A Deputación inxectará 6,1 millóns aos concellos da Mariña co Plan Único e o pago de impostos

O Concello de Burela prevé "en días" o remate das obras na rúa Rosalía de Castro

O socialista José Tomé e a nacionalista Maite Ferreiro asinan o acordo para un goberno bipartito na Deputación. LUGO XORNAL

O Xornal da Mariña repasa as medidas adoptadas polas Administracións ao longo dos últimos días respecto da crise sanitaria provocada polo coronavirus, así como as propostas de asociacións e da oposición.

A MARIÑA

A DEPUTACIÓN INXECTA 6,1 MILLÓNS AOS CONCELLOS A TRAVÉS DO PLAN ÚNICO E DO PAGO DE IMPOSTOS

A Deputación de Lugo calcula que os Concellos da Mariña disporán de 6,117 millóns de euros para que podan impulsar medidas fronte á crise do Covid-19 mediante o Plan Único 2020 e o adianto dos pagos mensuais ata xuño. O presidente do goberno provincial, José Tomé, subliña que estes fondos son “un auténtico balón de osíxeno para os concellos, que lles permitirá responder mellor ante o novo escenario de necesidades e prioridades que provocou a crise sanitaria e económica causada pola pandemia”.

Por unha banda, o goberno da Deputación decidiu adaptar o Plan Único 2020 abrindo unha nova liña de gasto para que os concellos poidan utilizar a metade dos fondos que perciben -2,5 millóns- a medidas sociais ante o coronavirus.

Por outra banda, adiantarse aos Concellos que teñen delegada na institución a xestión de impostos o importe correspondente aos pagos mensuais correspondentes a abril, maio e xuño, o que supón unha inxección directa de preto doutros 3,6 millóns nos concellos mariñaos, que ven así mellorada a súa liquidez para asumir gastos imprevistos, o pago a empresas e provedores ou as medidas que consideren oportunas.

Cómputo da Deputación. AXM

O PP PIDE MEDIDAS PARA REACTIVAR A ECONOMÍA PROVINCIAL

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, reclama a “necesaria a intervención da Deputación para reactivar a economía; todos os sectores produtivos están en situación moi difícil”.

O PP lucense insta a Tomé a “deseñar medidas para reactivar a economía provincial“, dado que “mentres os concellos xa aplican medidas que suporán para eles grandes esforzos económicos, a Deputación é incapaz de mobilizar recursos para apoiar directamente aos sectores produtivos”, argumenta.

Igualmente, a presidenta provincial do PP insta a Tomé a “entender que é o momento de presentar un proxecto de provincia, porque a Deputación non pode seguir ausente nestas circunstancias dado que é unha peza clave para saír da crise”, aseverou.

A UME DESINFECTOU RESIDENCIAS NA MARIÑA

A Unidade Militar de Emerxencias (UME) realizou traballos de desinfección pasado luns en varias residencias de persoas maiores na comarca da Mariña, situadas nos concellos de Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo, igual que fixo onte a Brigada de Infantería Lixeira “Galicia” VII (Brilat), que se encargou da desinfección da residencia de Foz.

Efectivos da Brilat en Foz. AXM

VIAXES EROSKI CONVOCA UN CONCURSO EN FACEBOOK

As axencias de Viaxes Eroski de Burela e Ribadeo convocan en Facebook un concurso de fotos e vídeos que representen unha viaxe desde a casa incluíndo un elemento gastronómico típico do lugar elixido.

O xerente de Viaxes Eroski en Burela e Ribadeo, Pedro Fraga, explica as bases do concurso: “todos aqueles que queirades participar teredes que colgar no voso muro de facebook, etiquetando a Viajes Burela Ribadeo e co hashtag #viaxequedatenacasa, unha foto ou vídeo dunha Viaxe Queda na Casa Gastronómica, representando unha viaxe virtual e introducindo o elemento gastronómico típico da zona ou país representado. O concurso terminará o 3 de maio ás 21.00 horas. O premio consistirá nun pack de La Vida es Bella cunha estancia dunha noite para dúas persoas e será para a foto ou vídeo máis votado”, conclúe.

BURELA

SEGUE A CAMPAÑA ‘BURELENSES NO MUNDO’

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, e o alcalde, Alfredo Llano, presentaron o cartel de “Burelenses no mundo”, a  iniciativa que se puxo en marcha hai uns días para facer visible ata onde chegaron os veciños de Burela, “xa sexa por razón de traballo puntual, de vacacións, de viaxes de fin de curso, de estudos ou de emigración”.

Eijo sinalou que “a dinámica para participar é moi sinxela, na páxina web do Concello aparece o cartaz desta iniciativa, e facendo click nel podedes descargar a ficha de participación. Unha vez cuberta só tedes que envíala por correo electrónico a burelensesnomundo@burela.org, xunto coa foto, fotos ou vídeo dunha duración máxima de dous minutos, sacadas nun sitio que non sexa Burela”, concluíu.

Visita do goberno local burelao á Rúa do Hórreo. AXM

ROSALÍA DE CASTRO, LISTA “ESTA SEMANA”

Llano visitou nas últimas horas xunto ao concelleiro Ramiro Fernández Rey as obras realizadas nas rúas Rosalía de Castro e do Hórreo e tamén na estación de autobuses.

O rexedor contou que “estivemos supervisando as obras que tíñamos xa a punto de rematar no noso concello como é o caso da rúa Rosalía de Castro. Agora mesmo están traballando para deixala asfaltada, proximamente rematarase con pintura e zonas de carga e descarga, e ao mesmo tempo de aparcamento. Polo tanto vai quedar lista espero que en dous ou tres días nesta semana e xa se poderá utilizar con toda normalidade”, indicou.

Llano sinalou que “outra que quedou perfecta é a rúa do Hórreo que marcou unha singularidade dese barrio, unha zona extraordinaria e vistosa por excelencia de Burela. Quedou magnificamente rematada e ademais coa motivación para que sexa visitada e poder visualizar todo o porto de Burela. E outra obra que xa está a piques de rematar é a da estación de autobuses. É unha obra que fai a Xunta de Galicia, que era moi necesaria porque tanto a estación de autobuses como a do tren era notorio que había que modificala e arranxala”, zanxou.

MELLORA DE REDES DE PLUVIAIS E RESIDUAIS

Fernández Rey indicou que “a previsión é que neste ano, con cargo ao Plan Único, sigamos avanzando na contorna do parque Rosalía de Castro, no seguinte cruce que ven a continuación desta obra que fixemos. Ademais de aproveitar para mellorar a estética da nosa vila tamén procedemos a mellorar esas redes de pluviais e residuais, que son obras que non se ven, pero que son moi importantes. Supoñen a mellora do saneamento e do funcionamento da depuradora, que xa sabemos que é precario na actualidade. Agardamos que nos vindeiros meses se poida empezar coa licitación da nova depuradora, pero mentres hai que tentar coidar ao máximo posible a que temos”, sinalou.

REUNIÓN COA ACIA

Llano anunciou ademais que “xa teño falado co presidente da Acia de Burela, cando comezou esta crise. Esperamos realizar mañá unha reunión cos membros do colectivo para ir mirando temas que van afectar a curto, a medio e a longo prazo, ver que cousas pode facer o Concello, que nos expliquen a súa problemática e, desde logo, poñer todos o máximo interese en solucionar esta situación e ver como podemos procurar volver á normalidade ou polos menos achegarnos a ela”, rematou.

O PP PIDE AXUDAS ECONÓMICAS “URXENTES”

O grupo municipal do Partido Popular (PP) burelao cualifica de “moi graves” as manifestacións da concelleira Carmela López, na que advertía que o Concello deseña novas medidas de emerxencia para paliar as necesidades de 90 familias en situación de risco social e económico.

“Esas familias, por desgraza, tamén teñen outras necesidades, coma pagar alugueiros, abastecementos de auga e luz, o recibo do lixo… Polo tanto, toca actuar xa e deixarse de planificar, que para iso xa tiveron un mes”, destacan os conservadores.

A concelleira popular, Ana Álvarez, indica que o alcalde e o seu goberno xa tiñan que ter deseñadas e postas en marcha esas medidas. “Quero lembrar que nós presentamos un escrito hai máis dun mes, concretamente o 17 de marzo, no que solicitabamos a ampliación do fondo de continxencia de axudas sociais ás familias, dotado tan só con 17.500 euros, e a súa posta a disposición das persoas e familias necesitadas”, sinala.

Álvarez lembrou que “hai partidas económicas dentro do orzamento prorrogado de 2019, en vigor, que están sen esgotar e pertencen á mesma bolsa de vinculación ca partida na que figuran os 17.500 euros xa citados. Pois ben, as Bases de Execución (BE) do Orzamento, no seu artigo 5, describen o nivel de vinculación xurídica, por exemplo, dentro da mesma área de gasto. Pero, a maiores, e no referido ás modificacións de crédito, hai modificacións que non teñen que ir a pleno e que son executivas dende a adopción do acordo de aprobación (artigo 6.5 das BE). O mesmo acontece coas transferencias de crédito entre partidas que sexan aprobadas polo alcalde, tamén son executivas desde o momento de adoptar o acordo (artigo 10.3 das BE)”.

“HAI OPCIÓNS DE APLICACIÓN INMEDIATA”, DIN OS POPULARES

A viceportavoz popular indica que “como se ve, figuras de posible aplicación inmediata hai, sen necesidade de agardar polos orzamentos deste ano, a súa exposición ao público, a elaboración das bases, convocatoria e resolución, que moi ben nos poderían levar a setembro. Por iso demandamos que se faga xa, porque gañaríamos polo menos mes e medio, e este tempo para estas familias suporía demasiada agarda”, argumentou, para agregar que para aliviar a situación dos veciños “pódense utilizar as partidas relacionadas con cultura”.

LOURENZÁ

O CONCELLO IMPRIME TAREFAS E APUNTES ESCOLARES

A Concellería de Servizos Sociais en Lourenzá organiza un taller de memoria na casa dirixido a toda a veciñanza. Ademais imprime tarefas e apuntes escolares aos alumnos e alumnas que non dispoñan de medios tecnolóxicos para facelo nos seus fogares.

O taller de memoria na casa está dirixido a todos os alumnos e alumnas que participaban nesta actividade antes do confinamento e tamén ao resto de veciños do municipio. O material para os participantes nesta iniciativa será enviado aos seus domicilios a través dun empregado municipal. Os interesados deben contactar cos Servizos Sociais do Concello e falar con Dolores no número de teléfono 982.12.10.36 en horario de 09.00 a 13.00 horas, de luns a venres.

Por outra parte, a impresión de tarefas e apuntes escolares é unha iniciativa que o Concello de Lourenzá leva a cabo en colaboración co CEIP Juan Rey e co IES San Rosendo. Os interesados deben contactar cos Servizos Sociais municipais de luns a venres de 09.00 a 13.00 horas a través do teléfono 982.12.10.36 ou do correo electrónico doloeduca@gmail.com. E despois imprimirán os documentos e enviaranos aos domicilios a través dun empregado municipal no menor tempo posible.

Cartel da iniciativa do Concello de Lourenzá. AXM

MONDOÑEDO

O CONCELLO REUNIRASE CO COMERCIO NON ENGLOBADO NA ACIA

O goberno municipal de Mondoñedo anunciou que inicia unha rolda de contactos cos empresarios e autónomos que non están integrados na Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acia), entidade coa que o Concello mantén unha permanente comunicación.

Os obxectivos desta rolda de contactos son coñecer en que pode ser de axuda o Concello. O outro obxectivo é explicar as medidas que xa se tomaron e deseñar un plan de futuro.

Para abordar estas cuestións, o goberno municipal xa mantivo conversas con todos os grupos municipais que integran a corporación. Igualmente, foron informados de como están a operar os servizos municipais na actual situación, dos resultados nas residencias e de canto está a facer o Concello nestes días.

Para facilitar a relación con todos os sectores produtivos, o Concello creou esta conta de correo electrónico: promocioneconomicamondoned@gmail.com.

SUSPENDE O COBRO DO ALUGUEIRO DE LOCAIS MUNICIPAIS

O Concello de Mondoñedo recorda que dispón das axudas de emerxencia social que ten establecidas, reguladas mediante a ordenanza municipal publicada no Boletín Oficial da Provincia o 7 de febreiro de 2018. Segundo se establece na citada ordenanza, os gastos que poden ser cubertos mediante este tipo de axudas son os seguintes: os derivados das necesidades básicas da vivenda habitual (alugueiro, hipoteca ou recibos de subministración e reparacións básicas urxentes); aloxamento alternativo temporal; alimentación; medicinas e outros produtos de carácter sanitario que non cubra o Sistema Público de Saúde; apoio á conciliación familiar e laboral; transporte; calquera outro gasto que non estando recollido nos apartados anteriores e que os traballadores consideren preciso cubrir.

Por outro lado, o Concello decidiu suspender o cobro de alugueres de locais municipais, entre eles os da Praza de Abastos, e das taxas por recollida de lixo e ocupación de vía pública aos locais que están pechados.

O PSOE PROPÓN UN PAQUETE DE MEDIDAS PARA AFRONTAR O COVID-19

O PSdeG-PSOE de Mondoñedo insta ao Concello a estudar posibles bonificacións para reactivar o comercio local. “Apoiamos o aprazamento do pago de impostos e taxas locais; a exoneración do pago das taxas por ocupación da vía pública, polo tempo no que actividade se atope pechada; a exoneración de taxas por utilización de viveiros municipais, mercados e outras instalacións municipais”, expoñen os socialistas.

“E tamén estudar posibles bonificacións, en impostos como o Imposto de Actividades Económicas, Imposto sobre Bens Inmobles, Imposto de circulación de vehículos de tracción mecánica, imposto sobre construcións, instalacións e obras, a autónomos e pequenas empresas con dificultades económicas como consecuencia do Covid-19”, prosegue.

“Dende o Concello hai que activar todos as alertas, ben sexa a través da ordenanza de emerxencia social ou doutras medidas que se poidan tomar, para axudar de tódolos xeitos posibles a saír desta situación a calquera persoa ou familia en risco“, reclama.

A voceira dos socialistas mindonienses, Esperanza González, suxire tamén “o compromiso para realizar pronto pago a provedores, así como estudar liñas de axudas económicas para a cobertura/pago das cotas dos autónomos que non estean exonerados, estudar caso a caso e sempre dentro da capacidade financeira do Concello e previo aos informes pertinentes”.

ADQUISICIÓN DE MATERIAL

“Para á volta a normalidade é necesario coordinar coas diferentes administracións a adquisición de material como máscaras, Equipos de Protección Individual (EPIs), mamparas ou calquera outro dispositivo encamiñado ao establecemento de medidas de seguridade e saúde relacionadas coa prevención do Covid-19 no Concello”.

No eido turístico, tal e como avanzou a CEL, “son necesarias campañas de difusión turística en toda a provincia”, indica o PSdeG-PSOE. “E sempre que a alerta sanitaria o permita, continuar co programa de actividades impulsadas pola Aciam para esta anualidade, así como iniciar unha nova de campaña de sorteo de vales de compra para incentivar e promover o comercio local”.

HOMENAXE

Finalmente, os socialistas mindonienses cren que “todos os sectores implicados nesta crise, dende os vendedores do súper ou da praza de abastos ata o vendedor de butano merecen unha homenaxe. Todas e cada unha das persoas, as familias, as empresas e os establecementos que están abertos, participando activamente para que todos poidamos saír adiante nesta situación de alarma merecen un recoñecemento. Unha mención excepcional deben recibir os servizos sanitarios, os servizos sociais, as farmacias, as traballadoras de axuda no fogar así como os usuarios e traballadores do Hospital San Pablo e do Asilo, tamén as forzas e corpos de seguridade, empregados municipais, protección civil e todos os mindonienses polo exemplar comportamento que están tendo a longo de estes días”, rematan.

RIBADEO

LOITO POR MIGUEL ÁNGEL DÍAZ E ANDRÉS TOJAL

Acisa lamenta profundamente o pasamento do fotógrafo local, Miguel Ángel Díaz Conde (Foto Miguel), á idade de 43 anos. O colectivo empresarial, do que era socio, transmítelle o seu pesar a familiares e amigos.

“Mostra da súa calidade queda nos traballos fotográficos realizados de eventos e de actividades de Acisa, algo do que nos sentimos orgullosos. Miguel Ángel Díaz era, ademais dun excelente profesional, unha persoa moi xenerosa tanto na súa vida laboral como persoal. Era un socio exemplar. Esta triste nova causou unha forte conmoción na nosa asociación e na vila de Ribadeo na xornada de hoxe”, expuxo o colectivo de empresarios ribadense.

Acisa lamenta o pasamento do ex presidente da asociación, Andrés Tojal Rouco, ocorrido o pasado domingo. Foi o responsable da agrupación desde a súa fundación, o 30 de maio de 1989, ata o ano 1992, momento no que foi substituído por Pablo Vizoso Iglesias, falecido hai pouco máis dun ano. Ambos foron homenaxeados, xunto aos outros presidentes da asociación, cando se cumpriu o 25 aniversario do colectivo.

Acisa agradece o traballo realizado por Andrés Tojal na súa etapa como presidente da asociación.

O PP PIDE AXUDAS ECONÓMICAS DIRECTAS A AUTÓNOMOS E PEMES

O voceiro do PP de Ribadeo, Daniel Vega, considera necesario “actuar de forma inmediata” para impulsar a actividade económica e propón a implicación tanto dos sectores afectados coma dos distintos partidos da corporación municipal.

Vega defende a creación dunha comisión técnica pública-privada consensuada con todos os grupos para establecer unha estratexia económica que palíe os efectos do coronavirus.

O popular sostén que “outorgar liquidez ás empresas contribúe ao mantemento da súa actividade e á protección do emprego ao mesmo tempo que lles facilita o cumprimento das súas obrigas” e, polo tanto, esixe apoio e axudas directas a autónomos e pemes.

De cara ao futuro, dende o grupo municipal do PP ribadense propoñen outro conxunto de medidas en beneficio do desenvolvemento económico do municipio: “a creación dun portal web para a comercialización e distribución de produtos do sector primario, do comercio e do sector hostaleiro local; apoio ao emprendemento; reclamación ao Goberno central do IVE adebedado ao Concello; esixencia a Sepes da redución do coste das parcelas do polígono industrial e apoio á organización de actividades culturais, deportivas e lúdicas ao longo do ano que contribúan á desestacionalización do turismo“.

XOVE

A ESCOLA DE MAIORES SEGUE ACTIVA A DISTANCIA

A Escola de Maiores do Concello de Xove segue en activo dende os domicilios. A Educadora Familiar, Angélica Casabella, elabora material cada dez días para cada persoa participante, que é entregado a domicilio polo vixilante municipal.

Entre o material entregado inclúense fichas de lingua, matemáticas, atención e concentración, estimulación cognitiva e memoria

Deste xeito, a Escola de Maiores continúa coas súas actividades, co obxectivo de  mellorar a calidade de vida e o envellecemento activo dos seus participantes, así como a oportunidade de desenvolver a súa creatividade, aptitudes e habilidades.

VIVEIRO

ENTREGARANSE MÁSCARAS INFANTÍS E A PERSOAS DE RISCO

O Concello de Viveiro habilitou dous números de teléfono para os veciños que precisaran máscaras infantiles ou que pertenceran a algún dos grupos de risco polo Covid-19, para entregarlles os elementos de protección realizados polos voluntarios, pero tendo en conta a gran cantidade de chamadas recibidas informa de que, de momento, non é posible atender máis pedidos.

Coas peticións recibidas ao longo da semana pasada cubríronse as existencias do material disponible; ao longo dos vindeiros días, acabarase de entregar todo o material solicitado ata o pasado venres, xa que todas as peticións recibidas ata ese día van a ser atendidas.

Se houbera previsión de poder dispoñer novamente de material suficiente para poder realizar unha nova entrega de mascarillas, volveríanse a habilitar os números de teléfono, abrindo un novo período para que todos os veciños e veciñas puideran realizar máis pedidos.

POR VIVEIRO PIDE UNS ORZAMENTOS DE EMERXENCIA E UN PLAN DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA

Por Viveiro insta ao goberno municipal á elaboración duns presupostos municipais de emerxencia e a elaboración dun plan de reactivación económica do concello.

“Nesta situación de emerxencia na que nos atopamos, e que afecta a centos de traballadores, autónomos e empresas do noso concello, debemos traballar unidos e poñer todos os medios posibles á súa disposición para evitar un desastre económico”, indica o voceiro da formación independente, Bernardo Fraga.

Na reunión mantida por todas as forzas políticas da corporación co comercio, a proposta independente, indica Por Viveiro, foi a de instar ao goberno municipal á elaboración duns orzamentos municipais de emerxencia, así como a creación dun plan de reactivación para o sector servizos de Viveiro, o cal supón un 50% da nosa actividade económica.

“O comercio e hostelería local, hoxe pechados, supoñen centos de postos de traballo, directos e indirectos, que dadas as circunstancias actuais, están en risco serio de desaparición. O Concello debe actuar rápido e poñer todos os recursos posibles á disposición dos que máis o necesitan neste momento”, remarca.

Os independentes de Por Viveiro ademáis, avogan por empregar os recursos económicos que ían ser destinados ás actividades culturais, deportivas e festivas, que xa non se levaron adiante, nin se levarán durante o verán; nas axudas a traballadores, autónomos e pemes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here