IniciosociedadeDiario de corentena: civismo

Diario de corentena: civismo

Un dilema que me ronda a cabeza é se nunha situación crítica coma esta deixaremos de varrer para a casa, se permitiremos que a vida pase por nós ou seremos nós quenes pasemos por ela

Publicada o

- Advertisement -

Estes días de pandemia varremos todos un pouquiño para a casa. É natural, somos humanos.

Esta mesma tarde vin -por rigoroso whatsapp, por suposto- á miña sobriña, que ten unha enfermidade rara que a obrigou practicamente ao confinamento desde que naceu -cando non ao illamento nos hospitais de Lugo e de Santiago, por veces aos quirófanos-, tirarse por un tobogán que lle puxeron seus pais na ‘salita’, a risa nerviosa e o medo de guindarse por primeira vez. É un episodio máis da aprendizaxe constante que a vida desta pícara supón para todos os que a coñecemos. Mentres asisto desde a distancia ao acontecemento leo como, despois dun mes de encerro, pais desesperados, asociacións e incluso algún presidente autonómico insisten en que o Goberno permita saír os pequenos das casas.

Cando empezou a corentena consultei a unha psicóloga infantil e deume unha resposta que non esperaba: “tendo en conta que é unha situación dura, non creo que sexan os nenos as persoas máis vulnerables”, espetou, e fastidioume a idea que tiña para a reportaxe (pasa moitas veces).

UNHA PREGUNTA

Que un testemuño de xente autorizada che bote para atrás unha reportaxe provoca frustración -a pereza de ter que volver comezar e, principalmente, o hostiazo para o ego que supón que especialistas che invaliden a hipótese de partida-, pero dubidar é a única maneira de que un xornalista mellore no seu oficio. Porque os xornalistas varremos tamén para a casa, por suposto. Todos o facemos, e máis en situacións críticas como a que vivimos. Lembrade, somos humanos.

Un dilema que me ronda a cabeza é se, xustamente, nunha situación crítica coma esta permitiremos que a vida pase por nós ou seremos nós quenes pasemos por ela. Se -coa cantidade de información da que dispoñemos- sairemos distintos desta pandemia, recoñecendo un pouco máis a complexidade do mundo. Estes días, con cerca de 100.000 mortos no planeta, con xente sufrindo golpes devastadores, cunha emerxencia que cuestiona case de arriba a abaixo a maneira na que vivimos, paréceme que as opinións da xente que me rodea -as miñas propias- non se moveron un centímetro.

BULOS

Hai cousas que parece que non cambian. Recibimos millóns de bulos, pero preferimos pasalos a facer un par de clics para comprobar se teñen algo de verdade. As enquisas do CIS pintan un cadro que non recoñezo. Os que sempre se alimentaron da carroña, en fin, demostran de novo que son carroñeiros.

E tampouco cambia, parece, o desprestixio á lei -máis cá lei, cambiante, ao civismo, esa chamada a saír de nós mesmos e recoñecernos nos demais, a pensarnos e vivirnos en conxunto- dunha determinada dereita que só se atén ás normas cando goberna (e lle interesa). Do creador de “quen che dixo a ti que quero que conduzas por min” e de “a min non me gusta que me digan a que velocidade teño que ir“, película estreada trece anos atrás, cando morrían ducias de persoas borrachas ao volante (e mataban tamén), chegou a secuela.

O sucesor, unxido polo propio pai -e haberá quen diga que teño memoria selectiva, pero isto non é unha torpeza, isto demostra unha vella forma de entender o poder, especialmente cando non se ten-, sae a facer ‘marcha’ cando o resto dos mortais tentamos deixar de comernos as unllas e concienciarnos de que o mellor para todos é quedar na casiña. Igual o civismo é iso, deixar de varrer para a casa: para algúns, mesmo ex presidentes do Goberno, semella que unha bonita palabra.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...