Viveiro acorda con Viaqua medidas para facilitar o pago da auga

O BNG solicitará no Congreso axudas e promoción para o sector pesqueiro

Concello de Viveiro. GALIPEDIA/XOSEMA

O Xornal da Mariña repasa medidas adoptadas polas Administracións, así como propostas de partidos e asociacións, con respecto á pandemia do coronavirus.

A MARIÑA

O BNG SOLICITARÁ NO CONGRESO APOIO PARA A PESCA

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantivo na tarde do pasado martes unha reunión telemática con varios representantes do sector pesqueiro da Mariña –Sergio López, da OPP Lugo, Eduardo Míguez, de Porto de Celeiro, Basilio Otero, presidente da Federación de Confrarías, e Miguel Neira, de Absa– para coñecer a “profunda preocupación” deste ámbito por “o descenso da venda de peixe e a gran caída dos prezos como consecuencia da redución da demanda, especialmente polo cesamento da actividade na hostalaría e restauración”.

Con esta “redución de ingresos” mesmo para os barcos que mantiveron a súa actividade, Rego comprometeuse a reclamar no Congreso medidas de apoio e axudas para o sector “que compensen esas perdas”.

PROMOCIÓN

En particular, o sector considera “fundamental” o fomento do consumo dos produtos do mar, algo no que o deputado nacionalista destacou o papel da Xunta e do Goberno central con políticas de promoción.

Ademais, Rego solicitará ao Goberno do Estado a atención ás reclamacións do sector e, especificamente, as modificacións que fosen necesarias para que sexan de aplicación o uso dos fondos da Unión Europea, como a FEMP, para que persoas afectadas pola crise xerada como consecuencia da emerxencia sanitaria poidan percibir axudas.

Por outra banda, o BNG solicitará que se resolvan canto antes as dificultades actuais para o traslado de tripulacións e trasladará a petición do sector de declarar aos pescadores como un colectivo sensible. A maiores, reclamará medidas de protección para o persoal embarcado.

Videoconferencia de Rego con representantes do sector. AXM

A XUNTA PIDE UN PROTOCOLO ESPECÍFICO ANTE POSITIVOS NOS BARCOS

O sector pesqueiro tamén se entrevistou co delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro.

Segundo expón a Xunta, “un dos aspectos que máis preocupa á flota é a xestión da incidencia do Covid-19 e, nese senso, Balseiro explicou que a Xunta vén de demandar ao Goberno central a habilitación dun protocolo de actuación específico para os casos de posibles enfermos por coronavirus a bordo dos buques, unha petición que o propio sector demandou como prioritaria”.

O CARLA, EXEMPLO

A experiencia acontecida no buque Carla, de bandeira francesa pero atracado no porto de Burela, considera a Xunta, esixe revisar o procedemento a seguir nestes casos para evitar que derive nunha atención ineficiente ou en esperas prolongadas nos peiraos por dilacións ou por adiantos nas comunicacións de chegada aos portos das embarcacións afectadas.

NOVA ENTREGA DE MATERIAL ÁS RESIDENCIAS DA DEPUTACIÓN

A Deputación informou de que se entregaron 11.500 unidades de elementos de protección que se repartiron de maneira proporcional seguindo os informes técnicos do servizo de Benestar Social nas residencias de Trabada, Pol, A Fonsagrada e Ribadeo.

Este reparto inclúe 5.440 máscaras, 3.600 calzas, 2.400 gorros e oito xeles hidroalcólicos, adquiridos con fondos propios da Deputación e destinados aos usuarios e usuarias das residencias e para o conxunto do cadro de persoal que traballa nelas. Por centros, cada un deles recibiu 1.000 máscaras cirúrxicas, 300 mascarillas FFP2, 60 FFP3, 900 calzas, 600 gorros e dous xeles hidroalcólicos dun litro.

Reparto de material de protección da Deputación. AXM

Este é o cuarto envío de material de protección que a Deputación de Lugo realiza aos centros de atención a maiores da súa titularidade durante o estado de alarma.

BURELA

O CONCELLO QUERE LEVAR OS ORZAMENTOS A PLENO EN MAIO

No Concello de Burela celebráronse nas últimas horas as comisións informativas telemáticas para preparar o pleno que terá lugar o vindeiro xoves, 30 de abril. A sesión podería ser emitida vía streaming, aínda que esta posibilidade está pendente de confirmación. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que o seu equipo traballa na elaboración do orzamento municipal para 2020, que tentarán levar a pleno o vindeiro mes de maio.

Llano lembrou que “faremos o pleno extraordinario que corresponde celebrar o día 30, para tratar catro puntos: o inventario, a incorporación de Burela a Concellos polo clima e pola enerxía, imos tamén adxudicar a empresa de limpeza e aprobaremos o Plan Único, que temos para este ano 2020”.

Llano manifestou que “este é un pleno no que nos apura o Plan Único, que ao mellor non hai tanta presa porque o prazo non remata o día 3, como estaba previsto, senón que entrará en prazo despois do estado de alarma, e sobre todo a adxudicación da empresa que se vai encargar da limpeza viaria en Burela”.

O rexedor anunciou que “trataremos tamén de levar a pleno, en maio, o orzamento no que agora mesmo xa se está traballando e estamos en contacto coa Intervención para que se logre levalo a aprobación o vindeiro mes”, remata.

LEMBRAN O PRECINTADO DAS FONTES

A Concellería de Medio Ambiente lémbralles aos veciños e veciñas de Burela que non está permitido o uso das fontes públicas mentres siga o estado de alarma.

A edil Toñi Eijo dixo: “desde o Concello de Burela queremos recordarlle aos nosos veciños e veciñas que non está permitido o uso das fontes públicas mentres esteamos en estado de alarma polo Covid-19. Parécenos un bo momento para recordalo, porque agora que podemos saír a pasear cos nosos fillos de ata 14 anos, quizais nos acerquemos a algunha fonte e bebamos dela. Dende o Concello, seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade, prohibimos o seu uso, e procedemos a sinalalo mediante carteis, xa que as fontes públicas poderían ser un punto de contaxio”, zanxou.

CARREIRAS E A MONCLOA FAN DOAZÓNS

O Concello burelao segue a recibir doazóns para as familias máis vulnerables do municipio. A asociación A Moncloa e Distribuciones Carreiras únense á lista coas súas achegas, que agradece a edil Carmela López.

A concelleira de Servizos Sociais subliña que “as familias que reciben produtos do Banco de Alimentos de Lugo, como froita e verdura, esta semana van contar cun saco de patacas de 20 quilos. Será un saco por familia”.

Carmela López ten palabras de agradecemento para a empresa Distribuciones Carreiras, “xa que ven de doarnos 46 caixas de refrescos variados para que nas casas dos que teñen menos recursos non falte de nada”, resalta.

A edil burelesa amósase especialmente agradecida coa asociación de xubilados A Moncloa “porque veñen de achegarnos 200 euros. Trátase da recadación efectuada na Santa do porto. Eles fan habitualmente a doazón para a alfombra floral das festas patronais, pero nesta ocasión puxéronse en contacto comigo para destinar eses cartos a bens de primeira necesidade para o reparto que faremos mañá, martes. Entón decidimos mercar leite”, explica.

PP INSTA AO CONCELLO A USAR O PLAN DE COOPERACIÓN PARA ALIVIAR A CRISE

O PP de Burela advirte ao alcalde que pode destinar o 100% dos fondos que recibe do Plan de Cooperación da Xunta de Galicia á crise do coronavirus. O voceiro, Manuel Rouco, apela así “a responsabilidade” do socialista para “facer unha xestión eficaz, priorizando o gasto e os recursos que demandan os cidadáns por mor da situación sanitaria que atravesa todo o país”. En total, a cantidade recibida ascende a 331.248 euros, dos que 110.754, correspondentes ao primeiro trimestre, xa foron aboados.

CERVO

O SERVIZO MUNICIPAL DE IMPRESIÓN FIXO CEN ENTREGAS

O Concello de Cervo realizou un cento de entregas de material didáctico a domicilio desde o inicio da crise sanitaria.
O servizo “Imprimimos por ti” púxose en marcha, a través da delegación de Educación e en colaboración co CEIP Península da Paz, co CEIP de Cervo e con IES Marqués de Sargadelos, a comezos deste mes de abril.

Reparto de material didáctico en Cervo. AXM

Recordan que as familias interesadas poden contactar co equipo docente do seu centro de ensino ou directamente co Concello a través do correo dinamización@concellodecervo.com ou do teléfono 691.656.600. Este servizo está dispoñible tamén para rapaces e rapazas de ensinanzas de FP ou universitarios/as que o precise.

RIBADEO

POR NUESTRO FARO AFEA AO CONCELLO PUBLICITAR UN NEGOCIO PRIVADO EN FACEBOOK

O colectivo Por Nuestro Faro amosa a súa sorpresa “ao descubrir que o Concello de Ribadeo publicita un negocio privado a través de unha fotografía aparecida na páxina de FacebookTurismo de Ribadeo” tomando parte directa no apoio á privatización do espazo, sendo que non fai o mesmo con outros establecementos do sector”.

“Consideramos improcedente que o Concello utilice os medios públicos para facer publicidade de unha empresa privada xerando un agravio comparativo que non pode pasar desapercibido. Entendemos, polo demais, que esta maneira de actuar é coherente co a política que vén seguindo o goberno municipal neste tema, dende o ano 2014, cando se ocultou aos ribadenses a xestión que se estaba iniciando para privatizar a Illa Pancha. Sen ir máis lonxe, hai varias semanas enterámonos pola prensa de que a empresa adxudicataria da concesión estaba xestionando, dende unha data que o concello mantivo oculta á opinión pública, un novo proxecto de cafetería“, resalta.

“Respecto deste asunto presentamos un escrito no rexistro do concello pedindo o acceso ao expediente deste plan, unha petición non debera ser necesaría nunha sociedade medianamente democrática”, lamenta o colectivo, que segue “na agarda” de que “se nos recoñeza o dereito a consultar o novo proxecto de cafetería”.

ACCESO LIBRE A ILLA PANCHA

Outro punto que debemos lembrar é o asunto do dereito ao acceso libre á Illa Pancha que vimos reclamando dende hai moitos meses e que o concello debera esixir á empresa concesionaria dende o día 1 de decembro de 2017, por ser a data de concesión da licenza de actividade pero que non se fixo efectiva a día de hoxe.

VIVEIRO

O CONCELLO ACORDA CON VIAQUA O FINANCIAMENTO OU O APRAZAMENTO DE FACTURAS A FAMILIAS EN DIFICULTADES

O Concello de Viveiro vén de aprobar os padróns de auga e canon de saneamento, rede de sumidoiros e taxa de recollida de Lixo, correspondentes ao primeiro trimestre do 2020, iniciándose o cobro destes recibos a partir do 30 de abril.

Atendendo á crise sanitaria e económica actual, o Concello de Viveiro mantivo diversas conversas con Viaqua -empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga– e, de forma conxunta, acordouse a adopción dunha serie de medidas que se establecen co obxectivo de facilitar o pago dos recibos deste servizo:

O financiamento ou aprazamento de facturas, sen intereses, a todos os colectivos que ante esta situación excepcional presenten dificultades no pago das súas facturas; para isto, os usuarios deben contactar telefonicamente coa empresa concesionaria, que analizará cada situación en particular co fin de flexibilizar os pagos.

O plan de cota fixa (Plan 12 Gotas), ofrecido pola empresa concesionaria, que pode solicitar calquera cliente e que permite pagar todos os meses o mesmo importe en base ao consumo do ano anterior, regularizando ao final de ano a situación. No caso de que o importe sexa superior ou inferior ao consumido, devólvese a cantidade ou finánciase a pagar nos seguintes meses, respectivamente. Este plan ofrece a posibilidade de elexir a data do mes que prefira para a domiciliación bancaria.

SUSPENSIÓN DOS CORTES

A suspensión de todos os cortes de subministro; aínda que xa non se cortaba o suministro de auga a persoas en situación de vulnerabilidade económica, coa declaración de emerxencia sanitaria, ampliouse esta medida a todos os clientes, paralizando calquera acción de reclamación de débeda ou de cortes de subministro. Desta forma, garántese que un ben básico como é a auga chegue a todos os fogares; nun momento, ademais, no que a hixiene se convertiu nunha acción indispensable para previr o contaxio do Covid-19.

A ampliación do prazo do período voluntario de pago de facturas a 90 días.

BNG PIDE RECUPERAR A PROPOSTA DO PLAN DE PAGO PERSONALIZADO DE IMPOSTOS

Dada a difícil situación actual que están a vivir milleiros de veciñas e veciños de Viveiro, o BNG cre máis que nunca necesario, que o goberno municipal do PSOE reconsidere a súa postura de rexeitamento do Plan de Pago Personalizado de Impostos Municipais defendido pola voceira nacionalista no pleno do mes de novembro de 2019.

A flexibilización no pago dos impostos municipais proposta, con bonificación incluída, realizaríase a través dun plan personalizado das cotas municipais en pagos mensuais, bimestrais, trimestrais, semestrais ou anual. Un Plan ao que se podía adherir as veciñas, veciños e empresas de xeito voluntario.

Trátase en definitiva, afirma Miriam Bermúdez, “dun Plan tributario á carta que pode contribuír a que a veciñanza chegue máis aliviada a fin de mes, ademáis de evitar ter que solicitar aprazamentos ou fraccionamentos das súas débedas tributarias, o que suporía pagar un recibo máis abultado debido ao abono de intereses. Trátase dun instrumento legal que daría a máxima facilidade posíbel á veciñanza para pagar as obrigas tributarias da facenda local e podendo decidir cada veciñx ou empresa os prazos e as cantidades que mellor se axustasen ás súas necesidades”, conclúe a concelleira.

DESINFECCIÓN

Vehículos pertencentes á Demarcación de Estradas realizaron labores de desinfección en diferentes tramos de vías públicas e cun total aproximado de doce quilómetros, desde Celeiro ata Magazos.

Desinfección en Viveiro. AXM

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here