Iniciosociedade"En Panamá o confinamento faise por sexos; as mulleres poden saír polo...

“En Panamá o confinamento faise por sexos; as mulleres poden saír polo básico uns días e os homes, outros”

No país centroamericano decretouse a Lei Seca pola pandemia do coronavirus, explica desde a capital a viveirense Paquita Estévez

Publicada o

- Advertisement -

Paquita Estévez, natural de Landrove (Viveiro), leva en Panamá desde marzo de 2014. Ela e o seu marido, Gustavo, natural de Sedano (Burgos), traballan nunha empresa constructora española. A viveirense relata como afronta a pandemia do coronavirus o país de Centroamérica -porcentualmente, no tocante aos afectados por habitante- máis golpeado pola crise sanitaria, con 159 mortos e 5.538 contaxiados, para una población de catro millóns de persoas.

Cando comezou o confinamento e cando se prevé que remate?

O día 11 de marzo declarouse o Estado de Emergencia Nacional e establecéronse as primeiras medidas de prevención: teletraballo, suspensión de eventos, campañas de concienciación de distanciamiento social, uso de máscara e de xeles hidroalcólicos para as mans…

“a corentena está prorrogada ata o 24 de maio, pero é posible que algunhas actividades se retomen antes”

Posteriormente, o 17 de marzo, decretouse toque de queda (de 17.00 a 5.00 horas), suspensión de actividades non esenciais (deportivas, estéticas, restauración) e peche de fronteiras. O 25 de marzo comezou a corentena total, por 30 días, paralizando o resto de actividades, agás supermercados, farmacias e bancos. E, de novo, o 24 de abril declarouse prórroga ata o 24 de maio.

Con todo, é moi posible que antes de esa data se poidan ir retomando de maneira gradual algunhas actividades, pois actualmente a taxa de contaxios está por debaixo dun, e isto xa é unha alentadora nova.

SAÍDAS

Cales son as restriccións que decretou o Goberno?

As saídas están limitadas a ir ao supermercado, á farmacia, ao centro de saúde e aos bancos. Están restrinxidas por horario e sexo. O horario está determinado polo último díxito do número de DNI (cédula para panameños e pasaporte para extranxeiros). Luns, mércores e venres, poden saír as mulleres; martes e xoves, os homes. Os sábados e domingos están prohibidas, salvo emerxencia médica.

Por exemplo, eu podo saír os luns, mércores e venres, de 6.30 ata as 8.00 da mañá, e Gustavo pode saír os martes e os xoves en horario de 9.30 a 11.30 da mañá.

“os sábados e os domingos só podes saír da casa por unha urxencia médica”

ALCOL

Unha singularidade é a prohibición de mercar alcol.

Outra particularidade é a Lei Seca, pero non é novo xa que tamén se aplica noutras ocasións, tales como a xornada electoral e o Venres santo. Os establecementos precintan a sección de bebidas, impedindo o acceso.

Como leva o confinamento?

Con paciencia e con esperanza. Sentímonos afortunados de que todos os nosos en España están ben de saúde. As nosas familias, amigos e veciños están todos ben. Isto é o máis importante. Tamén sentimos preocupación e desacougo pola situación de España, pois despois de mes e medio de confinamento, aínda no se ve unha planificación estruturada para a “volta á normalidade”.

Respecto a nós, estamos ocupados e non hai tempo para aburrirse. “Trasladamos” a oficina á casa. Aínda que se paralizaron os traballos de construcción, nós, como responsables de xerencia e administración da empresa, temos moito que facer. Así que de luns a venres mantemos a nosa rutina laboral. Nas fins de semana ocupamos o tempo facendo tarefas de casa, vendo series, lendo e facendo deporte. Vivimos nun 48 piso e unhas das nosas rutinas de deporte é subir escaleiras ata o 48.

E a xente de Panamá?

Os panameños están sendo moi responsables e obedecendo as medidas decretadas. A poboación en xeral está sendo consciente que estas medidas son necesarias e fundamentais para protexernos.

“AS EMPRESAS SUSPENDERON ARREDOR de 70.000 contratos laborais. a pandemia afectou especialmente á construción e o turismo”

ECONOMÍA

Fala de que a construción esta parada. Que sectores económicos están considerados esenciais en Panamá e como está a afectar o virus á economía?

Actividades consideradas esenciais son as de abasteacemento de alimentos e medicinas, loxística, actividade bancaria e as actividades dos organismos públicos.

As empresas privadas suspenderon arredor de 70.000 contratos laborais. A gran maioría corresponde ao sector da construción e do turismo. Tamén se veu afectado un proxecto mineiro que se impulsara recentemente e que supuxo a suspensión de aproximadamente 7.000 contratos laborais.

É importante mencionar que os traballadores en supensión de contrato laboral non teñen dereito a recibir prestación económica de desemprego.

Como medida de axuda, o Goberno, puxo en marcha o programa “Panamá Solidario”. Consiste no reparto de bolsas de comida e bonos para compra de productos básicos. As bolsas de comida entréganse nas rexións máis deprimidas. Os bonos, de 80 dólares  mensuais, son para os traballadores en situación de suspensión de contrato laboral. Aínda así, nas zonas indíxenas e máis deprimidas, as familias son moi numerosas (con 5-6 fillos), co que estas axudas son insuficientes.

Estamos pendientes de coñecer como se planificará a desescalada. O que si está claro é que se vai necesitar un gran aporte de liquidez por parte do Goberno para poñer a economía en marcha.

“os obreiros non perciben o paro. o goberno dá bonos de 80 euros mensuais e comida, pero nas zonas indíxenas hai familias moi numerosas”

SANIDADE

Cal é a situación no sistema público sanitario?

A sanidade pública ten moitas carencias, sobre todo nas zonas rurais e nas zonas indíxenas. Hai longas listas de espera para cita e para cirurxías, co agravante de que nos casos de cirurxía son os familiares do paciente os que teñen que conseguir os doantes de sangue, ou ben pagarlle ao hospital as bolsas de sangue necesarias. A sanidade privada funciona moi ben tanto a nivel de medios materiais como de bos profesionais.

Referente ás medidas establecidas polo Covid-19, habilitaron un número de teléfono de  atención sanitaria e no caso de recoñecer un posible caso faise o test á persoa afectada nos lugares que habilitaron para estas probas. Con motivo de esta pandemia construíron un novo hospital cunha capacidade de 100 camas.

PREOCUPACIÓN

Que lles contan as súas familias en España?

As nosas familias levan o confinamento con moi boa actitude. Sempre nos transmiten positivismo, forza e risas. Nunca se queixan de nada.

Cando facemos vídeoconferencias xa pasamos unas risas só con vernos. Meu irmán convócanos e xa empeza a comedia, se uns que saen ao revés, outros que non se lles oe, outros que enfocamos mal, miña nai que nos tapa a meu pai…

Miña nai envíanos audios de whatsapp cada día, meu pai únese de vez en cando. Sobre todo cando cantan o feliz cumpreanos. Miña irmá fai vídeos de diferentes tutoriais, de limpeza de persianas, ou de baile de pasodobre con meu cuñado. Meu irmán envíanos  cancións, noticias, chistes… Miña cuñada envíanos debuxos que pinta cada día. Cos meus sobriños comentamos anécdotas que tiveron e sempre teñen algo do que rir.

Os máis pequerrechos da familia, Gael e Aleixo (cinco e dous anos) fan concertos tocando as súas guitarras de xoguete. As letras das cancións que se inventa Gael teñen un tema en común: “volver ao colexio”, “xogar cos amigos”, “vervos e darvos bicos”. Iso é o que nos gustaría tamén enviar, eses desexos, enviarvos o noso apoio, moita forza e moito ánimo. Que axiña poidamos xuntarnos e abrazarnos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...