Denuncian oito meses de espera por un cateterismo no Hospital da Costa

O paciente precisa o exame para saber se pode ser operado dunha doenza cardíaca

Edificio vello do Hospital da Costa. ARQUIVO XORNAL DA MARIÑA

Un paciente do Hospital da Costa leva oito meses de espera para facer un cateterismo que sirva para valorar se pode ser operado dunha válvula cardíaca, segundo denuncia a Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da MariñaO doente presentou dúas reclamacións no rexistro do centro e non tivo resposta. 

O colectivo explica que esta persoa foi operada hai 49 anos dunha coartación aórtica e debe acudir periodicamente a revisións en cardioloxía. Nunha destas probas, o persoal médico do hospital detectoulle unha nova lesión valvular. O seguinte paso da folla de ruta é realizar un cateterismo para avaliar a situación e decidir se precisa cirurxía.

o doente presentou dúas reclamacións en abril, sen resposta

O doente asinou o consentimento para facer este procedemento o 7 de setembro do 2017. Ademais, precisa facer unha biopsía urolóxica, proba que descarta ou documenta a existencia dun cancro, mais o servizo de uroloxía non realiza a proba sen un cateterismo e sen que se resolva primeiro a súa doenza cardiolóxica. Por iso, co apoio da plataforma mariñá, rexistrou unha reclamación o 2 de abril, con número de entrada 1045.

A dita reclamación non foi atendida pola xerencia do Hospital da Costa, polo que o paciente presentou unha nova demanda oito días despois, o 10 de abril, con número de rexistro 1458. Un mes máis tarde, láiase de que ninguén contactou con el e de que segue sen cita para realizar o cateterismo no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (HULA).

“UNHA BURLA”

A Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña asegura que este caso “constitúe unha burla e unha falta de respecto cara os pacientes, que están a sufrir uns recortes brutais por parte da Xunta de Galicia“. O colectivo advirte de que os cidadáns da bisbarra “están a ter moita paciencia cos responsables da política sanitaria de Galicia. Por iso, que non descarten que os doentes pasen polos xulgados, como se indica de xeito moi claro nas reclamacións que se presentan”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here