Todos negativos na residencia de Trabada e na de Foz recupéranse os sete obreiros infectados

O Sergas contabiliza once positivos entre usuarios e empregados nos xeriátricos da Mariña

Residencia de Trabada. AXM

A totalidade dos maiores (26) e traballadores (24) da residencia de Trabada deron negativo nas probas para detectar o coronavirus, segundo concretou a dirección do xeriátrico.

Obreiros e usuarios sometéronse aos tests o mércores da semana pasada e a maioría dos analizados soubo o resultado o pasado venres, aínda que tres persoas deberon repetir a proba por un erro na súa realización. Finalmente, este xoves coñeceuse que deron negativo.

A directora do xeriátrico, Silvia Murias, asegura que o persoal está “moi contento polos usuarios e polas familias. É un impulso para nós saber que estamos todos sen o virus, pero tamén unha chamada de atención para seguir tendo as máximas preocupacións”, explica.

Murias expón a presión que asumen estes días as traballadoras nas residencias. Remarca que os resultados negativos “dinnos que os usuarios están ben agora mesmo, polo que a única vía posible pola que se poden contaxiar é a través de nós. Só nos queda insistir e facer moita forza para cumprir escrupulosamente todas as medidas de seguridade e estar moi atentos”, salienta. “Hai factores que non dependen de nós, como cando unha persoa se ten que desprazar obrigatoriamente para unha consulta ou hospitalización, pero agora temos a seguranza de que estamos a cumprir coa nosa parte ao 100%”, subliña.

FOZ

Por outra banda, na residencia de Foz todos os traballadores -sete- que resultaran infectados deron negativo nas probas, segundo confirmou a directora do xeriátrico, Fátima Fernández. Catro deles incorporáronse xa ao traballo tras superar o virus e outros tres farano nos próximos días, segundo a mesma fonte.

Deste xeito, queda unha usuaria do centro con positivo, que permanece ingresada no hospital Virxe dos Ollos Grandes de Lugo.

RIBADEO

En Ribadeo, o persoal e maiores sometéronse aos tests o pasado mércores, polo que esperan os resultados nos vindeiros días.

ONCE POSITIVOS

Tres maiores e unha traballadora da residencia de Cervo; dous residentes da vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, de Ribadeo; outros dous de Betania (Viveiro); e dous empregados do xeriátrico de Burela son os casos activos segundo o cómputo do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

En Xove, todos os usuarios (127) e traballadores (61) da residencia San Bartolomeu deron negativo nas probas realizadas. Tampouco se atopan afectados, trala realización dos tests e a recuperación dun obreiro, no centro de maiores San Rafael de Mondoñedo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here