Cando hai case un mes a veterinaria de Foz María José Villarmea decidiu crear un grupo en Facebook para aliviar o confinamento por mor do coronavirus, non pensaba verse envolta nun lío deste calibre. Pareceulle boa idea convidar aos amigos a amosar as vistas que tiñan desde as súas ventás, como forma de fuxir dalgún xeito da corentena e tamén de escapar das malas novas pola pandemia. Hoxe, ‘Desde a miña fiestra‘ ten 10.003 usuarios (e sumando), que publicaron máis de 20.000 fotografías.
DESDE DUBAI, XAPÓN OU BRASIL
A Villarmea, unha muller tímida, acumúlanselle as entrevistas con motivo do primeiro grupo de Facebook que creou na súa vida. “Non son moito destas cousas, pero unha vez me metín tento ser responsable. Pero moderar (a plataforma) ás veces é complicado”, ri. Hai xente que se dedica a admirar, posto que non publica imaxes, pero outras persoas soben unha instantánea por día. “Andamos por unha media de 600 imaxes ao día“, remarca a organizadora, que salienta tamén “a cantidade de comentarios e interaccións” suscitados.
“A idea é contrarrestar as malas novas pola pandemia. Non podemos saír e o feito de ver en televisión todos os días a cantidade de mortes, a falta de material sanitario e os outros problemas que hai vaite minando”, explica. “Comezou como unha forma de tentar escapar disto”, indica.
Algúns internautas “amosaron o mar, outros a montaña, animais, a terraza do veciño, a lúa chea, os aplausos aos sanitarios…”, enumera. “Mesmo houbo profesionais que enviaron fotos desde os hospitais nos que están a traballar”, engade. Preguntada polas súas debilidades, afirma que “as dos últimos días, coas tormentas, as formas que facían as nubes no ceo, son bonitísimas”, subliña.
“Hai quen tira de imaxinación ou bromea con cousas como o papel hixiénico… Ao final tes unha rutina e o importante é darlle algo de creatividade, quitar o positivo”, propón. Co paso dos días, o grupo fíxose internacional: chegaron imaxes de Emiratos Árabes, Bélxica, Turquía, Xapón, Uruguai ou Brasil, entre outros países.
O PASO DO TEMPO
Villarmea apenas ten tempo de mirar as fotografías publicadas polo seu traballo nunha clínica veterinaria, reducido pola corentena pero pendente das emerxencias que se produzan. Ademais, asumiu o coidado de varias mascotas, porque algunhas persoas coñecidas tiveron que illarse e temporalmente non poderán facerse cargo dos animais. Con todo, hai quen se ofrece a revisar as publicacións -“mesmo xente que non coñezo persoalmente”- para que a filosofía do grupo continúe a ser a mesma que o inspirou.
Pola cantidade de xente que se anima a participar, semella que a veterinaria focega deu no cravo. Nestes tempos de reclusión cómpre abrir as ventás, que entren a luz e o aire, e comunicarse cos demais. E tamén -nestes días que parecen iguais, pero non o son- documentar a chegada da primavera, da choiva de abril, comprobar o paso do tempo, a vida que segue, esperándonos á volta.