Burela asesorará as pemes e Viveiro valorará medidas nunha reunión virtual co comercio

Xove e A Pontenova, que perdoará ás empresas as taxas de lixo e auga, reparten máscaras; a organización cancela As Quendas; Mondoñedo dispón un kit caseiro para facer pan

O alcalde de Burela, Alfredo Llano. AXM

O Xornal da Mariña repasa as medidas adoptadas polas Administracións ante a pandemia do coronavirus, ademais das propostas de oposición e asociacións.

BURELA

SERVIZO DE ASESORAMENTO PARA PEMES

O Concello de Burela anunciou a posta en marcha dun servizo de asesoramento para autónomos e pemes durante o estado de alarma. As persoas destes sectores que precisen realizar algunha consulta poderán facelo desde mañá, xoves, no teléfono 982.58 60.00. O alcalde burelés, Alfredo Llano, subliña que o Concello tamén está colaborando co IES Perdouro para repartir ordenadores portátiles entre o alumnado que non conta con esta ferramenta de estudo e de traballo.

O servizo contará con dúas persoas “para que lles consulten temas de carácter laboral ou de emprendemento tamén, porque cremos que agora mesmo pode haber algunha persoa que estea interesada en ir pensando en montar algunha empresa. Polo tanto imos asesorar tamén á xente que queira emprender en cuestións de materia laboral e tamén ás empresas e ás pemes de Burela que queiran consultar algo”, expuxo Llano.

O CENTRO SAN ANÍBAL ACOLLE A DEZ MENORES

Os Centros de Acollida Casa de Familia San Aníbal e María Nazarena das Fillas do Divino Celo – Rogacionistas atópanse “a pleno rendemento”. Nos mesmos dase acollida a dez menores tutelados pola Xunta de Galicia e a seis usuarios no Centro de Inclusión. Ademais, explica a dirección nun comunicado, “estase a facer un seguimento das 26 familias usuarias do Centro de Día, facilitándolles os materiais escolares e os traballos que envían os distintos centros educativos”.

“En coordinación cos servizos sociais dos concellos de Burela, Foz e Ribadeo, tamén se está a facer un seguimento de 30 familias nas que se valoran as súas necesidades de axuda económica para facer fronte aos gastos básicos de alimentación e hixiene. Nesta atención lévanse investidos 4.950 euros repartidos en vales de compra para diferentes supermercados da zona. Ademais, préstase acompañamento social e psicolóxico”, conclúe a nota.

CxG PIDE A MONITORIZACIÓN DOS TRABALLOS DE DESINFECCIÓN

Compromiso por Galicia (CxG) Burela solicita un sistema de monitorización e seguimento dos traballos de desinfección feitos polo Concello, como “exercicio de transparencia necesario”.

“Burela ten números espazos público e moitos edificios de xestión municipal, que aínda que hoxe estean pechados entendemos que coa apertura do confinamento serán de uso público de novo. Unha vez máis a información que teñen os veciños de Burela sobre este tema é unicamente a que o Concello envía á prensa, sendo inexacta e incompleta, argumenta a formación.

CERVO

O Concello de Cervo pon en marcha un taller de memoria a domicilio. Desde a concellería de Servizos Sociais precisan que este obradoiro está dispoñible tanto para as persoas usuarias da actividade como para a veciñanza en xeral.

Aquelas persoas que desexen recibir o material didáctico nos seus domicilios deben contactar a través do teléfono 615.32.13.86. O persoal municipal achegará o antes posible a documentación que xa están preparando os técnicos da delegación que dirixe Pilar Armada.

FOZ

CURSO DE ALIMENTACIÓN SAUDABLE

A Aula de UNED de Foz pon en marcha o obradoiro ‘Alimentación saudable en tempos de confinamento‘.

Celebrarase do 15 ao 17 de abril, de 17.00 a 18.30 horas. Tomarán parte os expertos: Alba Vila Reija (Dietista-Nutricionista), Saray Río Trigo (Especializada en nutrición clínica, obesidade e nutrición infantil) e Noel López Pinín (Dietista. Máster en Nutrición e coaching).

MONDOÑEDO

CANCELACIÓN DAS QUENDAS

Mondoñedo non celebrará este ano as súas tradicionais Feiras e Festas das Quendas. A Asociación As San Lucas sinala que ante a situación que se está a vivir polo Covid-19, o “prioritario neste momento é garantir a saúde e o benestar” da veciñanza e dos visitantes.

A organización dos festexos xa mira ao futuro, pensando nas San Lucas, “onde agardamos vervos a todos con saúde e que estas sexan coma sempre lugar de encontro, feira, festa, tradición e cultura”.

KIT PARA FACER PAN

O Concello abriu a plataforma www.themondonedovalley.com para dar saída aos produtos da horta ante a suspensión dos mercados como medida preventiva contra a propagación do coronavirus e tamén para ofrecer aos comercios mindonienses pechados unha oportunidade para continuar coa súa actividade. 

Kit para facer pan. AXM

A plataforma de venda on line impulsada polo Concello incorpora un kit para facer pan de Mondoñedo. As reservas do kit que inclúe, entre outros ingredientes, fariña de trigo do país procedente de Mondoñedo, Lourenzá e O Valadouro moída en muíño de pedra e masa nai da panadería Rubal estarán dispoñibles a partir deste mércores 16 de abril.

O impulsor da iniciativa, Waldo González-Redondo, sinala que a idea xurdiu “do incremento da elaboración de produtos alimentarios nos propios fogares neste tempo de confinamento” e agarda continuar no tempo con esta proposta para “achegar o pan tradicional galego aos que viven fóra”.

A PONTENOVA

O CONCELLO REPARTIRÁ MÁSCARAS E PERDOA OS RECIBOS DE AUGA E LIXO ÁS EMPRESAS

O alcalde da Pontenova, Darío Campos, avanzou hoxe que o Concello adquiriu 3.000 máscaras que serán repartidas á veciñanza da vila. Explicou tamen que “este pedido sanitario chegará ao Concello a finais desta semana ou a principios da semana que ven, e serán entregadas nos domicilios, porta a porta”.

Campos Conde explicou tamén que “o Concello modificará as ordenanzas municipais para eximir do pago dos recibos de auga e do lixo ás empresas e establecementos que tiveron que pechar polo Covid-19 na nosa vila. Estamos nun momento delicado e dende o goberno local temos que contribuír a que todo o noso tecido empresarial e os nosos autónomos poidan voltar abrir as portas dos seus comercios, xa que son vitais nunha poboación pequena como a nosa”, remarcou.

O rexedor dixo que “todos os usuarios e usuarias das escolas deportivas, teatro ou música dependentes do Concello, teñen suspendidas o cobro das taxas municipais. As familias son o primeiro e non queremos deixar a ninguén atrás”, concluíu.

RIBADEO

DESINFECCIÓN DOS CONTEDORES NAS PARROQUIAS

O Concello de Ribadeo estendeu, desde o pasado martes, os traballos de desinfección de contedores ás parroquias ribadenses. O edil Jorge Díaz subliña que deste xeito “damos un paso máis coas tarefas que se veñen desenvolvendo a diario, desde que se decretou o estado de alarma, diante dos establecementos esenciais que están abertos, do centro de saúde, das residencias de maiores, nos contedores, bancos, papeleiras e rúas da vila”. O edil fai un chamamento á veciñanza “para que non saia botar o lixo ata despois das nove da noite e pide que non se deixen os colectores abertos”. O concelleiro recomenda “levar luvas para botar o lixo ou lavar ben as mans cando se volva para a casa”.

O VICEDO

O CONCELLO IMPRIME DOCUMENTOS AO ALUMNADO

O Concello do Vicedo activa un servizo de impresión de documentos para alumnos de Primaria, Secundaria, FP e Universidade. Os interesados deben enviar os documentos ao correo electrónico apuntes@concellodovicedo.org. Ademais, haberá que indicar nome e apelidos do alumno, dirección e teléfono de contacto.

Os documentos imprimiranse na Casa da Cultura e serán enviados a través dos voluntarios de Protección Civil á dirección indicada no mail.

VIVEIRO

REUNIÓN VIRTUAL ENTRE O CONCELLO E O COMERCIO

A alcadesa de Viveiro, María Loureiro, xunto aos concelleiros de Facenda e Comercio, e os voceiros dos grupos políticos con representación municipal, manterán este venres unha reunión por videoconferencia cos presidentes das dúas asociacións de comerciantes do municipio (Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro e Asociación Beiras de Viveiro) e co presidente da Federación de Comercio de A Mariña.

Esta reunión convócase coa intención de escoitar as propostas e peticións das asociacións de comerciantes en relación coa crise económica provocada polo Covid-19. A Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro presentou no rexistro municipal, en data 20 de marzo, un escrito no que se solicitaba que se estudara a viabilidade de levar a cabo unha serie de medidas económicas co fin de paliar a situación provocada polo cese da actividade.

O Concello “transmitiralles aos representantes das asociacións que se están a realizar diversos estudos para valorar como se podería axudar a este sector e que medidas se poderían adoptar, dentro das súas posibilidades e das propias competencias; ademais das posibles medidas destinadas ao comercio, o concello está a tramitar as axudas de emerxencia social para todas aquelas familias de Viveiro que tamén están a sufrir as consecuencias desta crise, que quedaron no paro ou que están nun ERTE e aínda non cobraron”, salienta o executivo municipal.

RETOMANSE AS DRAGAXES DOS PEIRAOS E A LIMPEZA NO LANDRO

Portos de Galicia anunciou o pasado martes que iniciará “nos vindeiros días” os traballos de dragaxe dos peiraos do municipio lucense de Viveiro. O ente público que preside Susana Lenguas prevé que a draga especializada na realización deste tipo de labores comece a operar en canto chegue procedente de Dinamarca.

“As obras para a dragaxe dos peiraos de Viveiro, que contan cun orzamento dun millón de euros, arrancaron o pasado mes de decembro con actuacións previas á chegada da draga. Nos últimos días, e debido á crise sanitaria provocada polo coronavirus, o desenvolvemento das actuacións viuse parcialmente afectado pola paralización das actividades non esenciais pero Portos de Galicia prevé recuperar o ritmo previsto da obra no transcurso da mesma”, expuxo o Goberno autonómico.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de retomar este luns os traballos de limpeza no tramo interurbano do río Landro, que está a executar no concello de Viveiro, e que se viron suspendidas durante as dúas pasadas semanas por mor da alerta sanitaria do Covid-19.

SERVIZO DE IMPRESIÓN

O Concello de Viveiro canalizará o servizo de impresión de materiais educativos unicamente a través dos centros, co obxectivo de obter unha maior coordinación e axilidade na iniciativa.

Desde o Concello apuntan que xa se empezaron a remitir as primeiras solicitudes recibidas aos centros educativos de referencia. O servizo vai dirixido ao alumnado de educación obrigatoria e Bacharelato que teña dificultades no acceso á impresión de documentación, segundo os criterios técnicos de Servizos Sociais.

XOVE

MÁSCARAS

O Concello de Xove anunciou que este mércores comezará a entrega de máscaras á veciñanza do municipio. Os elementos de protección poden recollerse nas oficinas xerais, diariamente en horario de 10.00 a 13.30 horas. Persoas voluntarias de todo o municipio están a elaborar estes útiles cunha tea especial facilitada por Alcoa.

ENTREGA A DOMICILIO DE FÁRMACOS

O goberno xovense puxo a disposición das persoas maiores, en situación de risco, vulnerabilidade ou con mobilidade reducida do municipio, un servizo de entrega a domicilio de medicamentos con receta médica, evitando así os desprazamentos e o risco de contaxio. Atenden no número de teléfono 982.59.20.01.

A MARIÑA

REPARTO DE MÁSCARAS NAS VILAS

As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado continuaron co reparto das 74.000 máscaras que achegou á provincia o Goberno para facilitar a protección, nos seus desprazamentos laborais, das persoas que esta semana voltaron aos seus postos de traballo.

Reparto de máscaras en Foz. AXM

Ademais de na capital provincial, tamén se entregaron os elementos de protección en estacións de autobuses e accesos aos polígonos industriais e portos, situados en Viveiro, Sarria, Quiroga, Chantada, Ribadeo, Foz, Burela, Vilalba, Palas de Rei, Outeiro de Rei, Rábade, Monterroso, Muras, Xermade, Begonte, Friol, Guitiriz, Castro de Rei, A Pastoriza, Meira, Pol e Cospeito.

A UME ACTÚA EN VIVEIRO, RIBADEO E BURELA

A Unidade Militar de Emerxencias (UME) volveu despregarse o pasado luns na provincia de Lugo, para realizar novos traballos de desinfección en distintas instalacións consideradas sensibles.

Axentes da UME desinfectando no cuartel de Burela. AXM

Os efectivos da UME traballaron en diversas instalacións de Viveiro, onde efectuaron labores de desinfección na residencia de maiores Betania e na Comisaría da Policía Nacional, e tamén nos cuarteis da Garda Civil de Ribadeo e Burela.

A DIÓCESE PIDE “MARXE PARA A PREPARACIÓN” RESPECTO DAS DATAS DE COMUÑÓNS

A Diócese de Mondoñedo-Ferrol indicou aos seus párrocos que fixen “con pais e catequistas as novas datas de celebración” de primeiras comuñóns trala alerta do Covid-19 “con marxe suficiente para que se poida realizar un período intensivo de preparación” por parte dos participantes.

Nun comunicado, asegurou este martes que o prazo podería ser “máis ou menos prolongado” en función das necesidades. Así se recolle nun texto remitido ao seu clero, no que estimou que as celebracións se cinguirán “sempre a calquera normativa que poidan establecer as autoridades sanitarias”.

A XUNTA DESINFECTA EN CINCO MUNICIPIOS

A Xunta de Galicia executou labores de limpeza e desinfección en espazos públicos de cinco concellos da Mariña para contribuír a frear a expansión do coronavirus. Os encargados de realizar estas tarefas son os profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Consellería do Medio Rural.

Barreiros

Centro de saúde

Lourenzá

Centro de saúde

A Pontenova

Centro de saúde

Trabada

Centro de saúde e residencia de maiores

Mondoñedo

Centro de saúde, residencia San Rafael e centro asistencial San Pablo e San Lázaro

 

A XUNTA REPARTE MÁSCARAS A MARIÑEIROS E MARISCADORAS

A Xunta de Galicia está a distribuír material de protección contra o coronavirus aos profesionais do sector da pesca. Nos portos da Mariña realizouse unha primeira entrega a pasada semana e estase a completar nestes días, ata sumar 3.350 máscaras distribuídas.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o primeiro envío estivo destinado ás lonxas de Celeiro e Burela, e nesta ocasión os elementos de protección están dirixidos preferentemente a tripulantes e mariscadoras. A Consellería do Mar xestiona os envíos a través de entidades como as propias lonxas, confrarías ou asociacións de armadores, entre outros. O Servizo de Gardacostas de Galicia está proporcionándolles o material.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here