Estes días de confinamento por mor do coronavirus, o humor quítanos do tedio. Perdomo e Touriñán improvisan nas redes sociais, os memes multiplícanse e Pantomima Full sácanlle punta a todo, pero ao final con quen máis te ris é con eses amigos que teñen unha retranca que che fai doer a barriga. E entre os centos de Whatsapps que tes por ler sempre hai algún que che provoca unha sesión de abdominais gratuíta, sen moverte do sofá. Como diría un colega, esa xente auténtica, que sorprende cada día por moito que a coñezas, é “a alma“.
En Xove, entre a comunidade educativa da clase Simba de terceiro de primaria do Ceip Caselles Rollán, a alma é Albano Riveira Paleo.
Todas as noites, entre as 22.00 e as 23.00 horas, as familias están pendentes do móbil. Pais e crianzas e profesorado agardan por unha rutina, bendita rutina, que leva animándolles a corentena desde a primeira prórroga do estado de alarma: o whatsapp de Albano.
MAXIA, CANCIÓNS OU BAILES
No grupo de whatsapp para enviar tarefas ou deberes acabouse coando un momento de relaxación, que, aseguran as familias, vale ouro. “Uns días é un truco de maxia, outros unha imitación, outras veces colle cancións e cámbialles a letra, como fixo con ‘20 de abril‘, deu unha clase de aerobic humorística, disfrázase, baila, fai cousas para os pícaros…”, enumera unha nai, Raquel Murados Díaz, que explica que “estamos sempre esperando que chegue esa hora da noite. Aos nenos encántalles e aos pais tamén; algúns están sós e agradéceno moito”, remarca.
Durante o último mes, Albano non fallou “nin un só día, nin domingos nin na Semana Santa”, explica Murados, e sempre ofreceu “algo novo. Todo o mundo está desanimado, xa é moito tempo sen poder saír, cos nenos na casa, e a verdade é que rompe a rutina e fainos irnos cun sorriso para a cama. Estamos todos pendentes de que nos mande a actuación”, indica.
AGRADECEMENTO
Boa parte das arredor de vinte familias que desfrutan do “show” deste xovense enviou unha mensaxe ao Xornal da Mariña para contar o que supoñen para elas as actuacións. Estas son algunhas delas: “pasámolo bomba contigo”; “esperamos con ansia todas as noites ese momento no que non pensamos en nada máis”; “a hora punta é a de Albano, agardámola con ilusión e nerviosismo”; “é unha persoa especial capaz de quitarche un sorriso cada día nunha situación tan complicada coma esta”; “noraboa pola túa autenticidade”; “vou para a oficina de bo humor”; “aquí levántanse preguntando que cantou Albano onte”; “acabo feliz como unha perdiz, tanto que me veño arriba e acabo montando un concerto eu soa”.
Polo de agora quédannos días de confinamento e ducias de preguntas sobre como será o despois, sobre cando poderemos vivir cunha certa normalidade. Mentres, para resgardarnos quédanos a xente auténtica, con alma. Ás familias do colexio de Xove quédalles o whatsapp de Albano.