polo tempo que estiveron sen cobertura. En abril de 2019 volveron encadear varios días sen subministro.

A raíz das denuncias dos veciños, o Concello de Mondoñedo pediu unha subvención para a instalación dunha torreta e a renovación do cableado. Unha obra que os veciños non esixen de inmediato, pero piden alomenos que se faga “un mantemento axeitado” das actuais instalacións.

RECIBIR CORREOS CON TRES DÍAS DE RETRASO

A veciña de Estelo que se puxo en contacto co Xornal da Mariña enumera as dificultades que provoca a carencia de cobertura para unha aldea galega, en plena emerxencia sanitaria e tamén en pleno século XXI. “Os escolares non poden facer as tarefas porque a orde dos colexios chégalles con dous ou tres días de retraso, e cando teñen que mandar o traballo feito é outra odisea”, explica. Ademais, hai persoas “que están a realizar estudos universitarios a distancia”, con problemas para seguir o curso.

Por outra banda, toda unha serie de trámites quedan pendentes. Nunha zona con peso do sector agrogandeiro, complícase “tramitar as solicitudes de axudas da Política Agraria Común (PAC), entrar na oficina virtual de Medio Rural ou simplemente descargar duplicados dos contratos cando os gandeiros venden animais”, expón a mindoniense, que salienta que “funcionar a través da banca electrónica é imposible. Ademais, xa está aberto o prazo para a declaración da renta“, lembra.

Pero o máis preocupante para a veciñanza é a falta de comunicación tanto cos servizos de emerxencias como cos seres queridos, en momentos de incerteza pola saúde de todos e nos que a pandemia obriga ao confinamento. “Miña irmá e máis eu somos enfermeiras e temos que permanecer en illamento para non contaxiar nin levar un contaxio ao centro hospitalario. Os nosos fillos están cos avós e resulta moi difícil poder contactar con eles”, precisa. Outras familias teñen parentes en diferentes zonas do Estado “e nin poden falar con eles por teléfono. Pero que imos facer cando pase algo e necesitemos avisar dunha urxencia?”, pregúntase.

DESPRAZARSE A CATRO QUILÓMETROS PARA TER COBERTURA

A solución que atopan estes veciños, que non é tal, é desprazarse catro quilómetros -desouvindo a obriga de quedar na casa- ata onde está ubicada a antena, pois nesa zona a cobertura é suficiente para poder enviar whatsapps ou correos imprescindibles.

A veciña remarca que “levamos arrastrando este problema moito tempo. É certo que estamos nunha zona rural, nun val entre Mondoñedo e Abadín, pero o problema é de mantemento porque hai tempadas que funciona bastante ben e outras nas que non hai maneira. Cando se dan situacións extremas é cando notas esta carencia. É rocambolesco que aínda pase isto a estas alturas, que os veciños das aldeas teñamos que padecer tantos días tirados“, conclúe.

OBRA PARADA

O alcalde de Mondoñedo, Manolo Otero, asegura que recibiu aviso desta situación “o pasado venres”, e explica que a obra para aumentar a potencia do servizo “comezou e quedou parada polo estado de alarma”. O rexedor mindoniense indica que informou a Movistar da situación, pero a subministradora xustificou a súa demora en restablecer o servizo en que “está a haber un aumento considerable do consumo polo confinamento e teñen unha gran cantidade de incidencias”. Segundo sinala, a empresa comprometeu a visita dun técnico “nos próximos días” para comprobar o estado da torreta de reemisión.

2 COMMENTS

  1. E qué terán que ver con isto as eléctricas? E se tiveran algo que ver, que non, só sería unha soa eléctrica, a que opere nesa zona! Periodismo? Dades a risa.

  2. Mira Jacobo deverias empatizar un poiquiño ca xente eu son unha das persoas afectadas e non me fai ningunha gracia .polo que vexo a ti si que cha fai .un saudo

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here