“En Rusia está a subir a venta do trigo sarraceno, que lles salvou a vida en tempos difíciles”

Á alfocega Paula Lorenzo, profesora de lingua e literatura españolas en Moscova, chámalle a atención a disciplina e o apego á tradición dos rusos ante a pandemia do coronavirus

Paula, na Praza Vermella de Moscova. AXM

Profesora de lingua e literatura española, Paula Lorenzo (Alfoz, 1981) vive o seu terceiro ano académico en Rusia despois de pasar por países como Bangladesh ou Estados Unidos. A propagación do coronavirus e as medidas para contelo collérona en Moscova, onde reside e traballa, e desde onde explica por teléfono como vive a pandemia o país meirande do mundo.

CASOS

Como está a impactar o coronavirus en Rusia?

O número de casos foi subindo e por agora semella que non se parece en nada ao que ocorre en España ou Italia (actualmente documéntanse segundo a estatística oficial 7.497 positivos, con 58 falecementos nun país de 143 millóns de habitantes), pero hai un certo escepticismo sobre os números.

A diferencia de España ou Italia, os teus amigos que viven noutros países coméntanche que de Rusia non se sabe nada. Hai un cuestionamento dos datos oficiais. Aquí falas coa xente na rúa e diche que “se estás infectado o normal é que non o digas”. Non sei se é algo cultural, pero os positivos lévanse en certo modo en segredo. Pode ter algo que ver coa mentalidade de “isto non pode pasar aquí” ou ben cunha cuestión cultural máis fonda que eu non estou entendendo.

“HAI UN CERTO ESCEPTICISMO SOBRE OS DATOS OFICIAIS DE CASOS E OS POSITIVOS LÉVANSE CON SECRETISMO”

Faise moito fincapé en diferenciar os que chaman os virus locais. Semanas antes do 21 de marzo, cando se pecharon os colexios, un grupo meu de sétimo estivo en corentena. Eu preguntei por que e esforzáronse en deixarme claro que era unha cuestión local e puntual e que non tiña nada que ver co coronavirus. O certo é que este tipo de confinamentos para grupos escolares xa teñen pasado, non é algo novo. Pero mestres do Instituto Cervantes que levan moitos anos en Rusia, que teñen boas relacións a nivel diplomático, dinche que hai unha serie de protocolos para diferenciar os virus locais, e cren que por aí poden escorrerse casos de coronavirus.

CORENTENA

Que medidas tomou o Goberno?

A fronteira con China pechouse en xaneiro. En decembro coñeciamos o que verdadeiramente pasaba no país chinés e a xente soubo nos meses seguintes o que pasaba noutros países, pero as medidas non eran daquela estritas e pensábase que o coronavirus non ía ser cousa de Rusia. E o que pasou probablemente foi que a xente viña infectada nos voos de Europa. Semanas antes de declarar o confinamento, Putin decretou unha semana de vacacións e moita xente marchou de Moscú. Houbo rumores de que poñerían aos residentes un código QR para saber onde están.

“A FRONTEIRA CON CHINA PECHOUSE EN XANEIRO, PERO AS MEDIDAS RESTRITIVAS TOMÁRONSE A FINAIS DE MARZO”

A partir de marzo intensificáronse as medidas. Pecháronse os parques grandes, máis turísticos, e tamén cines, ximnasios, cancelaron todas as reunións a partir de 50 persoas. Primeiro decretouse o confinamento para persoas maiores de 65 anos, logo ampliouse ao resto da poboación o día 30, pechando tamén o resto das tendas agás farmacias e supermercados. Os colexios pararan a actividade presencial antes, partir do 21, e as restriccións continuarán alomenos durante todo o mes de abril.

Todos os voos con Europa están cancelados, as fronteiras pechadas. Non sabemos cando se vai restablecer todo. Supostamente, a xente que poida conseguir o visado para entrar en Rusia podería facelo a partir do 1 de maio, pero non sabemos ata que punto se manterán as datas.

INFORMACIÓN

Cal é a xestión da información por parte do Executivo?

É certo que eu teño unha certa barreira co idioma, pero as miñas compañeiras rusas teñen tamén moitas dúbidas, ninguén é capaz de informar con claridade. Coñecemos xente que traballa en Embaixadas e facilítanos información a través de links de prensa en inglés, o cal dá para pensar como informa o Goberno central.

Chegáronnos instrucións por parte do Concello para saír só por urxencias, á farmacia ou ao supermercado de ao pé. Circulou unha lista de produtos básicos que foron traducindo as Embaixadas.

“EN RUSIA NON HAI UN DEBATE SOCIAL COMO EN ESPAÑA. CREN QUE ESTAMOS UN POUCO OBSESIONADOS CON XUSTIFICAR TODO A TRAVÉS DA POLÍTICA”

En xeral, non hai un debate social como ocorre en España. Os cidadáns en Rusia están máis acostumados a recibir ordes. Teño comentado coa miña profesora de ruso que, según se cre neste país, os europeos estamos obsesionados coa política, e que xustificamos todo o que pasa en relación co comportamento dos políticos, mentres que aquí teñen tan claro que xogan nunha liga diferente, que as grandes decisións están tan fóra do seu alcance, que a xente tenta capear os temporais sen apuntar a ninguén.

DISCIPLINA

Como está a reaccionar a poboación rusa?

A xente estao tomando con bastante tranquilidade. Primeiro pasaron por unha fase longa de incredulidade polo que está pasando, como se o virus non fose con Rusia. Agora vanse dando conta.

Non hai desabastecemento, pero un detalle curioso é que subiu a venta dun cereal, o trigo sarraceno, que ten moitas proteínas e que historicamente lle salvou a vida aos rusos en etapas difíciles. Hai un elemento romántico neste país, uns comportamentos sociais moi apegados á tradición, moi de escoitar moito á xente maior para saber que facer en situacións límite. Os pequenos que teño están acostumados a recibir ordes. Os rapaces de 16 anos preocupábanse polos avós, pero os de dez anos facían bromas. Os rusos son bastante disciplinados, non quizais tanto como o estereotipo que temos dos alemáns, de ter todo medido e calculado.

“OS QUE SOBREVIVIRON Á CRISE DOS 90 RELATIVIZAN A SITUACIÓN. ESTÁN CURTIDOS DE NORMAS E SITUACIÓNS CRÍTICAS”

No tocante aos elementos de protección, ves máscaras principalmente na xente maior, e todo o mundo leva luvas ao supermercado. Son xente que tende a unha certa enteireza, curtidos de normas, de situacións críticas… Os que sobreviviron á crise dos 90 relativízano un pouco. Unha banqueira dime, en función da baixada do rublo, que pode ser algo similar á crise do 2008, porque a situación das familias xa non estaba ben.

REGRESAR

Como leva o confinamento?

Eu tómomo con filosofía. Tivemos un inverno bastante suave, sen ter que facer moita patinaxe co xeo (risos) ao non haber tantas nevadas como é habitual, e nós rematamos o curso o 31 de maio. Se isto sucedese en decembro, por exemplo, as complicacións serían bastantes máis. Nesta parte do curso e nesta parte do ano lévase mellor. Non sabemos se cando se reabran os voos estará mercar un billete imposible e teremos que facer unha ruta en tren e en barco para volver a Galicia (risos).

Preocúpalle iso, como volver?

O programa no que estou, que se chama ‘Seccións Bilingües’, é unha colaboración do Ministerio de Educación coas antigas repúblicas soviéticas, Turquía e China. En concreto, en Moscú temos catro colexios, un deles chámase Rosalía de Castro; celebran o cumpreanos da poeta e mesmo teñen cousas de Sargadelos. Somos dous profesores por cada centro. Un deles entrou case en pánico ao non poder volver a España cando pecharon os voos. Unha compañeira que leva 30 anos aquí saíu zumbando para os Estados Unidos, porque ten que renovar o visado e tiña que entrar e saír do país.

“PREOCUPA VOLVER, PERO NON PROVOCA ESTRÉS OU ANSIEDADE. DEBEMOS ESTAR FORTES PORQUE NON DEPENDE DE NÓS”

No meu caso é diferente e para min é importante a cuestión cívica de non moverme demasiado. E se colles o virus de viaxe e llo levas á familia? Non me provoca nin ansiedade nin estrés saber cando vou saír e como, e creo que psicoloxicamente debemos estar fortes, lidiamos con algo que non depende de nós.

A FAMILIA

Algunha anécdota destas semanas?

As clases virtuais están a ser bastante cómicas. Os pequenos, por exemplo, tentan demostrar constantemente que están aí, mándanche emoticonos todo o rato. Respecto dos adultos do Instituto Cervantes, a quenes tamén lles dou clase, xa lles coñezo todas as mascotas (risos), cans, gatos…

Que lle conta a súa familia aquí en Galicia?

Normalmente falo con eles, non a diario pero case, e xa se están afeccionando á videocámara. A familia máis cercana vive nunha aldea e penso que iso ten as súas vantaxes, con máis espazo e menos contacto coa xente, o que supoño que axudará a reducir os contaxios. Os meus teñen unha horta ao pé da casa e nunca tan ben a tiveron (risos).

1 COMMENT

  1. xa estamos, xa estamos criticando a Rusia e o seu grande presidente PUTIN, un país totalmente infectado, un-ha autentica merda de expaña, meteron o virus por todos lados dende mandriles, un país con 40 milleiros de mortos xa saben o dos rexistros civis, xa saben os 3000 mortos ocultados en Madrid, sepan que as autonomías saben duns aumentos da mortandade que ven do 30-200% e agora criticando a Rusia e o seu grande presidente… NON HA VERGOÑA!!!!

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here