Barreiros insta á Xunta a garantir un reparto de máscaras “eficiente” e baseado en criterios “obxectivos”

Ermida afirma que a entrega no transporte colectivo non é solvente no municipio e pide "evitar acopios" ante a cantidade de persoas que precisan elementos de protección

Máscaras. AXM

A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, vén de dirixir un escrito ao conselleiro de Sanidade e ao vicepresidente da Xunta de Galicia para trasladar a necesidade de artellar un método de reparto de máscaras “controlado e eficiente” nos concellos galegos.

O escrito recolle que o reparto que se realiza en transportes colectivos para as persoas que se desprazan neles aos seus postos de traballo “son ineficaces no concello de Barreiros, por carecer dunha rede de transporte público que as traballadoras utilicen para acudir aos centros de traballo”, indica Ermida.

ABASTECEMENTO ÁS FARMACIAS

Nese sentido, insta á Xunta de Galicia a “artellar un sistema controlado mediante a utilización da tarxeta sanitaria en colaboración coas farmacias, ás que debe garantírselle material suficiente para atender as necesidades da poboación”.

Segundo manifesta o executivo local “cómpre artellar unha solución alternativa, na que a Administración autonómica xestione e garanta o acceso das persoas que o precisen ao material de protección para o desenvolvemento da súa actividade vital ou laboral, evitando que se produzan actitudes de acopio das mesmas por parte de persoas ou empresas”.

Ermida traslada a “disposición do Concello de Barreiros para artellar un sistema obxectivo e controlado, sen caer en repartos indiscriminados, dado que neste momento non existe marerial suficiente dispoñible para garantir o acceso universal da poboación” e entendendo que “debe priorizarse o reparto por necesidades obxectivas de contar con material”.

A rexedora insiste tamén en que “todas as persoas e sobre todo as maiores ou de risco por ter enfermidades crónicas deben permanecer nas súas vivendas e para iso contan con servizos municipais para cuestións básicas como a realización de compras de alimentación ou medicamentos que poden solicitar chamando ao 608.038.952″.

CRÍTICAS AO GOBERNO DE MONDOÑEDO

Ermida afondou a nivel autonómico nunha cuestión xa exposta no ámbito municipal polo BNG de Mondoñedo, que pediu “prudencia” ao goberno local despois de que anunciase “a adquisición de 4.000 máscaras de protección co gallo entregar unha a cada veciño”, un reparto que xa comezou.

A formación nacionalista non considera “lóxico” que se estean distribuíndo máscaras dun só uso por persoa “de forma indiscriminada e sen criterios obxectivos de necesidade” nun contexto de estado de alarma que obriga a un confinamento de toda poboación nas súas casas e “mentres o sistema socio-sanitario galego que presta un servizo esencial e prioritario non conta con suficientes equipos de protección para o desenvolvemento do seu traballo durante a súa xornada laboral”.

Eloi Cabanas, voceiro do BNG de Mondoñedo, pide unha reflexión e suxire que as máscaras se poñan a disposición das persoas que verdadeiramente teñen a necesidade de usalas e non das que non teñen a obrigatoriedade de levalas.

“REPARTOS PROPAGANDÍSTICOS” DO PP

O BNG da Mariña solicitáralle á Xunta de Galicia “que estableza as medidas para garantir o acceso aos equipos de protección a todas aquelas persoas que teñen que saír dos seus domicilios cando aínda segue en vigor o estado de alarma e a obriga de confinamento”.

Desde a formación nacionalista manifestan que “ata estes momentos a Xunta achegou material aos concellos e a centros residencias en pequenas entregas que non son suficientes para atender á necesidade de EPIs para o desenvolvementos das actividades esenciais; polo que moitas entidades locais tiveron que complementar este material con adquisicións propias para tentar ter os equipos o máis completos posibles.”

“Tamén os centros sanitarios teñen escaseza de material de protección, tendo que reutilizar máscaras que son dun só uso ou non podendo cambialas sempre que é preciso. Mesmo algúns centros foron dotados de material por medio de doazóns voluntarias ou polos propios concellos”, aseguran desde o BNG.

Neste sentido, sinalan que “o reparto indiscriminado de máscaras que se está a realizar nalgúns concellos gobernados polo Partido Popular non garante as medidas de protección e consideran que se está a realizar como un acto propagandístico que, lonxe de axudar, pode empeorar ao dar unha falsa sensación de seguridade á xente e provocar saídas innecesarias de persoas que non deben facelo”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here